DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 08 de outubro de 2009 Páx. 15.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2009 pola que se convocan os foros sobre a directiva servizos e o incremento da competitividade: unha oportunidade para Portugal, España e Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse os foros sobre a directiva servizos e o incremento da competitividade: unha oportunidade para Portugal, España e Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Os devanditos foros teñen como obxecto informar sobre a significación, operatividade e efectos da directiva de servizos así como da normativa estatal de transposición daquela. En especial, destacarase o novo réxime xurídico da Administración en materia de autorizacións e licenzas, así como a liberalización da prestación dos servizos, e o impacto da directiva no funcionamento das entidades locais e nos colexios profesionais.

2. Contidos:

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-I Foro:

A directiva desde a perspectiva europea: liñas xerais e marco comparado.

A directiva servizos como instrumento de concreción do mercado único; en especial, o seu impacto nos contratos públicos.

A repercusión económica da directiva.

A repercusión da liberalización do sector da enerxía.

A transposición da directiva de servizos en Portugal.

A directiva de servizos desde a vertente da competencia.

-II Foro:

O desenvolvemento do portelo único en España.

O desenvolvemento do portelo único en Portugal.

Elaboración e principios da directiva de servizos.

A boa administración na directiva de servizos.

O procedemento administrativo na directiva de servizos.

O réxime autorizatorio nas administracións públicas tras a directiva de servizos.

A transposición da directiva nos entes locais.

-III Foro:

Encontro cos representantes da Administración, sectores sociais e profesionais afectados pola directiva.

Mesas redondas sobre o impacto da directiva de servizos nos colexios profesionais, na construción, informáticos, no turismo, no comercio, etc.

3. Destinatarios:

Persoal ao servizo da Administración pública galega.

4. Desenvolvemento:

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid 2-4, Santiago de Compostela.

Datas:

I Foro: 15 e 16 de outubro.

II Foro: 5 e 6 de novembro.

III Foro: 19 e 20 de novembro.

Duración: 10 horas lectivas cada foro.

Horario:

1º día: mañá e tarde.

2º día: mañá.

5. Número de prazas:

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes:

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa Madrid 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo:

O prazo de presentación de solicitudes finalizará:

-I Foro: o mércores 14 de outubro.

-II Foro: o mércores 4 de novembro.

-III Foro: o mércores 18 de novembro.

8. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos foros, así como a facultade de cancelalos se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia:

Será entregado un certificado de asistencia, ao final dos foros, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "19800D008P019.PDF"