DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2009 pola que se convoca unha actividade sobre formación en desfibrilización semiautomática externa para persoal non sanitario.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre formación en desfibrilización semiautomática (Desa) externa para persoal non sanitario conforme as seguintes bases:

Primeira.-Datos da actividade.

Denominación: desfibrilización semiautomática externa para persoal non sanitario.

Tipo: curso.

Horas lectivas: nove.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: proporcionar a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos ao persoal non sanitario, membro dos servizos de emerxencia e protección civil.

Conseguir aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas.

Acurtar os tempos para realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP) e a desfibrilación precoz.

Contido:

-Introdución.

-RCP básica. Recordo.

-Coñecemento teórico do Desa.

-Recollida de datos (Utstein). Mantemento do aparello.

-Exercicios prácticos.

*RCP básica.

*Práctica Desa.

*RCP + Desa (Megacode).

Segunda.-Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: os cursos van dirixidos aos membros dos servizos de emerxencias e protección civil que dispoñan de equipos de desfibrilizadores externos, e que teñan feito o curso básico de protección civil e un de segundo nivel.

Prazas ofertadas: 15 prazas por curso.

Terceira.-Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

1. A inscrición das persoas interesadas será gratuíta.

2. As persoas interesadas poderán cubrir a solicitude que se amosa na páxina web http://agasp.xunta.es, ou o modelo anexo á convocatoria da actividade.

3. As solicitudes deberán vir asinadas pola persoa responsable da correspondente unidade e co selo desta. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

4. Presentación das solicitudes:

-Por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada

-A través do fax 886 20 61 23 do Servizo de Formación-Sección de Protección Civil e Bombeiros da AGASP, ou

-Segundo o previsto no artigo 38.4ª da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 30 de outubro de 2009.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á AGASP, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da AGASP, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

Cuarta.-Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas.

Das 16.00 ás 20.00 horas.

Datas:

1º curso: 5 novembro de 2009.

2º curso: 12 de novembro de 2009.

Esixencias: membros dos servizos de emerxencias e protección civil que dispoñan de equipo de desfibriladores externos, e que teñan feito o curso básico de protección civil e un curso de segundo nivel, e o curso de actualización primeiros auxilios.

Quinta.-Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

Sexta.-Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "19100D007P053.PDF"