DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de setembro de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos non universitarios dependentes desta consellería para o curso académico 2009-2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

Actualmente o Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro (DOG nº 26, do 6 de febreiro), regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 2.3º da citada norma prevé que a Administración educativa poderá colaborar coas asociacións de nais e pais de alumnos/as e as súas federacións, cando estas asuman a xestión e organización do comedor escolar.

No marco normativo referido a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece nesta orde un programa de axudas económicas coa finalidade de cofinanciar e apoiar a prestación do servizo de comedor escolar xestionado polas asociacións de nais e pais de alumnos/as de centros públicos non universitarios dependentes dela.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as legalmente constituídas, que xestionan comedores escolares en centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) Custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor así como, se é o caso, a vixilancia e coidado dos alumnos durante o uso do servizo de comedor e o desenvolvemento de programas de promoción da saúde e habilidades persoais como complemento ao servizo de comedor durante o curso académico 2009-2010.

b) Gastos correntes en que incorran as asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnos/as como consecuencia da xestión do comedor, cun máximo do 3% do importe total do custo do servizo de comedor e sen que, en ningún caso, a citada porcentaxe supere os 2.000 euros.

c) Gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas, para o caso de que a súa contratación se realice separadamente.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde destinaranse 1.100.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 45.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte imputación por anualidades:

-427.008 € con cargo á anualidade do ano 2009.

-672.992 € con cargo á anualidade do ano 2010.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, ben que o importe da subvención concedida en ningún caso poderá, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 3º.-Actividade subvencionable.

Son actividades subvencionables as vinculadas á organización, financiamento e xestión dos comedores escolares existentes en centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que resulten xestionados polas entidades que poden ter a condición de beneficiarios e que se enumeran no artigo 4º.

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50% do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente. Para iso terase en conta o orzamento que o/a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa solicitude, que deberá axustarse ao modelo incorporado como anexo II.

No caso de solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía e percibirán, se é o caso, a axuda cos límites expresados no artigo 2º.2.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben presentasen a correspondente solicitude de inscrición e que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor no centro escolar correspondente.

Para tal efecto, entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, por calquera das formas que seguidamente se enumeran:

a) Contratación da prestación do servizo de forma integral comprensiva tanto da xestión do comedor como das restantes actividades asociadas a este, ou ben mediante a contratación separada de ambas as actividades.

b) Encomenda do servizo a empresa/s especializada/s con aboamento do prezo do servizo por parte dos usuarios seguindo as instrucións establecidas de común acordo pola asociación respectiva.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnos/as que, por non existir as instalacións axeitadas no centro escolar, xestionen o servizo de comedor escolar nun local hostaleiro próximo ao centro escolar, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións axeitadas de seguridade viaria no desprazamento dos alumnos ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante a totalidade do curso académico 2009/2010.

c) Que o prezo dos menús contratados co citado local non supere os 6 euros por comensal e día, IVE incluído.

3. Poderán acollerse a esta orde as actuacións que se vaian realizar descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2009/2010.

Artigo 5º.-Subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios.

1. En atención á natureza da actividade obxecto de subvención todos os beneficiarios quedan autorizados para subcontratar con terceiros a execución total ou parcial das actividades relativas á xestión dos respectivos comedores escolares.

2. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

3. Ademais do disposto anteriormente, os beneficiarios deberán cumprir coas previsións e obrigas sinaladas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, subscrita polo representante legal da entidade solicitante, achegaranse coa seguinte documentación:

a) Orzamento do custo do servizo de comedor segundo o modelo que figura como anexo II.

b) Memoria explicativa en que se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, con indicación expresa do ano/curso de inicio deste, así como o programa de promoción da saúde e habilidades persoais.

c) Certificación do acordo do órgano competente da entidade solicitante polo que se decide solicitar a axuda.

d) Relación de asociacións de nais e pais de alumnos/as que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar.

e) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, outras axudas para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos, con indicación do número de alumnos/as que serían beneficiarios/as desas axudas (anexo III).

f) Certificación bancaria a nome da entidade solicitante, na cal conste o número de conta en que se ingresaría o importe da axuda.

g) Copia do CIF da asociación, federación ou confederación correspondente.

h) Declaración de non concorrer no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, e de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición sinaladas no artigo 10.3º da antedita lei, segundo o modelo que se incorpora como anexo V.

2. Non será preciso achegar os documentos a que se fai referencia nas alíneas f) e g) deste artigo, sempre e cando estean xa nos rexistros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Neste caso, non deberán ter transcorrido máis de cinco anos desde a presentación da documentación para a que se pretenda facer valer tal efecto, e o interesado deberá indicar a data e o órgano ante o que a presentou.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

1. As solicitudes dirixidas á Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e demais documentación poderanse presentar no rexistro xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15780 Santiago de Compostela; así como en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Instrución do procedemento.

O órgano instrutor do procedemento é a Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Recursos Educativos Complementarios da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, a normativa xeral e específica de subvencións e de acordo coas normas de procedemento administrativo común.

O Servizo de Recursos Educativos Complementarios da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Recursos Educativos Complementarios examinará a documentación presentada polos solicitantes e, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos que sinala o artigo 70 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, terase por desistido da súa petición logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

O órgano instrutor realizará finalmente un informe no cal conste que da documentación que está no seu poder se desprende que os solicitantes cumpren os requisitos para acceder ás axudas.

Artigo 9º.-Valoración.

1. Unha vez instruído o procedemento, os expedientes serán enviados para o seu informe preceptivo á comisión de valoración, que efectuará a proposta de resolución e enviaraa ao órgano competente para resolver.

Para tal efecto constituirase unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

-O/A subdirector/a xeral de Xestión Orzamentaria e Recursos Educativos Complementarios, que actuará como presidente/a.

-O/A xefe/a do Servizo de Recursos Educativos Complementarios.

-Un/unha xefe/a dos servizos provinciais de Recursos Educativos Complementarios.

-Un/unha funcionario/a do Servizo de Recursos Educativos Complementarios, que actuará como secretario/a.

2. Para os efectos de valoración seguiranse os criterios que se detallan:

a) A maior implicación dos concellos no financiamento do servizo obxecto de subvención, ata 15 puntos repartidos do seguinte xeito:

-Cinco (5) puntos cando o concello respectivo se faga cargo da vixilancia no comedor escolar na súa totalidade; no caso de que se financie parcialmente, atribuirase a puntuación proporcionalmente ao custo sufragado, en relación cos monitores precisos para prestar o servizo consonte o disposto no artigo 8.4º da Orde do 21 de febreiro de 2007 pola que se regula a organización, funcionamento e xestión do servizo de comedor escolar nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Cinco (5) puntos cando o concello dispoña de bolsas ou axudas para o alumnado do comedor escolar correspondente, segundo a seguinte escala:

-Menos de 10 bolsas: 1 punto.

-Entre 11 e 20 bolsas: 2 puntos.

-Entre 21 e 30 bolsas: 3 puntos.

-Entre 31 e 40 bolsas: 4 puntos.

-Máis de 40 bolsas: 5 puntos.

-Cinco (5) puntos por calquera outra achega económica do concello efectuada para sufragar gastos que garden relación co funcionamento do comedor escolar, de conformidade coa seguinte escala:

-Menos de 3.000 euros: 1 punto.

-Entre 3.001 e 6.000 euros: 2 puntos.

-Entre 6.001 e 9.000 euros: 3 puntos.

-Entre 9.001 e 12.000 euros: 4 puntos.

-Máis de 12.000 euros: 5 puntos.

Cando na data de presentación da solicitude o concello respectivo non tivese adoptado resolución sobre a súa colaboración co comedor escolar, para os efectos deste criterio, teranse en conta as axudas ou colaboracións efectivamente realizadas no curso escolar anterior.

b) O carácter continuado e non ocasional do servizo, ata 5 puntos repartidos do seguinte xeito: 1 punto por curso, cun máximo de cinco cursos consecutivos excluído o curso obxecto da orde.

c) O número de comensais: ata 10 puntos, repartidos do xeito seguinte:

Comensais Puntuación

Ata 75 10

De 76 a 150 8

De 151 a 190 6

De 191 a 275 4

Máis de 275 2

d) Desenvolvemento do programa de promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e do desenvolvemento das habilidades persoais do alumnado do comedor.

Para a valoración dos programas recollidos neste punto, os solicitantes deberán presentar documentación onde se xustifiquen adecuadamente os seguintes aspectos (sen prexuízo de que se recollan outros diferentes):

-Nome do programa.

-Entidade organizadora do programa.

-Descrición das actividades que se desenvolven nel.

-Programación diaria, semanal ou mensual das actividades que se vaian desenvolver.

-Descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento, con referencia expresa ao número e á súa cualificación.

-Descrición do material que se dea ao alumnado usuario do comedor para o desenvolvemento do programa.

Os programas recollidos nesta epígrafe valoraranse cun máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito:

Ata 2 puntos polo desenvolvemento do programa con carácter continuo e permanente ao longo do curso escolar 2009/2010.

Ata 1 punto cando na realización das actividades ou accións que formen parte do citado programa se faga emprego da lingua galega, en cumprimento do disposto na alínea l) do número 2º do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ata 2 puntos cando o programa sexa impartido por persoal cualificado para o desenvolvemento das actividades programadas e se acredite a dita cualificación mediante os documentos axeitados.

Non serán obxecto de ningunha valoración os seguintes programas:

-Aqueles que sexan unha simple transcrición das ofertas, folletos informativos ou catálogos confeccionados polas empresas que prestan estes servizos, que presenten un carácter xenérico.

-Aqueles en que non conste a documentación acreditativa dos seguintes extremos:

Nome do programa, entidade organizadora, descrición das actividades que se van desenvolver, programación diaria, semanal ou mensual das actividades que se van desenvolver, descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento con referencia expresa ao número e á súa cualificación e descrición do material que se lle dea ao alumnado usuario do comedor para o desenvolvemento do programa.

3. Para a aplicación dos criterios anteriores ás solicitudes presentadas por federacións ou confederacións de nais/pais de alumnos/as, farase unha valoración global destas atendendo ás circunstancias que presenten os comedores escolares dos centros docentes incluídos en cada unha delas.

Nestes supostos, a aplicación dos criterios de valoración sinalados no artigo 9º da orde de convocatoria estará suxeita, ademais, ás seguintes especificacións:

No punto 9º.2.a), se a implicación do concello non é a mesma para a totalidade dos centros, a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

Aplicarase o mesmo criterio cando existan centros correspondentes a distintos concellos e a implicación destes sexa diferente.

Nos puntos 9º.2.b) e 9º.2.c) a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

No punto 9º.2.d) cando existan diferentes programas nos centros correspondentes a unha mesma federación, a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

4. Unha vez determinada a puntuación obtida por cada solicitante, en aplicación dos criterios anteriores, o importe das axudas atribuirase mediante a súa asignación proporcional, sen que en ningún caso, o importe total destas poida superar o límite sinalado no artigo 2º desta orde.

5. Para a determinación dos importes das subvencións que se outorgarán a cada solicitante, o importe máximo da axuda fixado no artigo 2º desta orde, ponderarase polo coeficiente resultante da relación entre o número de puntos obtidos na valoración con respecto ao total de puntos posibles. O exceso/defecto, sobre o total do orzamento dispoñible, redistribuirase proporcionalmente, minorando/incrementando o importe da subvención. O resultado determina as contías definitivas que percibirán os beneficiarios.

6. No caso de que se produzan renuncias de axudas concedidas ou anulación destas, os créditos liberados poderán ser atribuídos, de novo, a todos os solicitantes, sen necesidade de nova convocatoria pública, téndose en conta as valoracións xa efectuadas pola comisión e dará lugar a un novo outorgamento de axudas complementarias que serán proporcionais ás puntuación obtidas consonte os criterios sinalados neste artigo.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Completado o expediente, o instrutor elevará ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta da comisión de valoración para a resolución do procedemento e notificación das resolucións no prazo máximo de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria.

2. Transcorrido o prazo de seis meses sen que fose notificada resolución expresa, entenderase desestimada a concesión da subvención, podendo presentar os interesados recurso de reposición no prazo de tres meses ou acudir directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

3. As resolucións recaídas serán notificadas aos interesados de acordo co disposto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. As resolucións recaídas porán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Publicidade das subvencións concedidas.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Así mesmo, dará publicidade da concesión das subvencións na súa páxina web oficial (http://www.edu.xunta.es/portal/) nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Pola súa banda, os beneficiarios das subvencións darán adecuada publicación e difusión do carácter público do financiamento da xestión do servizo de comedor escolar obxecto desta orde.

Artigo 12º.-Pagamento e xustificación das axudas.

1. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación polo beneficiario da realización da actividade subvencionada. Atendendo á natureza da subvención poderán realizarse pagamentos á conta, logo da xustificación dos gastos realizados en atención ao calendario de prestación do servizo de comedor escolar e consonte o disposto nos parágrafos segundo e terceiro deste artigo.

Estes pagamentos á conta respectarán en todo caso os límites establecidos no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A parte da subvención correspondente á anualidade 2009 exixirá por parte do beneficiario a presentación antes do día 20 de decembro de 2009 da xustificación da xestión do servizo de comedor ante a Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Esta xustificación farase efectiva a través dun certificado do secretario da asociación, federación ou confederación correspondente, co visto e prace do seu presidente, xunto coa conta xustificativa parcial, axustada ás previsións do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, na cal se deberán incluír, baixo a responsabilidade do declarante, os xustificantes de gasto que permitan acreditar a xestión do servizo obxecto da subvención. Estes xustificantes de gasto referiranse aos incorridos no período comprendido entre os meses de setembro e decembro de 2009.

3. A xustificación do resto da subvención, correspondente á anualidade 2010 exixirá o envío antes do 30 de setembro de 2010 á subdirección xeral arriba citada da rendición da conta xustificativa total, axustada ás previsións normativas xa referidas. No sentido exposto, os beneficiarios deberán xustificar a xestión do servizo de comedor a través dun certificado do secretario da asociación, federación ou confederación correspondente, co visto e prace do seu presidente, xunto coa conta xustificativa en que se deberán incluír, baixo a responsabilidade do declarante, os xustificantes de gasto que permitan acreditar a xestión do servizo obxecto da subvención.

4. A conta xustificativa incluirá a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos ocasionados. Os gastos acreditaranse mediante copias compulsadas das facturas e xustificantes dos seus efectivos pagamentos, que aseguren en todo caso a realización das actividades subvencionadas.

Esta conta xustificativa deberá incluír o importe, a procedencia e a aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou axudas destinadas ás accións subvencionadas, todo iso de conformidade co modelo que figura como anexo IV desta orde incluíndo, se é o caso, información sobre as axudas solicitadas e pendentes de resolución ou de ingreso.

5. Cando o importe do gasto subvencionado supere os 12.000 €, no suposto de prestación de servizos por empresas, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores nos termos establecidos no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, salvo que o contrato se realizase con anterioridade á concesión da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente na memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. Se os beneficiarios non xustificasen a totalidade da axuda concedida en relación ao orzamento presentado na solicitude de axudas, esta minorarase proporcionalmente á xustificación presentada por eles.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, ademais das que quedan sinaladas nas bases anteriores, as seguintes:

-Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

-Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

-Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

-Os beneficiarios das subvencións darán a coñecer entre os integrantes da respectiva comunidade escolar as axudas outorgadas para colaborar na xestión do comedor escolar.

2. Ademais e para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e a disposición adicional sexta da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os solicitantes deberán autorizar expresamente a Administración concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no citado decreto, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33.1º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no suposto sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 13º desta orde.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Normas de aplicación supletoria.

No non previsto nas bases anteriores serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "19100D002P008.PDF"