DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 08 de outubro de 2009 Páx. 15.949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 16 de setembro de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación Centro Tecnológico Textil e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Economía e Industria.

Con data do 4 de agosto de 2009, publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 151 a orde de Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 27 de xullo de 2009, pola que se clasifica como de interese tecnolóxico a Fundación Centro Tecnológico Textil, adscribíndose á Consellería de Economía e Industria, que terá que exercer o protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto, contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e avance da competitividade no ámbito das tecnoloxías da cadea téxtil, confección, moda e calzado mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. De xeito prioritario, este obxecto concretarase na construción, dotación de recursos, posta en marcha, organización e xestión do Centro Tecnológico Textil.

Así mesmo, outros fins específicos da fundación serán:

a) A produción, promoción e divulgación do coñecemento, especialmente no campo das tecnoloxías de aplicación á cadea téxtil, calzado, confección e moda, así como a formación de persoal técnico e científico experto en tales tecnoloxías

b) O fomento de colaboracións académicas e científicas con universidades e grandes centros de investigación estatais e estranxeiros, especializados en tecnoloxías de aplicación á cadea téxtil, calzado, confección e moda.

c) O establecemento de colaboracións e outros mecanismos de cooperación, na forma que legalmente proceda, coas administracións públicas e o sector privado nas materias propias da súa actividade, para a mellora da súa capacidade tecnolóxica.

d) O achegamento, confluencia e coordinación das investigacións básica e aplicada, operando como centro de transferencia de tecnoloxía cando resulte procedente.

e) A organización de encontros e reunións científico-tecnolóxicos de ámbito autonómico, estatal e interestatais.

f) Calquera outra finalidade que o padroado considere de interese para os beneficiarios da fundación e que contribúa ao cumprimento dos fins fundacionais.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido nos artigos 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnológico Textil ao cumprir os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Artigo 2º

Ordenar a inscrición da Fundación Centro Tecnológico Textil no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Artigo 3º

Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través da memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria