DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.514

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de setembro de 2009 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 29 de xaneiro de 2009 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable no ano 2009.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 29 de xaneiro de 2009 (DOG número 21, do 30 de xaneiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2009, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, así como a indemnización compensatoria.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas directas no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia financiadas polo Fondo Europeo de Garantía Agraria e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobouse o correspondente expediente de modificación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 313/2009, do 4 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas nos capítulos II, III e IV do título II da Orde do 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 21, do 30 de xaneiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a) da dita orde, incrementase no importe de 106.800.000 euros, e con cargo á aplicación 11.90.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-O incremento de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 29 de xaneiro de 2009.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural