DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2009 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras adheridas polo que se establece unha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de xullo de 2009, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación dunha liña de avais do Igape para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional, instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas.

Con data do 25 de setembro de 2009 o Igape e 16 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de compartiren riscos en determinadas operacións mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo.

Por todo o anterior e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Facer público o texto do convenio de colaboración coas entidades financeiras que figura anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2009.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas polo que se establece unha liña de avais do Igape para facilitar ás empresas galegas o acceso a financiamento operativo adicional

Antecedentes:

Este convenio, asinado dunha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Guerra Fernández e doutra parte por.. (en diante a entidade de crédito), representada por.., con poder suficiente, formalízase co obxecto de establecer unha liña de avais do Igape que facilite ás empresas galegas o acceso a financiamento adicional a través de pólizas de crédito, liñas de desconto facturas, de efectos comerciais e confirming.

Considerando:

Como consecuencia da actual situación de crise financeira global, as empresas galegas están atravesando un período caracterizado por dificultades na obtención de financiamento operativo, debido a que as entidades financeiras están adoptando unha actitude moito máis adversa ao risco que en períodos anteriores.

Para tratar de paliar esta situación, o Igape vén realizando un esforzo coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, subvencionando gastos financeiros mediante programas como as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pemes.

Estas axudas, se ben supoñen un importante apoio na redución de custos financeiros, deben ser complementados de xeito que o Igape comparta riscos coas entidades financeiras en determinadas operacións, mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo.

O Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, permítelle conceder avais ante entidades financeiras, ata un límite máximo que se determina na correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para cada ano.

As partes, previamente postas de acordo, conveñen en subscribir un convenio para a creación dun conxunto de liñas de financiamento operativo avaladas polo Igape por importe global de 200.000.000 de euros.

Cláusulas:

Primeira.-Obxecto do convenio e volume global de garantías que se van conceder.

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre.. e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer determinadas liñas de financiamento garantidas polo Igape, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea. En particular, as garantías individuais que son concedidas polo Igape ao abeiro deste convenio deberán cumprir os requisitos establecidos na comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía, para descartar a presenza de axuda estatal.

A contía global das operacións avaladas acollidas a este convenio ascenderá como máximo a 200.000.000 de euros. A cobertura dos avais non excederá de 100.000.000 de euros, e respectará o límite establecido no artigo 36 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Segunda.-Beneficiarias da liña de avais.

Poderán ser beneficiarias das garantías previstas neste convenio as empresas con domicilio social e fiscal en Galicia, que non se atopen en situación de crise, de acordo coa definición recollida nas directrices comunitarias sobre axudas de salvamento e reestruturación de empresas en crise, que desenvolvan algunha das actividades relacionadas no anexo II.b. e que presenten un proxecto obxecto do financiamento avalado que sexa considerado viable e dentro dos límites de risco asumibles polo Igape.

Terceira.-Vixencia e prazo de presentación de solicitudes.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes de aval finalizará o 30 de decembro de 2009.

Cuarta.-Características e condicións financeiras das liñas de financiamento.

O Igape poderá garantir operacións de financiamento novas, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes. Cada unha das operacións poderá ser concedida por unha entidade financeira asinante deste convenio ou ben por un sindicado bancario formado por entidades asinantes deste.

O importe individual das operacións de crédito acollidas ao convenio será como mínimo de 300.000 euros, cun máximo de risco por beneficiaria entre todas as entidades financeiras colaboradoras de 3.500.000 euros.

Poderanse avalar as seguintes modalidades de operacións financeiras:

4.1. Contas de crédito a un prazo de 2 anos.

Os fondos dispostos destas contas de crédito deberán ser utilizados para o financiamento de circulante, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, impostos, Seguridade Social, aluguer, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións e, tamén, os vencementos de débedas bancarias tales como cotas de préstamos a longo prazo, cotas de leasing ou similares que figuren expresamente recollidas na resolución de concesión. En ningún caso poderán aplicarse para financiar investimentos nin para cancelar ou reducir o risco doutras contas de crédito preexistentes.

O límite de crédito mínimo por operación acollida ao convenio será de 300.000 euros.

O tipo de xuro nominal anual para as contas de crédito acollidas a este convenio será variable por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,75 puntos.

De establecerse un xuro mínimo este non poderá ser superior ao 4,25%.

As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir serán do 1,5% apertura, 0,5% de estudo, e unha comisión de dispoñibilidade trimestral máxima do 0,50% sobre o saldo medio non disposto.

O Igape responderá de ata o 40% do saldo disposto, unha vez cumpridos os requisitos de execución recollidos na cláusula 5.4, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,5% do importe do aval formalizado.

4.2. Liñas de crédito a 2 anos para o adianto de efectos comerciais e facturas,.

Estas liñas permitirán garantir a cesión mercantil ou transmisión dos créditos derivados das vendas a prazo que efectúe a empresa beneficiara, de forma que o comprador ou debedor veña obrigado a satisfacer o seu importe á entidade financeira.

O límite de risco por efectos comerciais ou facturas descontadas mínimo por operación acollida ao convenio será de 300.000 euros.

O tipo de xuro nominal anual que se aplicará ao desconto nas operacións acollidas a este convenio será variable por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,75 puntos.

De establecerse un xuro mínimo este non poderá ser superior ao 4,25%.

Ademais, as entidades financeiras poderán aplicar unha comisión porcentual sobre as facturas e documentos cedidos, en función dos volumes de negocio que se vaian tratar, o número de debedores que se vaian clasificar e do número de facturas que se vaian xestionar, que non sobrepasará o 1%, podendo estipularse un mínimo por factura que non será superior a 8 euros.

A beneficiaria e a entidade financeira poderán contratar as coberturas de insolvencia de clientes que considere oportunas, debendo asumir o custo que corresponda.

O Igape responderá de ata o 50% dos importes adebedados pola beneficiaria á entidade financeira como consecuencia dos impagados que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados na cláusula 5.4 e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.

4.3. Pólizas a 2 anos de xestión de pagamentos a provedores (confirming).

Mediante esta liña facilitarase aos beneficiarios a xestión do pagamento das súas compras, anticipando as entidades financeiras os pagamentos aos provedores.

O límite de risco por facturas comunicadas mínimo por operación acollida ao convenio será de 300.000 euros.

As entidades financeiras poderán repercutir unha comisión porcentual sobre as facturas confirmadas, que non sobrepasará o 1%.

O Igape responderá de ata o 60% dos importes adebedados á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados na cláusula 5.4 e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50% do importe do aval formalizado.

Quinta.-Obxecto e condicións da garantía do Igape.

5.1. As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras asinantes do convenio, nas condicións e termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e do Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. No caso de que a operación sexa concedida por un sindicato bancario, o Igape responderá ante a entidade axente pola totalidade do aval concedido na dita operación.

5.2. O prazo de vixencia da garantía será como máximo de 30 meses desde a súa formalización, cubrindo o risco vivo financiado ou anticipado durante os 2 anos de vixencia máxima da operación avalada.

5.3. As condicións de execución dos avais prestados polo Igape ao abeiro deste convenio serán:

1. Unha vez notificada notarialmente á avalada a rescisión do crédito ou vencido o seu prazo de vixencia sen que se procedese o seu aboamento, e requirida esta de pagamento, a entidade financeira deberá notificar notarialmente ao Igape tal rescisión, achegando certificación intervida por fedatario público do saldo vivo pendente de aboamento á data de peche da conta.

