DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 08 de outubro de 2009 Páx. 15.938

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN conxunta do 29 de setembro de 2009, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca un concurso de premios para a elaboración de carteis, fotografías, soportes audiovisuais e ilustracións que teñan como tema os dereitos das persoas consumidoras, dirixido ao alumnado de escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria teñen, desde o ano 1998, establecidas liñas de actuación conxunta cara a impulsar as actividades para o desenvolvemento da educación para o consumo en todos os ámbitos da ensinanza regrada non universitaria.

Como queda reflectido nos distintos textos lexislativos, a educación para o consumo representa un tema relevante no ámbito educativo e desenvolve un papel de mediador entre os intereses e as necesidades da sociedade actual.

Por outra banda, un punto sumamente importante que debe abordar a educación para o consumo é o dos medios de comunicación de masas. Resulta imprescindible dotar o alumnado de coñecementos básicos que permitan afrontar con actitude crítica e selectiva a ampla oferta de produtos e servizos presentada a través das campañas de publicidade.

As artes constitúen tamén un elemento fundamental para o crecemento económico e social porque este ámbito contribúe á reconversión de sectores produtivos tradicionais, especialmente en aspectos relacionados coa produción cultural, artística, tecnolóxica, audiovisual e científica.

O Libro Branco da Educación para o Consumo en Galicia (2003) recolle nas súas recomendacións o labor de difusión dos dereitos dos consumidores como un obxectivo prioritario na política de defensa destes. Esta necesidade require da concorrencia de múltiples accións informativas e formativas impulsadas desde a propia Administración galega.

En relación con todo o anterior, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria conflúen no interese de dirixir as accións formativas no ámbito de consumo a todos os estamentos da educación regrada non universitaria, en especial a sectores non atendidos con anterioridade, polo que convocan para o ano 2009 un concurso de premios dirixido ao alumnado de escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos, para a elaboración de carteis, fotografías, soportes audiovisuais e ilustracións sobre os dereitos das persoas consumidoras interpretados a través dunha perspectiva artística, plástica e audiovisual.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar un concurso de carteis, ilustracións, fotografías, vídeos e cuñas de radio que teñan como tema os dereitos das persoas consumidoras en xeral ou algún deles en particular, usando como vehículo a creación artística.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderá participar neste concurso o alumnado matriculado nos distintos ciclos e especialidades das escolas de arte, ciclos superiores de deseño e produción editorial, ciclos superiores de comunicación, imaxe e son e bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuíndose os participantes nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A: carteis. Dirixida ao alumnado das escolas de arte e ciclos superiores de deseño e produción editorial.

2. Modalidade B: fotografías. Dirixida ao alumnado das escolas de arte e ciclos superiores de deseño e produción editorial.

3. Modalidade C: vídeos. Dirixida ao alumnado de ciclos superiores de comunicación, imaxe e son.

4. Modalidade D: cuñas de radio. Dirixida ao alumnado ciclos superiores de comunicación, imaxe e son.

5. Modalidade E: ilustracións. Dirixida ao alumnado de bacharelatos artísticos.

Artigo 3º.-Dotación económica.

Outorgaranse tres premios de 1.400, 900 e 700 euros, respectivamente, para o primeiro, segundo e terceiro clasificado en cada unha das modalidades citadas no artigo anterior.

Os premios, por unha contía total de 15.000 euros, faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2009, na que existe crédito axeitado e suficiente.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos remata o día 10 de novembro de 2009.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten en cada unha das cinco modalidades irán acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida á presidenta do Instituto Galego de Consumo segundo o modelo de solicitude que figura como anexo desta resolución.

b) Un certificado do centro onde os/as participantes efectúen os seus estudos, nos que consten os datos de cada alumno/a, curso e modalidade educativa que realiza.

c) Fotocopia do NIF.

d) Certificación da conta bancaria expedida pola entidade bancaria correspondente, na que conste o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente cuxa titularidade corresponda ao solicitante ou, no caso das persoas menores de idade, ao solicitante ou á persoa que exerza a súa representación legal ou tutela.

