DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2009, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (código convenio 8200012), que se subscribiu o 4 de marzo de 2009 entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2009.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo do Colexio Oficial de Arquitectos

de Galicia

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en adiante COAG.

Así e todo, exclúense do ámbito de aplicación deste convenio colectivo:

a) O persoal de alta dirección e, particularmente, o que ocupe a xerencia ou posto asimilable, cuxa relación de traballo se regulará en función do pactado co COAG.

b) Os membros da Xunta de Goberno mentres presten servizos con motivo do seu cargo, asesores e calquera cargo directivo alleo a unha contratación laboral, que se rexerán en cada caso polo pactado con elas/es e recollido nos seus nomeamentos ou contratos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O seu ámbito de aplicación territorial concrétase nos centros de traballo que existen actualmente en Galicia e os que se puidesen crear no futuro.

Artigo 3º.-Ámbito temporal: vixencia e denuncia.

A vixencia do convenio será desde o dous de xaneiro de 2009 ata o dous de xaneiro de 2012, a súa duración será de tres anos e prorrogarase tacitamente, a partir dese prazo, por períodos anuais, a menos que o denunciase por escrito unha das partes.

O convenio deberá ser denunciado por escrito dirixido á outra parte e á autoridade competente coa antelación dun mes á data de terminación da súa vixencia.

Artigo 4º.-Respecto de dereitos: compensación e absorción.

Respectaranse as condicións salariais pactadas a título persoal ou derivadas dunha decisión da Xunta de Goberno que estean vixentes ao entrar en vigor este convenio e que, con carácter global, excedan este en cómputo anual.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza ou orixe, na forma en que o propio convenio establece e, en todo caso, segundo o establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores.

As diferenzas retributivas que resultaren, logo de aplicar a compensación e absorción, terán o carácter de complemento persoal nin absorbible nin compensable.

Artigo 5º.-Salarios.

Os salarios de partida do persoal en activo na data de inicio da vixencia do convenio son os que figuran nas táboas que se xuntan como anexo.

Estes salarios corresponden á xornada máxima legal establecida no artigo 10.

Pagas extraordinarias. O persoal do COAG percibirá tres gratificacións extraordinarias que reflicten todos os conceptos que se percibirán o 15 de marzo, o 15 de xullo e o 15 de decembro de cada ano.

Artigo 6º.-Axudas de custo.

Cando por necesidades de servizo un/unha traballador/a tivese que desprazarse do seu centro de traballo o importe das axudas de custo será:

-A axuda de custo de cada día completo: 52,29 euros.

-A axuda de custo de medio día: 26,14 euros.

Así mesmo, e logo de acordo co COAG, os gastos de aloxamento, xantar e os ocasionados polo desprazamento en medios de trasporte ordinarios, aboaraos aquel coa súa debida xustificación. Se o/a traballador/a utilizase o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 19 céntimos de euro por quilómetro, máis o importe da peaxe da autopista e o aparcadoiro.

As cantidades que superen os topes fiscalmente establecidos tributarán e xerarán as oportunas retencións e cotizacións.

O COAG poderá optar por efectuar o transporte por medios propios e facerse cargo dos gastos de aloxamento e manutención; neste suposto non se percibirán axudas de custo nin quilometraxe. Estas axudas revisaranse anualmente.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

A partir do primeiro de xaneiro de 2010, efectuarase cada ano unha revisión salarial que se aplicará ás táboas que figuran no anexo, na mesma porcentaxe que se incremente o índice de prezos de consumo (IPC) nos doce meses inmediatamente anteriores.

Artigo 8º.-Estrutura salarial.

A estrutura salarial do persoal afectado polo convenio é a que se recolle nas táboas que se xuntan no anexo.

Os conceptos que constitúen a estrutura salarial son os seguintes:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Complemento de coordinación. Cobrarao a persoa a quen a Xunta de Goberno encargue a realización das seguintes actividades: labor de coordinación e transmisión das directrices do COAG aos traballadores, sendo responsable do funcionamento do equipo ao seu cargo, desempeñando as tarefas propias da súa categoría profesional.

