DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 05 de outubro de 2009 Páx. 15.793

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2009 pola que se convoca unha actividade sobre monitores de formación en educación viaria.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre monitores de formación en educación viaria, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación:

Monitor de formación en educación viaria.

Tipo:

Curso.

Horas lectivas:

16.

Modalidade:

Presencial.

Obxectivos:

Conseguir que os integrantes dos servizos de protección civil dos concellos onde non contan con corpo de policía local, ou de aqueles nos que, existindo ese corpo, polo reducido do seu número de membros, non se pode prestar a necesaria atención á educación viaria dos escolares, poderíase levar a cabo esa tarefa por parte do persoal de protección civil.

Para iso é necesario introducir na formación deste colectivo uns novos conceptos que inicialmente se atopan máis afastados da súa actividade habitual, pero que non deixan de ser outra forma de protexer os cidadáns.

-Coñecer e comprender as xeneralidades do comportamento e pensamento dos escolares na etapa de educación primaria.

-Recordar os preceptos normativos básicos que rexen a circulación de peóns, ciclistas e viaxeiros, así como as recomendacións de seguridade viaria nesas situacións.

-Coñecer os recursos e actividades pedagóxicas que se puidesen utilizar nas sesións de educación viaria, así como algunhas experiencias xa postas en marcha.

Contido:

No curso trataranse os seguintes temas:

-A seguridade viaria e a educación viaria. Os recursos pedagóxicos da Dirección General de Tráfico (DGT).

-Os alumnos de educación primaria: a etapa de 3 a 6 anos. A etapa de 7 a 10 anos.

-A circulación de peóns: normas e medidas de seguridade viaria.

-A circulación de ciclistas: normas e medidas de seguridade viaria.

-Os viaxeiros no transporte público: normas e medidas de seguridade viaria.

-Os sinais de circulación: do persoal de protección civil e sinais verticais.

-O cinto de seguridade e o casco: normas e medidas de seguridade viaria.

-Planificación dunha actividade formativa. Distribución das áreas temáticas por grupos de traballo: o neno como peón, o neno como usuario de vehículo privado, o neno como usuario do transporte público, o neno como ciclista.

-Visualización dunha sesión real. A súa análise.

-Realización e análise dos traballos dos grupos nas distintas temáticas. Simulacións.

-Realización dunha clase.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Responsables de protección civil.

Prazas ofertadas:

27 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

1. A inscrición das persoas interesadas será gratuíta.

2. As persoas interesadas poderán formalizar a solicitude que se amosa na páxina web http://agasp.xunta.es, ou o modelo anexo á convocatoria da actividade.

3. As solicitudes deberán vir asinadas pola persoa responsable da correspondente unidade e co selo desta. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

4. Presentación das solicitudes:

-Por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada.

-A través do fax nº 886 20 61 23 do Servizo de Formación - Sección de Protección Civil e Bombeiros da Agasp, ou

-Segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 12 de novembro de 2009.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico á dirección formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar:

Agasp.

Horario:

9.30 a 14.00 horas.

16.00 a 19.30 horas.

Data de comezo:

16-11-2009.

Data de remate:

17-11-2009.

Exixencias:

-Responsables das unidades de protección civil.

-Membros dos servizos de protección civil, que teñan realizado o curso de accidentes na estrada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "19500D006P015.PDF"

AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO

DE GALICIA