DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 30 de setembro de 2009 Páx. 15.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 11 de setembro de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación para el Desarrollo Laboral e Integración Social (Fundelis) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 18 de marzo de 2009 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 17 de febreiro de 2009, pola que se clasifica como de interese laboral a Fundación para el Desarrollo Laboral e Integración Social (Fundelis), e se adscribe á Consellería de Traballo e Benestar, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

a) Promover, apoiar, fomentar e realizar accións de mellora da empregabilidade, tales como acompañamento, asesoramento, orientación, formación e motivación para a inserción laboral de persoas desocupadas e pertencentes a empresas ou sectores en reestruturación, así como estudantes.

b) Promover, apoiar, fomentar e realizar estudos, informes e asistencias técnicas en relación co emprego e asuntos sociais e ás súas políticas, que vaian desenvolver ou desenvolvidas polas diferentes administracións competentes.

c) Promover, apoiar, fomentar e realizar estudos, informes, acción e asistencias técnicas a prol da igualdade de oportunidades e contra todo tipo de desigualdade no mercado do traballo por razón de sexo, idade, raza ou nacionalidade.

d) Promover, apoiar, fomentar e realizar accións de formación continua de traballadores, garantindo a non-discriminación e o acceso á información de traballadores con maior dificultade de acceso á formación, de conformidade coas porcentaxes establecidas polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais por proposta da Comisión Estatal de Formación Continua, o acceso á formación dos traballadores pertencentes aos colectivos prioritarios do Fondo Social Europeo, no marco do establecido nos programas operativos de Iniciativa Empresarial e Formación Continua. Os ditos colectivos son: traballadores de pequenas e medianas empresas (especialmente as de menos de 50 traballadores) e colectivos desfavorecidos (mulleres, discapacitados, maiores de 45 anos e traballadores non cualificados.

e) Promover, apoiar, fomentar e realizar accións de formación ocupacional para desocupados que redunden no aumento da empregabilidade.

f) Desenvolver cursos, seminarios, congresos, publicacións, revistas, etc.

g) Realización de tarefas de titorización e asesoramento para a inserción laboral de desocupados e estudantes.

h) Desenvolver actividade de formación profesional, de inserción laboral e apoio á creación de emprego directo ou indirecto en favor de minusválidos, coa finalidade da súa integración no mercado de traballo.

i) Desenvolver actividades de integración laboral que abranguen o colectivo de persoas retornadas e inmigrantes.

j) Realización de tarefas relacionadas coa intermediación no mercado laboral.

k) Impulsar e estender entre os empresarios, traballadores e persoas en situación de desemprego unha formación que responda ás súas necesidades e contribúa ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento.

l) Favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores e persoas en situación de desemprego mellorando a súa capacitación profesional e promoción persoal.

m) Promocionar aos traballadores e ás persoas en situación de desemprego os coñecementos e as prácticas adecuadas aos requirimentos do mercado de traballo e ás necesidades das empresas.

n) Contribuír á mellora da produtividade, competitividade das empresas e á estabilidade e calidade do emprego.

o) Deseñar e por en marcha plans de formación.

p) Realización de estudos de carácter socioeconómico-laboral.

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación para el Desarrollo Laboral e Integración Social (Fundelis), ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación para el Desarrollo Laboral e Integración Social (Fundelis), no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar