DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 07 de outubro de 2009 Páx. 15.903

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2009 pola que se fai pública a realización dun curso de posgrao interuniversitario sobre Empresa Pública e Emprego Público: un enfoque xurídico, económico e de valores.

A Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Autónoma de Barcelona teñen previsto desenvolver un curso de posgrao «Empresa Pública e Emprego Público, un enfoque xurídico, económico e de valores».

A referida acción está relacionada coas accións formativas realizadas pola EGAP e resulta de interese para a formación e o perfeccionamento das/os empregadas/os públicas/os, nos termos da Resolución do 19 de novembro de 2008, pola que se establecen o procedemento e os requisitos de homologación de accións formativas por parte da EGAP.

O devandito curso desenvolverase de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Será requisito necesario para a realización deste curso estar cursando ou ter cursados estudos universitarios na data da convocatoria.

Segunda.-Criterios de selección.

A selección das/os aspirantes será efectuada por unha comisión académica designada para este efecto e que terá en conta a titulación ou estudos universitarios, os coñecementos previos no ámbito do emprego público, ou da empresa pública, no ámbito das relacións laborais, así como a experiencia profesional relacionada coa temática do curso; e de ser o caso, farase unha entrevista persoal.

Terceira.-Características do curso.

Duración: 300 horas (200 horas presenciais e 100 virtuais).

Lugar: EGAP, situada no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

Datas: do 23 de outubro de 2009 ata o 9 de xullo de 2010 (os venres pola tarde) das 16.00 ás 20.00 horas.

Prazas: 35.

Cuarta.-Obxectivos do curso.

O obxectivo perseguido polo curso é implicarse decididamente na formación para a dirección das administracións públicas ou empresas públicas no contexto de valores actual.

Este curso desenvolve unha acción específica de formación de profesionais do emprego público e da empresa pública, onde a calidade é un factor horizontal, así como a formación en temas xurídicos e de valores utilizando ferramentas TIC.

Ademais, pretende facilitar unha potencial e eficaz cualificación profesional nun ámbito actual condicionado pola sociedade da información e das novas tecnoloxías, facilitándolle ás/aos empregadas/os públicas/os a posibilidade dunha maior accesibilidade á actualización profesional que lles facilite acadar maiores cotas de responsabilidade profesional.

O curso pretende:

-Facer accesible a formación de calidade na xestión e dirección no emprego público, e nas empresas públicas, utilizando as TIC.

-Contribuír a formar o alumnado na concepción das administracións e empresas públicas desde as ópticas económica, xurídica e de valores.

-Formar en tecnoloxías como instrumento profesional.

-Favorecer a familiarización co contexto do e-learning contribuíndo á implantación das TIC.

-Afondar no ámbito do coñecemento da empresa pública e do emprego público.

-Fomentar o respecto e a igualdade na actividade e nos empregos públicos.

Metodoloxía.

A metodoloxía utilizada é mixta, combínase a teleformación coa formación presencial.

Quinta.-Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

Módulo I: módulo de Empresa Pública.

1. Dirección da calidade.

2. Administración de empresas públicas e dirección de persoas.

3. Dirección comercial.

4. Comercio internacional.

5. Dirección financeira, análise e avaliación de proxectos.

6. A E-empresa pública.

Módulo II: módulo xurídico e de valores.

1. Empresa pública e emprego público: escenario e coordenadas actuais.

2. Dereito do traballo individual: o contrato de traballo.

3. Dereito do traballo colectivo: sindical.

4. O dereito procesual.

5. A Seguridade Social.

6. A prevención de riscos laborais.

7. A empresa pública e o emprego público: posibles valores.

8. A prevención de riscos laborais: diversas vías de aproximación.

9. Políticas sociolaborais no marco da igualdade.

10. A educación: implicación na empresa pública e no emprego público na sociedade actual.

Sexta.-Destinatarias/os.

O programa do curso vai dirixido a empregadas/os públicas/os das administracións públicas galegas, profesionais e interesadas/os que pretendan conseguir un maior coñecemento no ámbito da empresa pública e no ámbito das administracións publicas, e das relacións laborais no devandito ámbito.

Sétima.-Pagamento da matrícula.

O importe da matrícula é de 2.800 euros.

O pagamento da taxa de matriculación deberá efectuarse dentro dos 5 días seguintes á comunicación por parte da dirección do curso da aceptación das/os alumnas/os neste.

Oitava.-Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición finalizará o día 20 de outubro.

Para inscribirse, as/os interesadas/os deberán enviar un curriculum vitae a adamaria.perez@rai.usc.es incluíndo necesariamente:

-Fotocopia do DNI.

-Orixinal ou copia cotexada do título de diplomada/o ou licenciada/o, ou estudos e experiencia profesional alegada.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos no currículo.

Igualmente poderán dirixirse ao enderezo electrónico sinalado anteriormente, para obter información sobre o curso; así como aos números de teléfonos 982 28 59 00 (ext. 24483) ou 935 81 22 77.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública