DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de setembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos custos de produción, e se convocan para o ano 2009.

A innegable transcendencia que as explotacións leiteiras presentan en Galicia desde unha dimensión económica, social e ambiental, e o seu importante peso relativo no conxunto do Estado, xustifica que unha parte considerable dos fondos adicionais derivados do Chequeo Médico e do Plan Europeo de Recuperación Económica (PERE) asignados ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia se destinen ao novo reto das medidas de acompañamento á reestruturación do sector lácteo, co fin de mellorar a viabilidade e competitividade das explotacións leiteiras con perspectivas de continuidade, corrixindo o lastre que moitas destas explotacións poden ter polo esforzo feito para axustarse ao escenario actual, especialmente no caso dos territorios cun maior grao de dependencia do sector lácteo, de forma que se garanta a produción e as posibilidades de competir nun mercado liberalizado.

Estas axudas aos investimentos exclusivamente dirixidos ás explotacións leiteiras, co fin de mellorar a súa competitividade especialmente a través da redución dos custos de produción, encádranse tanto no marco do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito Regulamento do Consello, así como no previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas ao apoio a aqueles investimentos que incidan na estratexia de redución de custos mediante estratexias de aforro e a eficiencia enerxética nas explotacións, que minimicen a dependencia externa da enerxía, e a substitución de insumos por recursos naturais localmente dispoñibles, que permitirán incrementar a competitividade das explotacións, redundando á súa vez nunha redución significativa das externalidades ambientais asociadas á actividade agraria.

As axudas encádranse no marco dos anteditos regulamentos e están en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais reflectidas tamén na nova redacción do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013. O cofinanciamento do Feader nestas axudas acadará unha porcentaxe do 90% do gasto executado.

Para acadar os obxectivos é necesario dirixir as actuacións ás explotacións agrarias que acrediten a súa viabilidade económica, que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, nas cales a persoa titular teña a capacidade e competencia profesionais adecuadas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2009 das axudas á mellora da competitividade das explotacións leiteiras, a través da redución dos custos de produción.

2. Poderán ser beneficiarios as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións leiteiras que cumpran os requisitos recollidos no artigo 3 e que acometan investimentos que supoñan unha mellora da competitividade da súa explotación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde teranse en conta as definicións dadas pola Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e polo Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Sección primeira

Bases reguladoras para a concesión de axudas para

a mellora da competitividade das explotacións leiteiras, mediante a redución dos custos de produción

Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

Para solicitar a axuda presentarán unha solicitude, segundo o modelo que se especifica no anexo I, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento das condicións, que, segundo o tipo de titular -persoa física, xurídica ou comunidade de bens- e as características da explotación, será a seguinte:

1. En todos os casos a persoa solicitante deberá:

a) Ser titular dunha explotación agraria que teña cantidade de referencia asignada a 1 de abril de 2009.

b) Presentar un plan de mellora da competitividade da súa explotación conforme o indicado no artigo 4º.

c) Presentar documento de compromiso de exercer a actividade agraria na produción de leite na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da concesión da axuda, así como cumprir as normas aplicables exixibles.

Este compromiso será sometido a seguimento mediante a comprobación de se a explotación do beneficiario ten asignada cantidade de referencia na produción de leite nese período de tempo.

d) Acreditar a súa viabilidade económica na produción de leite de vaca, de acordo coa marxe neta establecida pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para esta orientación produtiva, e tendo en conta que unha explotación é viable economicamente cando a súa renda unitaria de traballo non sexa inferior ao 20% da renda de referencia. Tamén se considerarán viables as explotacións clasificadas como prioritarias de conformidade co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

e) Xustificar estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non ten ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

g) Non ter sido sancionado polo incumprimento da normativa relativa ao saneamento gandeiro, da normativa vixente en materia de calidade do leite cru nos tres anos anteriores á data de solicitude de axuda, e estando acollido a un programa de calidade do leite, non se detectasen incumprimentos sobre este nos controis realizados sobre o terreo que desen lugar á exclusión das axudas do pagamento adicional lácteo 2008.

h) Acreditar un volume de emprego de polo menos unha UTA, o cal se efectuará de acordo co establecido no artigo 13 do Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

i) Posuír a capacitación profesional suficiente, o cal se deberá acreditar de acordo co referido no artigo 17 do Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

2. As persoas físicas titulares, ademais do indicado no número 1, deberán ter dezaoito anos cumpridos e non ter cumpridos os sesenta e cinco. O requisito da idade xustificarase mediante copia cotexada do DNI.

3. As persoas xurídicas, ademais das sinaladas no número 1, deberán:

a) Ter como actividade principal a agraria, para o cal deberán presentar os estatutos ou documento de constitución e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas da orientación produtiva e das actividades económicas da explotación.

4. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, ademais dos requisitos sinalados no número 1, deberá presentar:

a) Os estatutos da comunidade e a súa acta de constitución.

b) Acreditar, por parte de, polo menos, o 50% dos comuneiros ou das comuneiras, que reúnen os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, para o que presentarán toda a documentación especificada no número 2 deste artigo (persoa física titular de explotación).

5. Así mesmo, cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens ou sociedade civil poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, da subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo II desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle correspondan á agrupación e non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da citada lei, para o que deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade polo período citado.

Artigo 4º.-Condicións do plan de mellora da competitividade.

1. O plan de mellora da competitividade suporá unha mellora integral e duradeira da economía da explotación leiteira, orientado cara a estratexias de redución de custos que permitan incrementar a súa competitividade, polo que os investimentos elixibles se destinarán ás seguintes prioridades:

-A redución dos custos na produción leiteira.

-A maximización do uso de recursos propios da explotación.

-A redución dos gastos en enerxía, mediante o aforro e a eficiencia enerxética.

-A substitución do uso de enerxías convencionais por enerxías renovables.

2. O plan de mellora da competitividade deberá demostrar, mediante cálculos específicos, que os investimentos están xustificados desde o punto de vista da situación da explotación e da súa economía, e que a súa realización suporá unha mellora do rendemento global da explotación leiteira.

3. Considerarase que un plan de mellora da competitividade cumpre as condicións establecidas no parágrafo anterior cando, tras a súa realización, non diminúa a renda unitaria de traballo da explotación ou, nos casos en que se incremente o número das UTA dela, non diminúa a súa marxe neta da mesma.

4. No caso de que o plan de mellora da competitividade prevexa financiar investimentos que supoñan unha redución dos gastos en enerxía, ou favorezan o aforro enerxético, estes deberán estar xustificados nunha documentación técnica que detalle as medidas de aforro e de eficiencia enerxética da explotación e as de substitución do uso de enerxías convencionais por enerxías renovables, de acordo co anexo III. Ademais, no momento da certificación deste tipo de investimentos, o beneficiario deberá achegar, xunto co resto de documentación, o anexo III correspondente ao investimento executado.

5. Así mesmo, o plan de mellora da competitividade deberá incluír:

a) Unha descrición das situacións anterior e posterior á realización do plan, establecidas en función dun orzamento estimativo e comprendendo, cando menos, os seguintes datos:

1º Superficie da explotación, especificando a dos distintos cultivos e cabezas de gando, e rendementos medios.

2º Maquinaria e equipamento, melloras territoriais e edificios.

3º Composición e dedicación da man de obra familiar e asalariada.

4º Produción bruta da actividade.

5º Gastos da actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.

b) Unha descrición dos investimentos previstos.

6. Os agricultores e as agricultoras deberán cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais. Para estes efectos, os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento desas normas mínimas.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na certificación dos investimentos aprobados, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia enerxética e economía, debéndose xustificar expresamente nunha memoria técnica a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8. Consideraranse elixibles os investimentos que figuren no anexo IV.

9. Non se concederán axudas para os seguintes investimentos:

a) Os investimentos de simple substitución.

b) Os investimentos na compra de dereitos de produción, animais e plantas anuais.

10. Así mesmo, terase en conta o seguinte:

a) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento de subvención, os investimentos subvencionados non deberán sufrir ningunha modificación importante:

1º Que afecte á súa natureza ou ás súas condicións de execución, ou

2º Que resulte ben dun cambio na natureza do réxime de propiedade dunha determinada infraestrutura, ben da interrupción ou do cambio de localización dunha actividade produtiva.

b) O incumprimento da obriga de destino referido anteriormente, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, agás o referido no artigo 29.4º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non se considerará incumprida a obriga de destino referida na anterior letra cando:

1º Tratándose de bens non inscritibles nun rexistro público, fosen substituídos por outros que sirvan en condicións análogas ao fin para o que se concedeu a subvención e este uso se manteña ata completar o período establecido, sempre que a substitución sexa autorizada pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

2º Tratándose de bens inscritibles nun rexistro público, o cambio de destino, alleamento ou gravame sexa autorizado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no suposto de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 5º.-Contía dos investimentos e das axudas.

1. Contía dos investimentos:

a) Os investimentos elixibles poderán chegar a un máximo de 100.000 euros por UTA, sen superar os 200.000 euros por explotación. Esta limitación circunscríbese ao importe dos investimentos polos que se solicita axuda ao abeiro das ordes destinadas a financiar, cos fondos procedentes do novo reto das medidas de acompañamento á reestruturación do sector lácteo, os investimentos para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras.

Para estes efectos, atribuirase a unha soa explotación beneficiaria o conxunto de plans de investimentos agrarios realizados por calquera titular dela.

Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais, de acordo co establecido no artigo 13 do Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Cando se trate dun plan de mellora dun agricultor/a mozo/a, o límite máximo de investimento por UTA calcularase en función do número de UTA correspondente á situación posterior á realización do plan de mellora.

c) A determinación das axudas aos investimentos que se vaian realizar nas explotacións efectuarase de acordo coas condicións específicas que correspondan ao municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos bens, dereitos e elementos da explotación.

2. Contía e tipo de axudas. A contía máxima da axuda expresada en porcentaxe do importe do investimento será de ata:

a) O 55% nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fai referencia o número 4 do artigo 55 do Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello ou, de ser o caso, nas listas que se establezan en aplicación do artigo 36, letra a) do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro.

b) O 45% nas demais zonas.

c) A axuda consistirá nunha subvención directa de capital que non poderá superar o límite de intensidade de axuda sobre o investimento total indicado no anterior parágrafo.

d) Non obstante, serán denegadas as solicitudes para investimentos de plan de mellora da competitividade cuxo investimento elixible sexa inferior a dous mil (2.000) euros por explotación.

3. Cando o beneficiario sexa agricultor, menor de 40 anos no momento da súa primeira instalación, que, simultaneamente a ela ou nos cinco anos seguintes, presente un plan de mellora da competitividade regulado nesta orde para a súa explotación, poderá obter unha axuda suplementaria do 10% do investimento, como máximo. Esta axuda suplementaria só procederá cando se aplicase na contía máxima posible a axuda recollida no número 2 deste artigo e concederase na súa integridade cando o plan de mellora da competitividade da explotación corresponda a un agricultor mozo que se instalase ou se fose instalar baixo a modalidade de titularidade exclusiva e en proporción á participación do agricultor mozo no financiamento dos investimentos nas restantes modalidades de instalación.

Artigo 6º.-Prazo de execución do plan de mellora.

O prazo de execución dos investimentos será, como máximo, de 12 meses computados a partir do día seguinte ao da data da notificación da concesión da axuda.

En casos excepcionais en que a persoa beneficiaria, por causa debidamente xustificada, non poida rematar a mellora no prazo previsto, deberá solicitar unha prórroga do prazo de execución, con anterioridade ao transcurso do prazo máximo, especificando os motivos e o prazo de prórroga de execución, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Artigo 7º.-Modificación do plan de mellora da competitividade.

1. Cando se produzan modificacións do plan de mellora relacionadas co programa de investimentos, presentarase un plan de mellora complementario ou alternativo. No caso de modificacións de menor entidade recoñecidas pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, bastará a certificación da realización dos investimentos que comprenda o dito plan.

2. Non obstante o establecido no número anterior, nos casos en que a persoa beneficiaria non execute o plan de mellora para o cal ten concedido axudas ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e o aprobado para a execución do plan, reducirase a axuda segundo a normativa de aplicación.

Sección segunda

Procedemento de concesión das axudas

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes.

1. A presentación das solicitudes de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida nesta orde.

2. Ademais, de acordo co artigo 11º e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas que soliciten as axudas previstas nesta orde, acreditarán, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto ningún, coa Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada comportará, durante todo o período de compromisos, a autorización á Consellería do Medio Rural, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As oficinas agrarias comarcais asesorarán as persoas solicitantes na realización dos estudos técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora da competitividade das explotacións iniciando a instrución dos expedientes, os cales serán remitidos debidamente cubertos aos servizos de explotacións agrarias nun prazo máximo de vinte días desde a data de rexistro da solicitude.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade.

Posto que as axudas previstas nesta orde se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación e coa seguinte puntuación máxima por criterio:

O conxunto de solicitudes para investimentos en explotacións agrarias clasificarase en dous grupos, distinguindo as explotacións prioritarias das do resto de solicitudes, tendo as primeiras prioridade sobre das segundas. A acreditación da condición de ser unha explotación agraria prioritaria ou de acadar tal condición coa aplicación destas axudas, así como da consideración da titularidade da explotación dunha muller, realizarase mediante a achega polo solicitante da axuda da documentación que se establece no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Posteriormente a cada un destes grupos aplicaránselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Titular muller: 4 puntos.

b) Investimento por UTA ata: 4 puntos.

c) Solicitante dunha axuda da medida 121.A no ano 2009: 4 puntos.

d) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.

e) Subscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.

f) Situación da explotación nunha zona desfavorecida ata: 2 puntos.

Artigo 10º.-Tramitación e resolución.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución de cada expediente corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido pola subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Posteriormente serán notificadas ás persoas interesadas e, de ser o caso, á entidade financeira correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e nos convenios establecidos ou que se establezan entre a Consellería do Medio Rural coas entidades financeiras.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será antes do 31 de decembro de 2009.

Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 11º.-Certificación dos investimentos e gasto.

1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento, con posterioridade á data de presentación da solicitude, e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos. Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural cubrirán unha acta en que se faga constar que os investimentos non se iniciaron con antelación á data de solicitude. Todo isto sen prexuízo do disposto na disposición transitoria sexta.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicárllelo, por escrito, preferentemente ás oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución das melloras, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

3. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos cumprindo as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro). Estes xustificantes virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo delas co xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda.

4. Condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc) só se consideran subvencionables sempre e cando os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de equipamentos a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario do equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non sobrepasará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

5. Tal como se indica no artigo 54 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sempre que o beneficiario presente documento contable de valor probatorio equivalente, poderá quedar exento da presentación das facturas correspondentes ao traballo nas actividades voluntarias non remuneradas para a execución do investimento aprobado en conducións de auga, transformación e arroteamento de montes con establecemento de pradarías, e instalación de cercas fixas. O valor destas actividades determinarase segundo o tempo e a remuneración por hora e día aboada por actividades equivalentes, cando proceda sobre a base dun sistema de cálculo de custos estándar previamente establecido. Neste caso o gasto público cofinanciado polo Feader non poderá ser superior ao total dos gastos subvencionables, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación. En calquera caso, para cada un dos conceptos de investimento citados, a exención non poderá superar o cincuenta (50) por cento

do importe do correspondente investimento auxiliado ou, se é o caso, certificado. Para que o referido documento teña validez, deberá figurar nel a oportuna dilixencia, emitida por funcionario da Consellería do Medio Rural, na cal se faga constar que o importe aceptado en concepto de man de obra achegada persoalmente polo beneficiario non supera os límites anteditos. Este importe nunca poderá superar os 6.000 euros por UTA inicial.

6. Unha vez comunicada a finalización dos investimentos, o persoal técnico das oficinas agrarias comarcais, dos servizos provinciais de explotacións agrarias ou outro designado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 2.000 euros de investimento.

A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, e quedará sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.

7. Antes do pagamento das axudas as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

8. Os beneficiarios destas axudas poderán solicitar o aboamento dun anticipo, o cal non poderá superar o 50% da axuda aprobada. A súa liquidación deberá supeditarse á constitución dunha garantía bancaria ou dunha garantía equivalente que corresponda ao 110% do importe anticipado, a cal se liberará cando a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comprobe que o importe dos gastos reais derivados do investimento supera o importe do anticipo.

Artigo 12º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos investimentos.

2. Co fin de comprobar a existencia ou non de incompatibilidade, as persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para os mesmos investimentos polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 13º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, sempre que cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas polos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Axudas non reintegrables.

a) Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

1º Falecemento do beneficiario.

2º Longa incapacidade profesional da persoa beneficiaria, de acordo coa resolución de incapacidade da Seguridade Social, e informe do facultativo da Unidade de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde sobre a súa duración.

3º Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4º Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación, considerada de acordo co informe técnico emitido polo servizo provincial de Explotacións Agrarias onde radique a explotación agraria.

5º Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación, considerada de acordo co informe técnico emitido polo servizo provincial de Explotacións Agrarias onde radique a explotación agraria.

6º Epizootia que afecte a totalidade ou unha parte do gando do/a produtor/a.

A persoa beneficiaria ou o seu habente causa notificará por escrito á autoridade competente os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas pertinentes a satisfacción da devandita autoridade, no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a persoa beneficiaria ou o seu habente causa estea en condicións de facelo.

b) Cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria transfira a súa explotación a outra persoa que cumpra os requisitos exixidos, esta poderá asumir o compromiso e subrogarse en compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas. Poderá non exixir o reembolso, se no caso de cesamento definitivo das actividades agrarias por parte dunha persoa beneficiaria que cumprise unha parte significativa do compromiso, a asunción do compromiso polo/a sucesor/a non resulta factible.

