DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 29 de setembro de 2009 Páx. 15.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 16 de setembro de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación para el Deporte, la Cultura y la Innovación en Galicia, Gadesport e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Con data do 6 de agosto de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de xullo de 2009, pola que se clasifica como mixta a Fundación para el Deporte, la Cultura y la Innovación en Galicia, Gadesport, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, departamento ao cal corresponde o exercicio das funcións de protectorado.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol, o vinte e sete de abril de dous mil nove, ante o notario Manuel Aceituno Pérez, co número de protocolo setecentos cincuenta e nove, por Ricardo Miguel Pérez Lama, Federico José Pérez-Lago Gómez e Ana María Pérez Gómez que actúan no seu propio nome e dereito.

Na escritura pública consta, así mesmo, a dotación fundacional, a identificación das persoas que compoñen o padroado e os estatutos da fundación.

Segundo se establece no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

A organización de eventos deportivos, de promoción turística, culturais e de lecer.

Desenvolvemento de proxectos deportivos, turísticos e de I+D+i.

Organización e participación en feiras, exposicións, certames, salóns e demais actos de natureza análoga ás actividades obxecto da fundación.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, considerándose cumpridos os requisitos establecidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, logo de informe favorable emitido pola Asesoría Xurídica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación para el Deporte, la Cultura y la Innovación en Galicia, Gadesport, ao cumpriren os seus estatutos e escritura de constitución as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación para el Deporte, la Cultura y la Innovación en Galicia, Gadesport, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza