DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 30 de setembro de 2009 Páx. 15.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 28 de setembro de 2009 pola que se amplía o prazo dos artigos 3.1º e 13.1º da Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas a pemes de Galicia para o financiamento de investimentos encamiñados á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible mediante a Orde do 27 de febreiro de 2009 convocou e regulou o réxime de concesión de axudas a pemes de Galicia para o financiamento de investimentos encamiñados á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (DOG número 49, do 11 de marzo).

O artigo 3 (actuacións subvencionables) da dita orde establece que:

«1. Serán susceptibles de subvención os investimentos iniciados no ano 2009 e realizados ao longo dos anos 2009-2010.

As accións que se realicen soamente ao longo do ano 2009 deberán estar enteiramente executadas antes do 1 de outubro de 2009, e as que se prolonguen ata 2010, deberan terse executado antes do 1 de outubro deste ano».

Así mesmo, o artigo 13 (acreditación de traballos realizados) no seu parágrafo 1 establece que:

«Con carácter previo á percepción dos pagamentos, o representante da empresa beneficiaria deberá formular baixo a súa responsabilidade a conta xustificativa do gasto, acompañada de orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios, transferencia de crédito (agás no que se refire aos pagamentos á Seguridade Social, Axencia Tributaria e Xunta de Galicia, no que sería exixible o documento de ingreso que proceda), ou calquera outro documento con validez xurídica que xustifique o investimento solicitado e o cumprimento do obxecto da subvención pública. Esta conta e xustificantes deberán presentarse antes do 15 de outubro de 2009 ou de 2010, segundo a anualidade que corresponda, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible co fin de que esta outorgue, se procede, a súa conformidade.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado».

Como consecuencia da dilatación do procedemento de concesión, considérase necesario ampliar os prazos dos anteditos artigos.

De acordo co novo Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as competencias do director xeral de Desenvolvemento Sostible pasan a depender do secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no relativo á Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas a pemes de Galicia para o financiamento de investimentos encamiñados á redución de gases de efecto invernadoiro.

De acordo con isto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ampliación de prazo.

Ampliar ata o día 30 de novembro de 2009 o prazo previsto no artigo 3 da Orde do 27 de febreiro de 2009 para que estean enteiramente executadas as accións que se realicen soamente ao longo do ano 2009, manténdose a mesma data de execución (1 de outubro de 2010) para as que se prolonguen ata 2010.

Artigo 2º.-Modificación do artigo 13 (acreditación de traballos realizados) da Orde do 27 de febreiro de 2009.

Os dous primeiros parágrafos do apartado 1 do artigo 13 da Orde do 21 de febreiro de 2009 quedan redactados do seguinte xeito:

«Con carácter previo á percepción dos pagamentos, o representante da empresa beneficiaria deberá formular baixo a súa responsabilidade a conta xustificativa do gasto, acompañada de orixinal ou copia compulsada das facturas, xustificantes bancarios, transferencia de crédito (agás no que se refire aos pagamentos á Seguridade Social, Axencia Tributaria e Xunta de Galicia, no que sería exixible o documento de ingreso que proceda), ou calquera outro documento con validez xurídica que xustifique o investimento solicitado e o cumprimento do obxecto da subvención pública. Esta conta e xustificantes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 2009 para as accións que se realicen enteiramente no ano 2009, e do 15 de outubro de 2010, as actuacións realizadas ao longo de 2009-2010, ante ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta disposición entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas