DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2009 pola que se publican as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 28 de xullo de 2009, adoptou o acordo de facultar o presidente do Igape a, logo da publicación da orde a que fai referencia o punto 5º do artigo 2 do Decreto 284/1994, que regula a concesión de avais polo Instituto Galego de Promoción Económica, aprobar as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades financeiras adheridas, así como o texto do citado convenio de colaboración.

Tendo en conta o establecido na orde da Consellería de Economía e Industria do 27 de agosto (DOG nº 173, do 3 de setembro) que desenvolve o punto 5º do artigo 2 do Decreto 284/1994, que regula a concesión de avais polo Instituto Galego de Promoción Económica, así como a resolución do presidente do Igape do 7 de setembro de 2009 que aproba as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape ), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas e a sinatura do dito convenio de colaboración o 25 de setembro de 2009.

Por todo o antedito e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2009.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a habilitación dunha liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación da liña de financiamento subsidiado e avalado para facilitar o acceso ao financiamento para circulante dos autónomos e as microempresas.

Artigo 2º.-Beneficiarios das liñas de crédito.

Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases aquelas empresas con domicilio fiscal en Galicia, que teñan a consideración de microempresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L/214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), e que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas segundo os termos recollidos no artigo 1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, pola que se aproba o Estatuto do traballo autónomo.

Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán ser obxecto de financiamento ao abeiro destas bases as actividades económicas que se relacionan no anexo II.

Artigo 3º.-Características e condicións das operacións.

As operacións acollidas a estas bases serán pólizas de préstamo ou crédito novas, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes, coas seguintes condicións financeiras:

a) O seu importe mínimo será de 3.000 € e o máximo de 40.000 €.

b) O seu prazo de vixencia será de tres anos.

c) No caso de préstamos, o primeiro ano será de carencia. Unha vez transcorrido este, o 50% do préstamo será amortizado con periodicidade mensual ou trimestral e o 50% restante será amortizado ao vencemento. No caso de pólizas de crédito, o saldo máximo dispoñible inicial manterase durante o primeiro ano, transcorrido o cal, o límite reducirase nun 25% ao principio do segundo ano, noutro 25% ao final do segundo ano e nun 50% ao vencemento.

d) O tipo de xuro nominal anual para as operacións de crédito acollidas a este convenio será variable por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

-Tipo de referencia: euríbor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

-Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 2,75 puntos.

As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir serán do 1,5% apertura, 0,5% de estudo, e no caso de póliza de crédito ademais unha comisión de dispoñibilidade trimestral máxima do 0,50% sobre o saldo medio non disposto. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 100 €.

Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

e) Os fondos dispostos destas operacións deberán ser utilizados para o financiamento de circulante, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, impostos, seguridade social, aluguer, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios. A entidade financeira será responsable da comprobación destas finalidades.

f) As garantías a favor das entidades financeiras serán o aval de sociedade de garantía recíproca adheridas ao convenio polo 90% do risco. Como garantía adicional poderán requirir garantías persoais pola parte non avalada pola SGR, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros afectos á boa fin da operación nin garantías reais.

g) As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura do 25% do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa, adicionais ás achegas reintegrables aos fondos das SGR estipuladas para a operación. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración, que sumados ao reaval do Igape non poderán superar o 75% do risco asumido pola SGR.

Artigo 4º.-Axudas do Igape, compatibilidade e límite.

As axudas do Igape previstas para cada operación ao abeiro desta liña son as seguintes:

4.1. Axuda en forma de garantía: reaval do Igape en garantía do 25% do risco asumido pola SGR.

4.2. Subvención da comisión de aval das SGR: o Igape aboará ás SGR colaboradoras un 3% do principal do préstamo ou crédito formalizado directamente ás sociedades de garantía recíproca dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións polas operacións formalizadas no trimestre anterior.

4.3. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

4.4. En canto ao reaval do 25% do risco asumido pola SGR. Enténdese que cumpre os requisitos establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais en forma de garantía para descartar a presenza de axuda estatal, salvo no que respecta ao pagamento dunha prima pola garantía baseada no mercado, cuantifícase unha axuda indirecta equivalente a tal prima non cobrada ao beneficiario, que sería do 0,5 % anual do risco asumido polo Igape en cada operación.

4.5. As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379 do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 € para as empresas do sector do transporte por estrada. Para as empresas que operen no sector primario pesqueiro este límite será de 30.000 €, respectando o Regulamento 875/2007 da Comisión do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 337/2007). Para a produción primaria dos produtos agrícolas que figuran no anexo I do Tratado da Unión Europea, as axudas destas bases respectarán o Regulamento 1535/2007 da Comisión,

do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007), sendo o referido límite de 7.500 €.

Artigo 5º.-Tramitación das solicitudes.

5.1. Antes da presentación da solicitude ao Igape, o interesado deberá acudir a unha das entidades financeiras colaboradoras, onde se lle requirirá a documentación necesaria para a avaliación do seu risco.

No caso de que a operación sexa aprobada pola entidade financeira -nas condicións deste convenio e condicionada á achega do aval da SGR en garantía do 90% -, esta comunicará ao Igape por vía telemática o importe e condicións aprobadas, de acordo co establecido nas normas de procedemento interno para a tramitación de operacións que se asinen entre as partes, declarando e comprometéndose expresamente que a dita operación non será utilizada para substituír créditos bancarios preexistentes na mesma entidade financeira.

5.2. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

5.3. A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo de internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

5.4. No caso de que non conste recibida no Igape a comunicación telemática previa de aprobación por parte da entidade financeira nos termos recollidos no punto 5.1º anterior, a aplicación non permitirá a emisión do IDE.

5.5. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso 5.2º anterior. A solicitude que careza do IDE ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación.

5.6. A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non obstante se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao interesado.

5.7. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.8. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre- Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación, conforme o citado Decreto 164/2005.

5.9. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no cal desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións.

5.10. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, no caso contrario, o Igape comunicarallo ao interesado para que nun prazo de 10 días naturais repare os defectos adoecidos.

5.11. Traslado de solicitudes á sociedade de garantía recíproca.

O Igape remitirá o cuestionario da solicitude cursada á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco e remisión da súa posición ao Igape. A SGR formulará a súa posición no prazo de 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo o Igape desestimará a solicitude.

Artigo 6º.-Resolución.

6.1. Unha vez que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da dirección xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

6.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do préstamo ou crédito subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia e o importe efectivo da subsidiación equivalente para o beneficiario, que o Igape aboará á sociedade de garantía recíproca por esta operación, así como a axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR.

6.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei de subvencións.

6.4. De acordo coas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

Artigo 7º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

7.1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralle á entidade financeira e á SGR a concesión ou denegación da axuda.

7.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación completa da solicitude de axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

7.3. Poderá ser causa de denegación da axuda a falta de comunicación pola SGR da súa posición respecto a aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 8º.-Publicación.

8.1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e a súa remisión ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca para os efectos da formalización das operacións, así como o tratamento dos datos das entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca, e da súa publicación nos citados medios.

8.2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade e a súa cesión por parte do Igape aos órganos competentes da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 9º.-Formalización da operación financeira.

9.1. O prazo para a formalización da operación financeira vencerá aos dous meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape. Transcorrido o dito prazo sen que se formalizase o préstamo ou crédito ditarase resolución que teña o solicitante por renunciado e ordene o arquivo do expediente. Para o cómputo destes prazos observarase a información de seguimento remitida polas entidades financeiras.

9.2. Formalización ponte ou anticipada: mentres o Igape non notifique o contrario ás sociedades de garantía recíproca asinantes, poderán formalizarse operacións anticipadamente á resolución de concesión do Igape, co límite global de operacións formalizadas pendentes de resolución para cada sociedade de garantía recíproca de 2.000.000 €.

No caso de que as condicións formalizadas na operación non coincidan cos termos da resolución do Igape, deberá procederse á oportuna adaptación mediante anexo á póliza, modificando as condicións para quedar axustadas á resolución.

Mentres non se reciba a resolución do Igape, a SGR poderá requirir a retención do 25,5% do préstamo ou crédito en depósito peñorado ao seu favor, para que no suposto de denegación por parte do Igape poida ser utilizado para o cobramento dun 3% en concepto de comisións de aval, e co 22,5% restante poida constituír unha garantía líquida en substitución do reaval do Igape inicialmente previsto.

Artigo 10º.-Liquidación da subsidiación do Igape ás SGR.

10.1. Unha vez formalizada a operación avalada, as SGR solicitarán os orixinais das solicitudes de cobramento asinadas polos titulares das operacións, segundo o modelo do anexo III a estas bases, e custodiaranos á disposición do Igape.

10.2. Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural as SGR remitiranlle ao Igape, a través da extranet:

a) Unha relación daquelas operacións formalizadas ao abeiro destas bases.

b) A liquidación dos importes que lles corresponde percibir, segundo o establecido no artigo 4.2º destas bases.

10.3. O Igape procederá ao pagamento das subvencións correspondentes, directamente ás sociedades de garantía recíproca dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.

10.4. En calquera caso o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido nos números 4º e 7º do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.5. O Igape poderá requirir das SGR outra información para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do exercicio.

Artigo 11º.-Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape.

11.1. En caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo e tras un período de 180 días nos que tanto a entidade financeira como a sociedade de garantía recíproca efectuarán as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade financeira prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de demora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o establecido no artigo 3º d) destas bases reguladoras.

11.2. A SGR non aboará os xuros de demora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade financeira.

11.3. Unha vez que a operación resultase fallida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia nos trinta días naturais seguintes. O Igape recoñecerá cada mes as obrigas de pagamento correspondentes aos fallidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

11.4. As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adquiren o compromiso de que a execución que se realice fronte aos bens e dereitos do prestameiro (coa excepción do aval da SGR) sexa conxunta, asumindo os gastos do proceso en proporción ao risco tomado e distribuíndose conxuntamente co Igape, na mesma proporción, o produto das recuperacións obtidas do debedor.

11.5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados. Este importe deberá ser ingresado no Igape ao final de cada ano, na conta que este designe. Se a SGR se adxudica en pagamento de débedas, bens ou dereitos coa intención de vendelo a un terceiro, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais, as SGR reembolsarán ao Igape a parte dos importes obtidos na transmisión dos citados bens a un terceiro que lle corresponda ao instituto proporcionalmente ao reaval do 25% do principal, ao final de cada ano e na conta que o instituto sinale.

Artigo 12º.-Información periódica. Custodia da documentación.

12.1. As SGR remitirán mensualmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: empresa beneficiaria, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado fallido.

12.2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval, a que reflicte as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e a especialmente establecida nestas bases, durante un período de cinco anos desde a súa cancelación.

Artigo 13º.-Modificacións.

13.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

13.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

13.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

13.4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da axuda.

13.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

14.1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado CE, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

i) A nulidade da resolución polas causas establecidas no artigo 32 ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

14.3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

14.4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

Artigo 15º.-Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de perda da subvención.

As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape non aboe a subvención debido á súa perda por incumprimento de condicións.

Artigo 16º.-Control.

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 17º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

17.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.2. Formalización da adhesión ao convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

17.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V a estas bases.

Artigo 18º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2009. No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro) o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia, e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 19º.-Dotación orzamentaria.

19.1. Importe máximo de operacións.

O importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras que subscriban este convenio no período de vixencia elévase a 200.000.000 euros.

19.2. Dotación orzamentaria.

Os créditos para financiar os compromisos derivados destas bases financiaranse, con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E5/10/01.656702, cun crédito de 200.000 € para o exercicio 2009 e 5.800.000 € para o exercicio 2010.

Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas, poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e os decretos 132/1995, de 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican e a Orde da Consellería de Economía e Industria do 27 de agosto do 2009 (DOG nº 173, do 3 de setembro), así como o resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "19100D008P054.PDF"

Ver referencia pdf "19100D009P064.PDF"