Durante o tempo que permaneza nese posto de traballo percibirá o complemento de posto de traballo nunha contía anual de:

Grupo I: 4.000 euros.

Grupo II: 3.000 euros.

Grupo III: 2.500 euros.

A dita retribución, que non é consolidable, percibirase mentres a Xunta de Goberno decida que o traballador desempeñe as ditas funcións, e é a Xunta de Goberno quen decidirá sobre a necesidade do seu exercicio e, en todo caso, ata o cesamento da Xunta de Goberno que o designou responsable.

Artigo 9º.-Promoción interna.

Será de libre decisión da Xunta de Goberno:

-O persoal de alta dirección e, particularmente, o que ocupe a xerencia ou posto asimilable, cuxa relación de traballo se regulará en función do pactado co COAG.

-As directoras ou os directores de áreas.

O sistema de promoción interna para o resto dos postos de traballo efectuarase mediante concurso interno, a través de criterios obxectivos de adecuación ao posto de traballo.

A promoción, dentro dun grupo profesional, dun nivel ao superior, realizarase igualmente atendendo a criterios obxectivos.

Crearase unha comisión técnica de carácter paritario, formada por catro persoas designadas a partes iguais polo COAG e pola representación dos traballadores co obxectivo de establecer os parámetros obxectivos que se aplicarán nos supostos de promoción interna a postos de traballo que non impliquen mando.

Procederase á provisión de vacantes nos seguintes supostos:

a) Cando cree novas prazas a empresa.

b) Cando se trate de substituír empregadas/os que extinguisen o seu contrato de traballo.

1. Producida unha vacante por extinción de contrato (s), a Xunta de Goberno procederá no prazo máximo de 60 días naturais a declaralo así, ou en caso contrario, considerarase amortizada.

2. A súa provisión, coa excepción da provisión de prazas de direccións de áreas, efectuarase pola seguinte orde:

a) Concurso de traslados, entre o persoal fixo do COAG de igual categoría á praza que se debe ocupar.

b) Concurso restrinxido, entre o persoal fixo do COAG.

c) Contratación laboral libre por medio de convocatoria pública.

3. Estableceranse as seguintes prioridades no concurso de traslados:

a) Adecuación ás necesidades da vacante.

b) Antigüidade na categoría profesional.

c) Antigüidade na empresa.

4. Nos concursos restrinxidos, así como para a contratación laboral libre, en igualdade de condicións ou puntuación, terán preferencia para ocupar a praza ofertada, os arquitectos sobre calquera outro aspirante, sempre que se trate de prazas adscritas aos grupos I e II.

Entre os traballadores do COAG en igualdade de condicións ou puntuación, será preferente un do mesmo centro onde exista a vacante, e entre estes, terá preferencia quen teña máis antigüidade na empresa.

Cando por concurso restrinxido un traballador acceda a un posto de superior categoría, estará sometido ao período de proba que corresponda, reservándose mentres tanto a praza que deixe vacante, á cal se reincorporará de non superalo.

5. No tribunal que deba cualificar tanto os concursos como as probas da convocatoria pública libre haberá un delegado de persoal ou traballador designado pola representación legal dos traballadores, de igual ou superior categoría laboral que a praza convocada.

6. Os anuncios da convocatoria para a contratación libre por medio da convocatoria pública especificarán:

-A titulación académica exixida.

-A categoría da praza que se pretende ocupar.

-As funcións que se van desempeñar.

-A retribución anual.

-O contido das probas que se van realizar de acordo coa praza convocada.

-O período de proba.

7. Valorarase a experiencia e coñecementos demostrados de acordo coa praza que se vai ocupar nos supostos previstos.

8. Os períodos de proba serán:

-Seis (6) meses para directoras/es de área, dous (2) meses para administrativas/os e técnicas/os, e un (1) mes para auxiliares.

Artigo 10º.-Xornada e horario de traballo.

A xornada de traballo articúlase de acordo cos seguintes conceptos:

As traballadoras e traballadores afectadas/os por este convenio terán unha xornada máxima anual de 1568 horas de traballo efectivo. Ao mesmo tempo que se asina este convenio, asinaranse co Comité Intercentros os horarios de traballo de cada centro. Así mesmo, según o establecido no artigo 41 Estatuto dos traballadores, calquera modificación de horario de carácter colectivo require que se tramite de conformidade coa lei, é dicir, coa negociación previa coa representación legal do persoal.

Respecto ao número de horas anual de traballo convidas, así como os períodos mínimos de descanso diario ou semanal, a dirección da empresa poderá realizar unha distribución irregular da xornada en períodos de tres meses, co acordo previo coa representación legal das/os traballadoras/es, adecuando o horario do persoal ás necesidade do servizo, tendo como xornada ordinaria media a de 35 horas semanais.

O número de horas anuais que se poderán aplicar á distribución heteroxénea non poderá superar as 70 horas en cada período trimestral.

En cada período trimestral, a distribución semanal non poderá superar as corenta horas de traballo co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase no mesmo trimestre de acordo co traballador:

Xornada extraordinaria: é aquela que excede a xornada máxima legal.

As horas extraordinarias poderán ser compensadas ben en tempo de descanso, ben aboadas na contía económica correspondente, que será de 1,25 horas de descanso ou retribución respecto do prezo da hora ordinaria.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio, sexa cal for a súa modalidade de contratación, terán dereito a unhas vacacións anuais de 22 días laborables, considerándose como non laborables os sábados, domingos e festivos.

Non se poderán fraccionar en máis de dous períodos de desfrute das ditas vacacións.

Artigo 12º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria aos 65 anos, sempre que a persoa traballadora reúna os requisitos do 100%. O COAG comprométese a manter unha taxa de estabilidade do 65%.

Artigo 13º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria como órgano de interpretación, conciliación e interpretación do pactado no convenio. Esta, que estará formada orixinariamente polos dous representantes do persoal, preferentemente que interviñesen por parte dos traballadores na negociación do convenio, e por dous representantes do COAG intervenientes na negociación.

A dita comisión dotarase dun regulamento de funcionamento.

O domicilio da comisión paritaria será o do COAG.

Os acordos da comisión requirirán para a súa validez a conformidade da maioría simple de cada unha das representacións.

As funcións da comisión Paritaria serán as seguintes:

a) A interpretación da aplicación de todas as cláusulas do convenio.

b) A mediación e a conciliación en todas as cuestións que as partes sometan á súa consideración e que deriven da aplicación do convenio.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado no convenio.

No caso de que a comisión paritaria ou as comisións técnicas a que se alude no convenio non poidan chegar a acordos nos asuntos que lles sexan sometidos, calquera das partes, con carácter previo á vía xudicial, pode acudir aos mecanismos de composición establecidos no Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos (AGA).

Artigo 14º.-Eficacia xurídica do convenio.

Este convenio colectivo ten forza de obrigar, en calidade de convenio colectivo estatutario, ao abeiro do establecido no artigo 82 e seguintes do Estatuto dos traballadores.

Os seus efectos estenderanse por toda a duración ou ámbito temporal fixados no artigo 3, salvo que se decida a súa derrogación anticipada por acordo entre as partes, caso en que se negociará un novo acordo coa natureza xurídica e a duración que eventualmente se pacte.

Artigo 15º.-Dereito complementario e supletorio.

No non previsto expresamente neste convenio colectivo e os seus anexos, será de aplicación en calidade de dereito complementario e supletorio o Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral aplicable.

Artigo 16º.-Réxime disciplinario.

Faltas e sancións.

As faltas clasificaranse atendendo á súa importancia, reincidencia e intención, en leves, graves e moi graves, de conformidade con se que dispón neste artigo e nas normas vixentes do ordenamento xurídico laboral no que resulten de aplicación pertinente.

a) Consideraranse faltas leves:

Tres faltas de puntualidade durante un mes sen que exista causa xustificada.