2. O aval será executivo á demanda da entidade financeira desde o momento en que esta acredite ao Igape que, ademais, se cumpriu algunha das seguintes condicións:

a) Que fose declarado o concurso ou admitida a trámite xudicial a solicitude de declaración de concurso da empresa avalada.

b) Que transcorresen cento oitenta días desde a data do requirimento notarial á avalada reclamándolle o reembolso das cantidades pendentes, e ademais se interpuxese demanda xudicial reclamando o cobramento do adebedado.

O importe que se aboará polo Igape á entidade financeira por terse producido a condición do punto 1) e algunha das condicións do punto 2), será satisfeito nos corenta e cinco días seguintes á xustificación documental destas.

O aval cancelaríase automaticamente unha vez transcorridos trinta días naturais desde o momento do seu vencemento, sen que conste notificación da entidade financeira ao Igape realizada segundo os termos do punto 1) anterior.

5.4. Entenderase que a liña de financiamento acollida a este convenio substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira cando:

a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coa entidade financeira desde o 31 de decembro de 2008 fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.

b) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coa entidade financeira á data da solicitude non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.

No caso de que se acredite que a liña de financiamento acollida a este convenio substitúe outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira, o Igape notificará á entidade financeira tal circunstancia, outorgando un prazo de 3 meses para que restableza o crédito en condicións similares ás canceladas ou non renovadas. De non producirse este restablecemento o Igape non responderá polo aval concedido.

Sexta.-Garantías que achegará a beneficiaria.

As garantías achegadas pola beneficiaria serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.

No caso de acreditarse a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.

Sétima.-Tramitación dos avais do Igape.

7.1. Solicitudes e documentación.

Unha vez aprobadas as operacións polas entidades financeiras colaboradoras condicionadas á achega do aval do Igape, os interesados deberán presentar ante este instituto a súa instancia de solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I, nas súas oficinas ou de calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Á solicitude xuntaráselle a documentación establecida no anexo II. A documentación deberá achegarse en orixinal ou en copia cotexada ou compulsada, podendo solicitar o Igape en calquera momento durante a tramitación do expediente, calquera documentación que resulte relevante para efectos de analizar a solicitude.

7.2. O último día hábil para a súa presentación será o 30 de decembro de 2009. As solicitudes presentadas fóra deste prazo serán obxecto de resolución de arquivo.

7.3. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicará aos solicitantes a data na que as solicitudes foron recibidas, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e para os efectos do silencio administrativo.

7.4. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos neste convenio ou non está acompañada da documentación exixida, requirirase ao solicitante para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento, se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, se considerará desistido da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

7.5. Instruído o procedemento pola área de financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Logo do informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un comité de investimentos designado polo director xeral do Igape. O dito comité estará formado por tres técnicos do Igape, dous técnicos de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A., e un da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, por proposta do seu director xeral.

7.6. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá control interno con carácter previo á concesión, conforme determina os artigos 95 e seguintes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7.7. A Dirección Xeral do Igape elevará proposta de resolución ao presidente do Igape, quen resolverá a solicitude especificando beneficiaria, importe do aval, prazo e condicións financeiras da operación avalada. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa.

Os expedientes tramitaranse no Igape por orde de entrada dos expedientes no Igape coa documentación completa e ata o límite do risco previsto neste convenio.

En caso de esgotarse o límite de risco antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, pecharase anticipadamente a convocatoria mediante publicación de tal circunstancia no DOG Igualmente, o esgotamento do límite de risco será obxecto de denegación da solicitude.

7.8. Concesión.

O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira a concesión ou denegación do aval. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación da solicitude. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

7.9. Os avais concedidos ao abeiro deste convenio serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos establecidos no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e no Decreto 132/1995, do 10 de maio, que modifica o anterior. Trimestralmente daráselle conta ao Parlamento dos avais existentes, dos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos a que a Tesouraría da comunidade autónoma tivese que facer fronte.

7.10. Formalización.

O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado. Estará facultado para a dita subscrición indistintamente a persoa titular da Dirección Xeral do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento do Igape.

O prazo máximo para a instrumentación do aval e da operación avalada será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión. Finalizado o prazo sen que se instrumente o aval e/ou sen que se formalice a operación avalada, ditarase resolución considerando que o solicitante renuncia ao aval concedido, e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

A entidade financeira remitirá ao Igape copia cotexada da póliza ou escritura de crédito, coa maior brevidade posible.

7.11. Seguimento das operacións avaladas.

A entidade financeira deberá remitir ao Igape, para os efectos de realizar o seguimento do risco das operacións de avais que se atopen en vigor, nun prazo de 15 días desde a finalización de cada trimestre natural, certificación onde conste o grao de cumprimento da operación avalada.

A partir da formalización de cada operación de aval, as beneficiarias deberán remitir de forma periódica ao Igape mentres a operación de aval se atope en vigor, a documentación que se relaciona a seguir:

Con periodicidade semestral e nun prazo de 30 días desde a finalización de cada semestre:

-Certificación emitida por representante da beneficiaria con indicación dos cambios na súa estrutura accionarial e os cambios producidos na xerencia, órganos de goberno ou administración, desde a última comunicación.

-Con periodicidade anual e nun prazo de 30 días contados a partir da data de aprobación das contas anuais:

Contas anuais asinadas polos representantes da empresa, incluíndo balance e conta de perdas e ganancias ao nivel de tres díxitos segundo o PXC, e no caso de que a empresa estea obrigada a realizar auditoría, copia do informe da auditoría correspondente.

Oitava.-Control e comprobación dos avais.

8.1. As empresas beneficiarias someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. Neste sentido as beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

8.2. Con independencia do indicado no punto anterior, a entidade avalada comprométese expresamente a facilitar ao Igape a inspección e control dos investimentos, dos destinos dos fondos da operación avalada así como da situación da solvencia da empresa, podendo, para tales efectos, verificar os balances, contas de resultados e demais estados de libros contables.

Novena.-Prórroga de prazos.

En atención ao disposto polo artigo 49 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as prórrogas dos prazos administrativos establecidos neste convenio solicitaranse ao Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles ao vencemento do prazo que se vai ampliar, co obxecto de que o Instituto poida resolvelas con anterioridade á súa expiración.

Décima.-Modificacións.

10.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

10.2. O presidente do Igape poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da beneficiaria, sempre que a modificación do proxecto non orixine prexuízo a terceiros, e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación do aval.

Décimo primeira.-Obrigas das entidades financeiras.

A entidade financeira asinante comprométese a:

a) Conceder os préstamos nos termos e condicións establecidos neste convenio.

b) Colaborar na tramitación dos expedientes, cumprindo os prazos e demais formalidades establecidas neste convenio.

c) Acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dite o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas neste convenio.

d) Remitir ao Igape as aclaracións que solicite así como someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos fondos poida efectuar o Igape ou calquera dos organismos referidos na cláusula 8.

Décimo segunda.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da contraria cun mínimo de 30 días de aviso previo.

A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte ás beneficiarias as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Decimo terceira.-Publicidade de datos.

De acordo co establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante desta liña de avais consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos á axuda recibida, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

O Igape velará polos datos de carácter persoal e procederá á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos. A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

De conformidade co artigo 13 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, os avais concedidos ao abeiro deste convenio publicaranse no Diario Oficial de Galicia, e darase conta trimestralmente ao Parlamento da súa concesión.

Décimo cuarta.-Remisión normativa.

Para todo o non recollido expresamente neste convenio rexerá o establecido no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica e as súas modificacións.

Décimo quinta.-Natureza.

Este convenio ten natureza administrativa e corresponde ao Igape a interpretación do seu contido.

Santiago de Compostela, ..., de.... de 200...

Pola entidade financeira: Polo Igape:

Asdo.: Asdo.:

DNI:

Ver referencia pdf "19100D009P064.PDF"

Ver referencia pdf "19100D011P072.PDF"