DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 05 de outubro de 2009 Páx. 15.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2009 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2009.

O Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), no seu artigo 103 octies bis prevé unha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas transformadas, plátanos e os seus produtos derivados aos nenos.

O Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril, establece as disposicións de aplicación do antedito regulamento, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas, froitas e hortalizas transformadas e produtos do plátano, aos nenos nos centros escolares.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como no que resulta da aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, creados en virtude dos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo -DOG nº 251, do 30 de decembro), o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, e o Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fogga, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agraria común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994, do 29 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución establece na súa sección primeira o procedemento para a concesión na Comunidade Autónoma de Galicia das axudas para a distribución de froitas frescas aos alumnos de centros escolares, de conformidade co previsto no artigo 103 octies bis do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, e no Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril; e na súa sección segunda a convocatoria das ditas axudas para o ano 2009.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios da axuda os alumnos que asistan regularmente aos centros escolares administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenzan aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria.

2. A axuda concederase a un solicitante autorizado conforme as disposicións do artigo 6º para a subministración dos produtos previstos no anexo I.

Artigo 3º.-Custos que se subvencionan e restricións.

1. As actividades que se subvencionan son os custos de adquisición no mercado da froita fresca.

2. A axuda concederase para as froitas frescas citadas no anexo I.

En atención a criterios de dispoñibilidade e ambientais, é preferible que sexan froitas frescas de tempada obtidas na Comunidade Autónoma de Galicia empregando na súa obtención sistemas de produción sustentables (agricultura ecolóxica ou integrada).

As froitas frescas distribuídas aos escolares serán sempre de excelente calidade e atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo.

3. As froitas frescas subministradas terán que cumprir os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios.

4. As froitas frescas terán que ser consumidas nas dependencias do establecemento escolar no momento do recreo.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

Establécese unha axuda máxima de 0,30 euros por alumno e día lectivo.

O período mínimo de repartición da froita entre os alumnos do centro escolar será dunha semana e o máximo de catro e será de xeito continuo.

Se o importe total previsto nas solicitudes para un curso escolar superase a asignación orzamentaria prevista para ese período, terían preferencia os solicitantes de subministración para unha semana fronte aos de dúas, os de dúas fronte aos de tres e estes sobre os de catro, reducindo sucesivamente en unha semana os estratos que fosen necesarios, pasando de catro a tres, de tres a dúas e de dúas a unha semana respectivamente, empezando a supresión pola última semana de subministración prevista.

Se aínda así, e para axustar as solicitudes á cantidade orzada, fora necesario reducir entre os solicitantes dun mesmo número de semanas, daríaselles preferencia aos solicitantes con menor número de alumnos.

Artigo 5º.-Solicitantes da axuda.

Os solicitantes da axuda serán os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2º que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Autorización como solicitante da axuda.

1. Os centros escolares que pretendan subministrar as froitas frescas por primeira vez deberán ser autorizados polo director do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Os que xa obtivesen a autorización en anos anteriores deberán solicitar a validación. En ambos os casos presentarán os anexos IIIA e IIIB desta resolución no prazo que comezará a contar o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e que finalizará o 30 de outubro de cada ano.

2. Para o caso de que a subministración se realice por primeira vez, xunto cos anexos IIIA e IIIB deberán achegar a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do NIF do centro educativo.

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do NIF do representante ou persoa que representa a dirección do centro.

c) Nos centros privados, o documento oficial que acredite suficientemente a representación do solicitante.

d) Fotocopia compulsada ou cotexada da certificación de que é un centro educativo autorizado ou de que está en vías de obter a autorización.

De producírense cambios na documentación referida, o solicitante terá a obriga de comunicalo ao Fogga no prazo dun mes desde que estes acontezan.

3. Á vista da solicitude e da documentación presentada, o director do Fogga resolverá nos primeiros quince días do mes de novembro, entendendo estimadas por silencio positivo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo.

4. A autorización poderá ser suspendida, por un período de un a doce meses, ou retirada, polo director do Fogga, en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo solicitante autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 10º desta resolución. As devanditas medidas non se imporán en caso de forza maior ou cando o Fogga determine que a infracción non se cometeu deliberadamente ou por neglixencia, ou é de pouca importancia. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de polo menos doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do interesado, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 7º.-Condicións xerais para o pagamento da axuda.

1. Os solicitantes autorizados solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV desta resolución, ante o servizo territorial do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude de pagamento será única por curso e abranguerá o período de subministración.

3. Xunto coa solicitude, os peticionarios da axuda cubrirán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. O prazo de presentación da solicitude rematará o último día do terceiro mes seguinte ao da subministración dos produtos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no cuarto e quinto mes seguinte, reducíndose o seu importe nun 5% se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10% se é superior a un mes pero inferior a dous.

5. Coa solicitude de pagamento da axuda achegaranse as correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado, así como unha proba do seu pagamento.

6. O Fogga pagará a axuda nun prazo de tres meses a partir do día de presentación da solicitude correctamente cuberta e válida.

Artigo 8º.-Controis e sancións.

1. O Fogga establecerá un plan de controis por período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo de cada ano co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 288/2009.

2. Para a recuperación dos importes pagados indebidamente, será de aplicación o artigo 73, números 1º, 3º, 4º e 8º do Regulamento (CE) nº 796/2004, da Comisión.

3. Sen prexuízo do disposto no artigo 6º, en caso de fraude ou neglixencia grave atribuíbles ao solicitante, este, ademais de devolver os importes pagados indebidamente de conformidade co artigo 13º, pagará un importe equivalente á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe a que ten dereito.

Artigo 9º.-Publicidade sobre a distribución de froitas nos centros escolares.

Os centros escolares que distribúan froitas de acordo con esta resolución terán visible un cartel que se axuste aos requisitos mínimos establecidos no Regulamento (CE) nº 288/2009 e que se reflicten no anexo II desta resolución, o cal estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros nun lugar onde se poida ver e ler claramente.

Artigo 10º.-Irregularidades.

1. A existencia de irregularidades no tipo de produtos subministrados, na súa calidade sanitaria ou comercial, na distribución incorrecta aos alumnos participantes, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio dos alumnos, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no número 4 do artigo 6º desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puidesen incorrer os responsables do centro escolar.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 11º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, coa conformidade do subdirector xeral de Xestión da PAC, ao director do Fogga, sobre as solicitudes presentadas, para que dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento da axuda será de tres meses desde que a solicitude de axuda entrou no servizo territorial do Fogga.

3. Na falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 13º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e dos xuros de mora producidos desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución polo director do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 15º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, os beneficiarios da liña de axuda de distribución de froita nos centros escolares teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 16º.-Rexistros de compras e subministración de produtos.

Os centros escolares deberán manter permanentemente actualizado un rexistro das compras e subministracións aos alumnos dos produtos, que conterá polo menos os datos que se recollen no anexo V.

Sección segunda

Convocatoria para o ano 2009

Artigo 17º.-Condicións e finalidade.

As axudas que por esta resolución se convocan para o ano 2009 concederanse para a subministración das froitas frescas incluídas no Plan de consumo de froita nas escolas sinaladas no anexo I desta resolución, aos alumnos que asistan regularmente aos centros escolares, de conformidade co previsto nos artigos 2º e 3º da sección primeira desta resolución, pola que se establecen as bases reguladoras desta axuda.

Artigo 18º.-Autorización como subministrador de produtos subvencionados.

1. Os solicitantes que queiran participar na liña de axuda de subministración de produtos incluídos no Plan de consumo de froita nas escolas deberán solicitalo ao Fogga, segundo o modelo que figura no anexo IIIA acompañado da certificación dos datos do centro escolar recollida no anexo IIIB desta resolución, no prazo que comezará a contar o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e que finalizará o 30 de outubro ao abeiro do disposto no artigo 6º da devandita resolución.

2. Xunto coa presentación dos devanditos anexos IIIA e IIIB, os solicitantes deberán xuntar a documentación referida no artigo 6º.2 desta resolución.

Artigo 19º.-Solicitudes de pagamento.

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e no prazo dispostos no artigo 7º desta resolución e nos servizos territoriais do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fogga para 2009, por importe máximo de 468.865,33 euros.

Da contía máxima serán imputables á anualidade corrente 75.000 euros.

2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 21º.-Controis.

Para o curso escolar 2009-2010 a porcentaxe de controis sobre o terreo previstos no artigo 8º abranguerá polo menos un 10% da axuda e o 10% dos solicitantes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do previsto no artigo 10º desta resolución, seralles de aplicación aos beneficiarios da axuda regulada nela o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-A esta resolución resultaralle de aplicación o Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, polo que se establece a organización común de mercados agrícolas, o Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril, que establece as disposicións de aplicación do antedito regulamento, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas, froitas e hortalizas transformadas e produtos do plátano aos nenos nos centros escolares, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Terceira.-Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas agás no suposto previsto no artigo 15.2º c), en que poderán utilizarse outros procedementos para darlle publicidade. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Cuarta.-De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2009.

José Álvarez Robledo

Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Lista de produtos incluídos no Plan de consumo de froita nas escolas:

a) Froitas: mazás, peras, plátanos, mandarinas.

b) Outras froitas frescas de tempada se son obtidas nas comarcas dos centros escolares: cereixas, ameixas, amorodos, figos, uvas, kiwis.

Ver referencia pdf "19500D007P020.PDF"