DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 10 de de setembro de 2009 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de bolseiros para o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Con esta convocatoria preténdense dotar os bolseiros na formación sobre persoas con discapacidade, así como facilitarlles o estudo no campo educativo e asistencial, no centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Estes bolseiros como contrapartida gozarán de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 2009-2010, así como de axudas para sufragar os gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas de bolseiros, en réxime de concorrencia competitiva, para o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo, da Coruña, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, normativa na que se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa a cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade,

obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convocar a cobertura de tres prazas de bolseiros, polo réxime de concorrencia competitiva previsto no artigo 22.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o curso escolar 2009-2010 no centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria:

a) Idade comprendida entre os 18 e 28 anos na data en que remate o prazo para ditar resolución.

b) Estar cursando estudos superiores, medios, de formación profesional grao superior (FP2) e/ou técnicos superiores de formación profesional, nunha facultade, colexio universitario ou escola técnica, ou ter rematados estes estudos.

c) Non ter perdido con anterioridade a condición de bolseiro por causa imputable ao solicitante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física e psíquica que impida o desenvolvemento normal da actividade.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os interesados deberán presentar a súa solicitude en modelo normalizado (anexo á orde) no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña; avenida Enrique Mariñas, s/n, edificio Proa, Matogrande, A Coruña, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificación académica e, se é o caso, copia cotexada do título académico que capacite para participar ou xustificante de que se solicitou a súa expedición.

c) Curriculum vitae do solicitante, con xustificación do expediente académico, actuacións de voluntariado e formación non regrada.

d) Fotocopia da tarxeta de asistencia sanitaria.

e) Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, e de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

f) Proxecto ou proposta de actividades de dinamización que se desenvolverá no centro de acordo coas funcións recollidas no artigo 7.2º. Este proxecto deberá incluír: obxectivos, metodoloxía, actividades e temporización conforme o período de desenvolvemento da bolsa. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade do centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos destinatarios.

g) Xustificación de ingresos da unidade familiar, que deberá acreditarse mediante copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente á última renda, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar. No caso de non ter obriga de declarar, certificación de Facenda da dita circunstancia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a solicitude non cumpre os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

1. Á concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2009 ata o 30 de xuño de 2010. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao bolseiro a normal realización dos seus estudos.

2. Ao pagamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar de ata 180 euros para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

3. Ao pagamento por parte da Consellería de Traballo e Benestar de ata 120 euros para adquisición de libros relacionados cos estudos cursados polos bolseiros nas condicións fixadas na alínea 2.

4. O pagamento pola Consellería de Traballo e Benestar da contía de 300 euros mensuais, logo de certificación pola dirección do centro dos estudos e formación adquirida.

5. Ao rematar a estadía no centro, seralles entregado un diploma acreditativo polo órgano competente en materia de discapacidade, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

6. Á asignación dun profesional como titor que, en coordinación coa dirección do centro, oriente e asesore o bolseiro nas súas actividades.

Artigo 5º.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 2009 ao 30 de xuño do 2010.

Artigo 6º.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 48.06.312E.481.1 por un importe máximo de 9.900 euros, desagregado por anualidades do seguinte xeito:

-Ano 2009: 4.500 euros.

-Ano 2010: 5.400 euros.

Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.

1. A condición de bolseiro obriga a este nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa excepción do cumprimento da obriga de acreditar que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, conforme o previsto no artigo 48 h) da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. A participar nas tarefas e cometidos relacionados coas actividades de dinamización e intervención psicosocial, correspondéndolle ao director do centro, en coordinación co titor, asignar estas tarefas en función do proxecto presentado previsto no artigo 3 f) e da programación do propio centro. Estas tarefas desenvolveranse en horario extraescolar coa finalidade de que resulten compatibles co aproveitamento académico do bolseiro.

3. A cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro.

4. Os bolseiros teñen a obriga de facilitar por escrito toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. Antes do último pagamento, os bolseiros presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes. En todo caso, a concesión da bolsa é incompatible con calquera outra axuda para aloxamento e mantenza.

6. A incorporarse o día 1 de setembro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. En caso contrario, perderán o dereito á bolsa adxudicada, procedéndose a cubrir a vacante con base na lista de suplentes, conforme o sistema previsto no segundo parágrafo do artigo 8.3º desta orde.

Artigo 8º.-Procedemento de selección.

1. Unha vez presentadas as solicitudes ou emendadas, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración, presidida polo xefe de servizo competente nesta materia, sendo vogais dous funcionarios, da dita unidade administrativa designados por aquel, o director do centro e o xefe de internado. A dita comisión rexerase no seu funcionamento polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e examinará as solicitudes, valorando os seguintes datos:

a) Expediente académico, dándolle prioridade aos solicitantes que estean cursando ou teñan finalizado os estudos de psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, profesorado de educación primaria, enfermaría, educación social, estimulador, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, psicomotricidade, monitor ocupacional, técnicos superiores en integración social e educación infantil (FP) (de 0 a 50 puntos).

b) Actuacións de voluntariado nos campos de integración, animación sociocultural e deportiva, con persoas discapacitadas (de 0 a 10 puntos).

c) Proxecto de intervención/actividades presentado (de 0 a 10 puntos). O uso da lingua galega na redacción e desenvolvemento do proxecto valorarase cunha puntuación adicional de 5 puntos.

d) Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/ número de membros da unidade familiar, podéndose incluír como membros da unidade familiar os fillos menores de 30 anos de idade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria. Este punto puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50% do IPREM: 8 puntos.

Entre o 50% e o 75% do IPREM: 6 puntos.

Superior ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: 4 puntos.

Entre o 100% e o 125% do IPREM: 2 puntos.

Superior ao 125% do IPREM: 0 puntos.

2. A comisión confeccionará unha lista das solicitudes recibidas ordenada de xeito decrecente conforme as puntuacións asignadas, e elevaralle a proposta de adxudicación ou denegación ao xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, antes de que pasen 20 días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presentar as instancias. A proposta de adxudicación poderá incluír a adxudicación de todas as bolsas, de parte delas ou de ningunha.

3. Correspóndelle ao xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, por delegación da Conselleira de Traballo e Benestar e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das bolsas, mediante resolución que se comunicará tanto ao centro como a todos os solicitantes. O prazo para notificar a resolución expresa será de 3 meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se no devandito prazo non se ditase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

A resolución establecerá os bolseiros adxudicatarios e suplentes por orde de puntuación. Estes últimos serán chamados automaticamente e pola orde establecida, cando por algunha circunstancia algún dos adxudicatarios non acreditase os requisitos e condicións de adxudicación, non puidese formalizar a aceptación da bolsa, perdese a condición de bolseiro pola concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 ou, unha vez iniciadas as actividades, non continuase na execución delas.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións ditadas en relación con estas prazas poñerán fin á vía administrativa podendo interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data da notificación.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro de 2009 para presentar a documentación requirida para o efecto polo xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña (datos da conta e entidade bancaria e xustificantes da matrícula e libros). A mora motivará que non se proceda ao aboamento correspondente, agás acreditación suficiente de imposibilidade de presentación en prazo.

Artigo 9º.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Artigo 10º.-Revogación ou interrupción no goce das bolsas.

O xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, logo dos informes pertinentes, tras a audiencia ao interesado e motivando a resolución, procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como cando os adxudicatarios:

a) Incumprisen as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2 e 7 desta orde.

b) Incorresen en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumprisen a disciplina do centro.

O suposto de revogación obrigará o adxudicatario a reintegrarlle ao Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela, e o xuro de demora correspondente conforme o previsto nos artigos 33.1º e 34.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de interrupción do goce da bolsa, por vontade do bolseiro, O xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá, se procede, exixir a devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anular os pagamentos pendentes.

Os adxudicatarios quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título V da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Publicidade de datos.

Conforme o previsto do artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as bolsas concedidas de acordo con esta convocatoria.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de competencias no xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar da Coruña, ao abeiro do establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o órgano competente nesta materia para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "19100D003P019.PDF"