DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 05 de outubro de 2009 Páx. 15.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2009 pola que se convoca unha actividade sobre apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación:

Apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias.

Tipo:

Curso.

Horas lectivas:

4.00.

Modalidade:

Presencial.

Obxectivos:

Conseguir que os/as integrantes dos servizos de emerxencia e protección civil adquiran coñecementos de apoio desde terra ás operacións que levan a cabo os pilotos das aeronaves e sexan conscientes das dificultades destes para executar as manobras. Coñecendo os elementos aeronáuticos e as limitacións o persoal de terra poderá adoptar as medidas de precaución adecuadas.

Contido:

No curso trataranse os seguintes temas:

1) Coordenadas para a determinación dun punto no terreo e a súas características:

-Coordenadas angulares.

-Coordenadas UTM.

2) Relación entre as súas coordenadas e a distancia entre dous puntos.

3) Relevo do terreo e a súa representación no plano. Interpretación das curvas de nivel.

4) Escalas redutoras: numéricas e gráficas.

5) Manexo dun equipo GPS manual:

-Configuración das características da saída de datos no equipo.

-Lectura dunha coordenada.

-Erros no sistema GPS.

-Erros propios dun posicionamento absoluto neste sistema.

6) Helicóptero:

-Principio básico de funcionamento.

-Fases do voo.

7) Meteoroloxía:

-Nubes.

-Visibilidade horizontal.

-Vento.

8) Punto de toma:

-Axuda na localización do punto de toma.

-Tamaño da área.

-Obstáculos preto da área.

-Inclinación.

-Obxectos soltos.

-Facilidade de acceso.

-Tipos de misión realizadas polo helicóptero do 112 de Galicia.

-Como facilitar a localización ao helicóptero.

-Comunicación directa co helicóptero.

-Seguridade do punto de toma.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Integrantes dos servizos de emerxencias e protección civil.

Prazas ofertadas:

40 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

1) A inscrición das persoas interesadas é gratuíta.

2) As persoas interesadas poderán formalizar a solicitude que se amosa na páxina web http://agasp.xunta.es, ou o modelo anexo á convocatoria da actividade.

3) As solicitudes deberán vir asinadas pola persoa responsable da correspondente unidade e co selo desta. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

4) Presentación das solicitudes:

-Por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada.

-A través do fax nº 886 20 61 23 do Servizo de Formación - Sección de Protección Civil e Bombeiros da Agasp, ou

-Segundo o previsto no artigo 38.4ª da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5) O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 12 de novembro de 2009.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico á dirección formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar:

Agasp.

Horario:

9.00 a 14.00 horas.

Data de comezo:

19-11-2009.

Data de remate:

19-11-2009.

Exixencias:

Os cursos van dirixidos aos integrantes dos servizos de emerxencia e protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan feito o curso básico de protección civil e teñan coñecementos de cartografía.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "19500D004P011.PDF"