DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 30 de setembro de 2009 Páx. 15.583

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2009 pola que se conceden as axudas da Orde do 22 de abril de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 120, do 22 de xuño) pola que se convocan axudas correspondentes a accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia) no marco do Programa de comunicación e sensibilización social (CCS) do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Incite) para o ano 2009.

A orde da Consellería de Economía e Industria do 22 de abril de 2009 (DOG nº 120, do 22 de xuño), aproba as bases que rexerán a convocatoria de axudas correspondentes a diversas accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica (Diverciencia), no marco do Programa de comunicación e sensibilización social (CCS) do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Incite) para o ano 2009.

No artigo 3º (Beneficiarios) do anexo I da mencionada Orde do 22 de abril de 2009 determínanse os requisitos que deberán cumprir os candidatos das axudas. Pola súa banda no artigo 7º (Instrución dos procedementos) establécese a tramitación e instrución das solicitudes de subvención e no artigo 8º (Comisión de valoración) sinálase que a selección das solicitudes admitidas faraa a comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 9º (Criterios de valoración), así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados/as.

De conformidade co anterior, unha vez revisados e completados os expedientes, as solicitudes admitidas foron avaliadas pola comisión de valoración na súa reunión do 7 de setembro e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación como órgano instrutor elevou a correspondente proposta de resolución ao órgano de resolución.

En consecuencia, atendendo á proposta elaborada polo órgano instrutor, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Concederlles as axudas ás universidades do sistema universitario galego, centros tecnolóxicos recoñecidos pola Dirección Xeral de I+D+i, organismos dependentes da comunidade autónoma ou da Administración xeral do Estado que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia e da tecnoloxía, organismos dependentes das entidades locais galegas que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia e da tecnoloxía e institucións sen ánimo de lucro que se relacionan no anexo I desta resolución. O importe concedido estará distribuído nas diferentes partidas da memoria económica que figurará no taboleiro persoal da orde (https://axudasindustria.xunta.es), os beneficiarios deberan axustarse a esta distribución, salvo autorización previa da súa modificación polo órgano instrutor.

Segundo.-No caso de producirse algunha renuncia nas axudas do anexo I, a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, procederá, se é o caso, e tendo en conta os remanentes de crédito, a adxudicarlles a dita axuda a outras solicitudes de conformidade coa lista de suplentes que figura no anexo II desta de resolución, en orde decrecente segundo a puntuación obtida por cada solicitude.

Terceiro.-A inobservancia por parte dos solicitantes beneficiarios, de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria do 22 de abril de 2009 (DOG nº 120, do 22 de xuño) suporá a perda do dereito a percibir a axuda correspondente. En particular deberán atender a xustificación da subvención que se recolle no artigo 17 da Orde do 22 de abril de 2009, e que inclúe a seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas, incluíndo copia do material impreso e audiovisual, comunicacións, publicidade ou calquera outro material elaborado.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

1. Unha relación dos gastos realizados, coa identificación do acredor e do documento, o seu importe co IVE separado, data de emisión e data de pagamento.

2. Orixinal ou copia compulsada das facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente que se correspondan coa relación a que fai referencia o parágrafo anterior e da documentación acreditativa do pagamento (considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á data límite de xustificación).

3. No caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse as tres ofertas de diferentes provedores. Será necesaria unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non obstante, cando o/a solicitante pertenza a algunha universidade galega, centro tecnolóxico de carácter público ou centro de investigación público non dependente da Xunta de Galicia, deberá presentarse a documentación a que fai referencia o parágrafo a) e o parágrafo b 1 e b 3 e unha certificación emitida pola intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade.

c) Unha relación doutras axudas que financiaron a actividade subvencionada, indicando en todo caso o seu importe e procedencia.

d) As institucións sen ánimo de lucro presentarán, no caso de que non o fixesen no momento da presentación da solicitude, copia cotexada da escritura pública de constitución e dos estatutos da asociación ou entidade que formula a solicitude.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do/da beneficiario/a onde se deba realizar o pagamento.

Os beneficiarios deberán axustarse, na xustificación, aos modelos normalizados que poderán obter na páxina web http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi, na sección Servizos Propios-Informes/Xustificantes de gasto ou ben no taboleiro da orde (https://axudasindustria.xunta.es).

Cuarto.-Os solicitantes que non aparecen nos anexos I ou II deberán entender desestimada a súa solicitude por non alcanzar a puntuación mínima, establecida pola comisión de valoración en 60 puntos.

Quinto.-Contra esta resolución de concesión, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, de ser o caso:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contando a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

E todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro dereito que consideren oportuno.

Disposición derradeira

Esta resolución entrara en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2009.

P.D. (Orde 30-4-2009)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "19200D002P007.PDF"