2. Os traballos que participen, acompañados da documentación antedita, deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999.

3. O Instituto Galego de Consumo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, o Instituto Galego de Consumo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito achegando identificación suficiente ao Instituto Galego de Consumo, avenida Gonzalo Torrente Ballester nº 1-5, 15707 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Características dos traballos.

Os traballos que concursen nas distintas modalidades presentarán as seguintes características:

1. Con carácter xeral:

a) Deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) No caso de incluír texto, estará redactado en calquera dos dous idiomas oficiais da comunidade autónoma.

c) Non poderán incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

d) No caso de que aparezan menores, deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización para o uso da súa imaxe asinada polos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos menores.

e) Eliminaranse os estereotipos sexistas e/ou discriminatorios e fomentarase o igual valor de homes e mulleres.

2. Con carácter específico para cada modalidade:

a) Modalidades A e E, carteis e ilustracións: presentarán unhas dimensións máximas de 50×70 centímetros. Estarán montados sobre unha base ríxida, preparados para a súa exposición. A técnica empregada será libre. Estes traballos acompañarán na parte traseira unha nota do autor ou autores explicando brevemente a composición en relación ao dereito que se representa.

b) Modalidade B, fotografías: presentaranse impresas en papel fotográfico, en branco e negro ou cor, cunhas dimensións mínimas de 18 centímetros e máximas de 40 centímetros no seu costado máis longo. Estarán montadas sobre unha base ríxida, preparadas para a súa exposición. A técnica empregada será libre, debendo achegarse nunha ficha técnica as características do tratamento fotográfico, se o houbese, acompañado dunha nota do autor/es que explique brevemente a composición en relación ao dereito que se representa.

c) Modalidade C, vídeos: terán unha duración máxima de 3 minutos, incluíndo os títulos de crédito. Presentaranse coa mellor calidade de visionado posible nalgún dos formatos seguintes: MPG (en calquera das súas versións), WMV, AVI e MOV. Acompañará ao vídeo unha carátula en formato JPG, realizada para a súa presentación, cun peso máximo de 100 K.

d) Modalidade D, cuñas de radio: terán unha duración máxima de 30 segundos. Presentarase en formato MP3 e irán gravadas nun disco compacto. Acompañará a cuña unha carátula en formato JPG, realizada para a súa presentación, cun peso máximo de 100 K.

Artigo 7º.-Xurado.

1. Os traballos que se presenten nas distintas modalidades serán examinados e avaliados por un xurado que presentará a seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa que designe.

b) Vicepresidenta: a presidenta do Instituto Galego de Consumo ou persoa que designe.

c) Vogais:

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante do Instituto Galego de Consumo.

-Un representante das asociacións de consumidores designado polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

d) Secretaria: a xefa de sección de Educación e Formación do Instituto Galego de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos, cando as características dos traballos así o permitan.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Os traballos presentados nas distintas modalidades serán avaliados segundo os seguintes criterios:

a) Adecuación dos traballos ao tema proposto: ata 4 puntos.

b) Claridade da mensaxe: ata 2 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade: ata 2 puntos.

d) Calidade técnica e artística: ata 2 puntos.

Artigo 9º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 15.000 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2009, no que existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os destinatarios dos premios teñen a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de que calquera das condicións establecidas para a súa concesión fose incumprida, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 10º.-Difusión e publicación.

A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos que resulten gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Calquera apropiación indebida de dereitos de autor ou autoría nas fotografías, carteis, soportes audiovisuais e ilustracións que se presenten ao concurso é responsabilidade da persoa que os presenta.

Artigo 11º.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as representan poderán retirar os traballos non premiados, no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se o concurso de premios non se resolvese antes do 31 de decembro de 2009.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e á presidenta do Instituto Galego de Consumo, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, ante o órgano que a ditou, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución atenderase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa autonómica, estatal e comunitaria que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Facúltase a presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad María Nava Castro Domínguez

Conselleiro de Educación Presidenta do Instituto Galego

e Ordenación Universitaria de Consumo

Ver referencia pdf "19800D001P006.PDF"