3. Así mesmo:

a) Cando se concedese un anticipo de acordo co sinalado no artigo 11.8º e, unha vez certificados os investimentos, consonte o artigo 11, se a axuda definitiva a que ten dereito resultase inferior ao importe do anticipo, o beneficiario reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais contados desde o momento do pagamento do anticipo, salvo concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

b) Se o beneficiario percibise un anticipo e non executase os investimentos no prazo máximo previsto nos artigos 6 e 11 deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuros legais contados desde a data do pagamento, salvo que concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

Artigo 16º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 17º.-Controis, reducións, exclusións e sancións.

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, previos e posteriores ao pagamento, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a estas medidas.

2. Para estes efectos será de aplicación o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro de 2006.

3. Os pagos calcularanse sobre a base do que se considera elixible, tras determinar:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a admisibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

A cantidade para pagar ao beneficiario será a definida no importe b). Cando o importe a) supera o importe b) en máis dun 3%, a cantidade para pagar é igual ao importe b) menos a diferenza entre os dous importes. Esta redución non se aplicará cando o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non elixible.

As reducións prescritas aplicaranse igualmente sobre os gastos non subvencionables identificados nos controis sobre o terreo e nos controis a posteriori.

4. Cando se determine intencionalidade na presentación dunha declaración falsa, o beneficiario quedará excluído da axuda Feader en cuestión e do resto de axudas vinculadas á medida durante o exercicio Feader de que se trate e os dous seguintes. Ademais, recuperaranse os importes aboados pola operación ata ese momento, no caso de ter pagamentos parciais.

5. Así mesmo, será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007. Todo o anterior é sen prexuízo das sancións que se puidesen impoñer en aplicación da lexislación vixente en materia de axudas.

Sección terceira

Convocatoria 2009

Artigo 18º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2009 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 19º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da entrada en vigor da orde.

2. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

Artigo 20º.-Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

-49.02.712B 772.0, na cal existe crédito adecuado para o ano 2009 de seis millóns vinte e cinco mil catrocentos cincuenta e un euros con once céntimos (6.025.451,11 euros), e para o ano 2010 de catro millóns dous centos dezasete mil oitocentos quince euros con cincuenta e seis céntimos (4.217.815,56 euros).

A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa abonda e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Produción Agropecuaria efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, para os efectos do sinalado no artigo 9, de acordo co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Segunda.-Normativa subsidiaria.

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e as súas modificacións, no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Marco Nacional de Desenvolvemento Rural e no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 aprobados pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 19/1995, de modernización das

explotacións agrarias, do 4 de xullo, así como no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, do 30 de outubro.

Terceira.-Publicidade das axudas.

Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa.

Na placa figurará unha descrición do proxecto ou da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Ademais, figurará a bandeira europea, de acordo coas normas gráficas establecidas no punto 4 do anexo VI do Regulamento (CE) número 1974/2006, xunto co lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Cuarta.-Documentación en poder da Administración.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, folla de saneamento gandeiro, cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable.

Quinta.-Condición suspensiva.

A concesión e pagamento das axudas recollidas nesta orde quedará condicionada, en todo caso, á aprobación da proposta de modificación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 que incorpora os novos retos por Decisión da Comisión Europea, así como ás eventuais modificacións e observacións que poidan derivar do proceso de tramitación da proposta de modificación ata a súa aprobación.

Sexta.-Solicitudes de axuda a plans de mellora para o 2009.

Respecto ás solicitudes de axuda presentadas ao abeiro da convocatoria de axudas a plans de mellora para o 2009 (sección 1.1ª da Orde do 17 de decembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2009), en canto se trate de operacións que cumpran os requisitos exixidos nesta orde (beneficiarios do sector lácteo, tipoloxía de investimentos subvencionables relacionados no anexo IV, etc), poderán beneficiarse das condicións introducidas no marco dos novos retos, fundamentalmente o relativo ao incremento da intensidade de axuda en cinco puntos porcentuais, sempre que o interesado o solicite expresamente e desista da solicitude presentada para eses investimentos ao abeiro da convocatoria anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2009.

Samuel Juárez Casado

Consellerio do Medio Rural

Ver referencia pdf "19100D004P023.PDF"

ANEXO I

Ver referencia pdf "19100D004P023.PDF"

Ver referencia pdf "19100D005P050.PDF"