A non comunicación coa antelación debida da súa falta ao traballo por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

Falta de aseo e limpeza persoal.

Falta de atención e dilixencia cos clientes.

Discusións que repercutan na boa marcha dos servizos.

Faltar ao traballo un día ao mes sen causa xustificada.

A embriaguez ocasional.

b) Son faltas graves:

Faltar dous días ao traballo sen xustificación nun mes.

A simulación de enfermidade ou accidente.

Simular a presenza doutro traballador, valéndose da súa ficha, sinatura, tarxeta ou medio de control.

As cometidas contra a disciplina no traballo ou contra o respecto debido aos seus superiores, compañeiros ou clientes.

A reincidencia nas faltas leves, salvo as de puntualidade, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, cando medien sancións.

O abandono do traballo sen causa xustificada.

A neglixencia no traballo cando cause prexuízo grave.

c) Son faltas moi graves:

Faltar ao traballo máis de dous días ao mes sen causa xustificada.

A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

O furto e o roubo tanto aos demais traballadores como á empresa ou a calquera persoa dentro dos locais da empresa ou fóra dela, durante acto de servizo.

A simulación comprobada de enfermidade.

Inutilizar, estragar ou causar estragos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios, efectos e departamentos da empresa.

Recaer sobre o traballador sentenza dos tribunais de xustiza competentes por delitos de roubo, furto, estafa, malversación, cometidos fóra da empresa, que puideren motivar desconfianza cara ao seu autor.

A continua e habitual falta de aseo e limpeza persoal, que produza queixas xustificadas dos compañeiros.

A embriaguez durante o traballo.

Os malos tratos de palabra ou obra ou falta de respecto e consideración aos xefes, compañeiros, subordinados ou clientes.

Abandonar o traballo en postos de responsabilidade e a reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro do mesmo trimestre, sempre que fose obxecto de sanción.

Sancións aplicables.

Segundo a clase de falta aplicaranse as sancións xenéricas que se detallan a continuación:

a) Sanción a faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación escrita.

b) Sancións a faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 1 a 10 días.

-Inhabilitación temporal, por un período non superior a 1 ano, para ascender de categoría.

-Perda ou cancelación da bolsa concedida.

c) Sancións a faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 11 días a 2 meses.

-Inhabilitación, durante 2 anos ou definitivamente, para pasar a outra categoría.

-Despedimento.

Aplicacións das sancións.

As sancións aplicaranse tendo en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade, a categoría profesional e a conduta anterior de quen cometa a falta.

b) A repercusión do feito nos demais empregados, nos colexiados e na propia corporación.

Procedemento.

A imposición de sancións polas faltas graves e moi graves requirirá a tramitación previa dun expediente contraditorio. A iniciación deste e o prego de cargos deberán ser formulados no prazo de sete días naturais. Ao Comité Intercentros comunicaráselle tamén o prego de cargos, que deberá ser contestado no mesmo prazo antes indicado. En todo caso, daráselle audiencia ao Comité Intercentros e será escoitado con carácter previo ao acordo definitivo. A resolución definitiva, que será comunicada á/ao interesada/o, farase por escrito, facendo constar o feito ou feitos que motivaron a sanción que se impoña e a súa cualificación.

O prazo de que disporá a empresa para a tramitación do expediente será, como máximo de 21 días.

Prescrición.

As faltas leves prescribirán aos 10 días, as graves aos 20 días e as moi graves aos 60 días, a partir da data en que a empresa tivese coñecemento de seren cometidos e, en todo caso, aos 6 meses de se cometeren.

Artigo 17º.-Clasificación profesional e asignación de persoal.

Todo o persoal en activo na data de entrada en vigor do convenio clasifícase nos grupos profesionais, asignacións funcionais e niveis retributivos que figuran no cadro que se xunta como anexo.

Grupo I. Titulados superiores e arquitectos.

Grupo II. Técnicos.

Grupo III. Administrativos.

Clasificación profesional.

As traballadoras e os traballadores serán clasificados tendo en conta os seus coñecementos, experiencia, grao de autonomía, responsabilidade e iniciativa, de acordo coas actividades profesionais que desenvolvan e coas definicións que se especifican neste sistema da clasificación profesional.

A clasificación realizarase en divisións funcionais e grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos criterios xerais obxectivos e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan os traballadores.

No caso de concorrencia nun posto de traballo de tarefas básicas correspondentes a diferentes niveis profesionais, a clasificación realizarase en función das actividades propias do nivel profesional superior. Este criterio de clasificación non suporá que se exclúa, nos postos de traballo de cada nivel profesional, a realización de tarefas complementarias que sexan básicas para postos de traballo cualificados en niveis inferiores.

Esta nova clasificación profesional pretende conseguir unha estrutura profesional directamente correspondida coas necesidades dos colexios de arquitectos, facilitando unha mellor interpretación de todo o colectivo no desenvolvemento das súas actividades, sen mingua da dignidade, oportunidade de promoción e xusta retribución, sen que colla discriminación ningunha por razóns de idade, sexo ou calquera doutra índole.

Sistema de clasificación.

Todos os traballadores afectados por este convenio serán adscritos a un determinado grupo profesional e a unha división funcional; a conxunción de ambos establecerá a clasificación organizativa de cada traballador. O desempeño das funcións que soporta a súa clasificación organizativa constitúe o contido primario da relación contractual laboral, debendo ocupar calquera nivel desta; recibirá previamente por parte do COAG a formación adecuada ao novo posto e respectaranse os procedementos de información e adaptación que se especifican neste convenio.

Os grupos profesionais serán os indicados no anexo que inclúe o encadramento e a descrición de funcións.

Artigo 18º.-Comisión paritaria de clasificación profesional.

Debido a que a implantación deste sistema de clasificación profesional supón unha alteración substancial dos anteriores métodos baseados en categorías profesionais, acórdase constituír unha comisión técnica paritaria integrada por dous representantes dos COAG e dous dos traballadores, co cometido, durante a vixencia deste convenio, de profundar e aclarar cuestión que xurdan na implantación do mencionado acordo.

Artigo 19º.-Mobilidade funcional, concepto e principios xerais.

Considérase mobilidade funcional calquera cambio de funcións e tarefas previamente encomendadas e realizadas polo traballador dentro do centro de traballo a que está adscrito.

Un límite específico á aplicación da mobilidade funcional constitúeo a necesidade de titulación académica ou profesional, así como calquera outro permiso, licenza ou habilitación exixido pola lexislación para o exercicio dunha determinada profesión ou función.

En calquera dos supostos de mobilidade funcional, a dirección do COAG deberá garantir, con carácter previo ao cambio, os coñecementos, habilidades ou reciclaxes necesarios que faciliten ou habiliten aos traballadores afectados a suficiente adecuación e aptitude para o desempeño das novas tarefas e funcións asignadas.

A aplicación da mobilidade funcional farase salvagardando o principio xeral da boa fe contractual, así como o principio específico de igualdade e non-discriminación nas relacións laborais.

Así mesmo, a dita mobilidade producirase sen menoscabo da dignidade dos traballadores e sen prexuízo dos seus dereitos profesionais e económicos.

Non caberá invocar causa de despedimento obxectivo sobrevida ou de falta de adaptación nos supostos de realización de función distintas das habituais como consecuencia da mobilidade funcional.

Descrición das funcións nos grupos profesionais.

As categorías vixentes no momento da sinatura deste convenio, que se mencionan en cada un dos grupos profesionais, clasifícanse en tres divisións:

Titulados superiores e arquitectos.

Técnicos.

Administrativos.

a) Coñecemento.

Para valorar este factor deberá terse en conta, ademais da formación básica necesaria para poder cumprir correctamente o cometido, o grao de coñecemento e a experiencia adquiridos, así como a dificultade na adquisición dos ditos coñecementos ou experiencias.

b) Iniciativa.

Factor que para valorarse debe ter en conta o maior ou menor grao de dependencia de directrices ou normas para a execución da función.

c) Autonomía.

Factor que para valorarse deberá ter en conta a maior ou menor dependencia xerárquica no desempeño da función que se desenvolva.

d) Responsabilidade.

Factor que para valorarse deberá ter en conta, tanto o grao de autonomía de acción do titular da función, como o grao de influencia sobre os resultados e importancia das consecuencias da xestión.

Clasificación profesional.

Grupo I. Titulados superiores-arquitectos.

Criterios xerais. Os traballadores pertencentes a este grupo teñen responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais do COAG ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións ou participan da súa elaboración así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan as súas funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Formación. Titulación universitaria de grao superior ou coñecementos equivalentes equiparados polo COAG e/ou experiencia consolidada no exercicio da súa actividade profesional no sector.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

Arquitectos superiores.

Enxeñeiros.

Licenciados.

Grupo profesional II. Técnicos.

Criterios xerais. Son traballadores que, cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade realizan tarefas técnicas complexas, con obxectivos globais definidos ou que teñan un alto contido intelectual ou de interrelación humana.

Formación. Titulación universitaria de grao medio ou coñecementos equivalentes equiparados polo COAG, completados cunha experiencia dilatada no seu sector profesional.

Eventualmente poderán ter estudos universitarios de grao superior e asimilarse aos postos definidos neste grupo, titulados superiores de entrada, son aquelas persoas que carecen dunha experiencia de dous anos no COAG, carecendo por iso da formación e experiencia precisa.

Enxeñeiros técnicos.

Arquitectos superiores de entrada.

Técnicos.

Titulados superiores de entrada.

Titulados de grao medio.

Grupo profesional III. Administrativos.

Criterios xerais. Son traballadores cuxas tarefas se executan baixo a dependencia de mandos ou de profesionais de máis alta cualificación dentro do COAG: tarefas de tramitación, secretaría ou de xestión económica.

Formación. Coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, graduado escolar, bacharel ou equivalente ou sen titulación e con formación específica no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Artigo 20º.-Anticipos.

O persoal con máis de dous anos de antigüidade na empresa terá dereito a solicitar, para casos de necesidade xustificada, un anticipo libre de xuro ata o importe de tres mensualidades do seu salario bruto. O prazo de amortización será como máximo un ano desde a data da concesión. Só se poderá pedir un anticipo anual e o COAG reserva para si o dereito de concedelo ou non en función do que se decida na Xunta de Goberno, logo de consulta aos representantes dos traballadores.

Artigo 21º.-Permisos retribuídos.

a) Quince días naturais por matrimonio.

b) Cinco días naturais por nacemento de fillo ou adopción.

c) Cinco días por falecemento, enfermidade grave ou hospitalización de familiares ata segundo grao, tanto de consanguinidade ou afinidade, que se collerán nos 30 días seguintes ao feito causante.

d) Tres días de libre disposición ao ano que se elixirán polo sistema de quendas, en Semana Santa ou Nadal.

e) Unha ponte ao ano, de non fixarse no calendario laboral farao cada traballador de mutuo acordo no seu centro de traballo.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

g) Por matrimonio de fillos, netos ou irmáns: un día natural coincidindo co da voda e dous días se o lugar onde se celebra a voda implica un desprazamento (máis de 200 km).

h) Por traslado de domicilio habitual: un día natural.

i) Polo tempo indispensable de exames para a obtención dun título oficial.

j) Exames prenatais e técnicas de preparación ao parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo: concédese á/ao traballador/a o tempo indispensable.

Cando sexa preciso axustar a xornada anual por exceso de xornada, compensarase preferentemente cos días 24 e 31 de decembro.

k) Na semana grande establécese o horario das 9.00 ás 13.00 h.

Permisos sen retribuír. Sesenta días como máximo ao ano. Poderán fraccionarse en dous períodos.

Os requisitos para a súa concesión son os seguintes:

a) A/o traballador/a deberá ter unha antigüidade mínima dun ano na empresa.

b) Deberá presentar a súa solicitude por escrito, cunha antelación dun mes respecto á data en que o pretenda desfrutar.

c) Este permiso poderá solicitarse unha vez ao ano.

O permiso poderá ser denegado polas seguintes causas:

a) Por estar outra/o empregada/o do centro de traballo desfrutando del.

b) Por necesidades da empresa.

Artigo 22º.-Antigüidade.

1. As bonificacións por anos de servizo consistirán en trienios do 5% sobre o salario base que se perciba e aboaranse a partir do 1 de xaneiro do ano que se cumpran . As bonificacións por anos de servizo non poderán exceder o 50%.

2. A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supoñer máis do 10% aos cinco anos, do 25% aos quince anos, do 40% aos vinte anos e do 50%, como máximo, aos vinte e cinco ou máis anos.

3. Non obstante, os traballadores que viñesen percibindo, ou tivesen dereito a percibir bonificacións por antigüidade superiores ás aquí establecidas, conservarán os seus dereitos adquiridos.

4. Se chegado o 1º de xaneiro de 2012 este convenio colectivo non for denunciado, o tope de antigüidade sinalado no número 2, pasará a ser do 35%.

Artigo 23º.-Seguro accidente.

1. Póliza de seguro colectiva por accidente de traballo ou enfermidade a favor das/os traballadoras/es ou das/os súas/seus lexítimas/os herdeiras/os, coas conseguintes coberturas:

a) Por morte, por calquera causa, incluído accidente, enfermidade ou infarto: 45.040,48 euros.

b) Por unha declaración de invalidez en calquera dos seus graos por accidente de traballo, infarto ou enfermidade: 48.081 euros.

Artigo 24º.-Igualdade de oportunidades.

As relacións laborais no COAG deberán estar presididas polos principios de igualdade e non discriminación, entre outras causas, por razón de xénero.

O COAG realizará e levará a cabo os seus mellores esforzos para lograr a igualdade de oportunidade en todas as súas políticas, en particular a igualdade de xénero adoptando medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre homes e mulleres.

As medidas de igualdade que se adopten axustaranse en todo caso ás seguintes previsións:

O COAG elaborará e aplicará un plan de igualdade, coa negociación previa ou consulta, se é o caso, coa representación legal dos traballadores e traballadoras, cando a autoridade laboral acordase nun procedemento sancionador a substitución das sancións accesorias pola elaboración e aplicación do dito plan, nos termos que se fixen no indicado acordo.

Enténdese por un plan de igualade un conxunto ordenado de medidas, adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar na empresa a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres e a eliminar a discriminación por razón de sexo.

O plan de igualdade, no caso de que se alcance o acordo referido ao parágrafo segundo deste artigo, fixará os obxectivos concretos de igualdade que se deben alcanzar, as estratexias e prácticas que se deben adoptar para a súa consecución, así como o establecemento de sistemas eficaces de seguimento e avaliación dos obxectivos fixados.

Para a consecución dos obxectivos fixados, os plans de igualdade poderán prever, entre outras, as materias de acceso ao emprego, clasificación profesional, promoción e formación, retribucións, ordenamento do tempo de traballo para favorecer, en termos de igualdade entre homes e mulleres, a conciliación laboral, persoal e familiar, e prevención do acoso laboral e do acoso por razón de sexo.

Os plans de igualdade que, de conformidade coas previsións deste precepto se cheguen a establecer, incluirán a totalidade dunha empresa, ser prexuízo do establecemento de accións especiais adecuadas respecto a determinados centros de traballo.

Garántese o acceso da representación legal das traballadoras e traballadores ou, no seu defecto, dos propios traballadores e traballadoras, á información sobre o contido dos plans de igualdade e a consecución dos seus obxectivos.

O previsto no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo do seguimento da evolución dos acordos sobre plans de igualdade por parte da comisión paritaria dos convenios colectivos ás que estes atribúan estas competencias.

Artigo 25º.-Prevención do acoso moral e sexual.

As partes que asinan este convenio comprométense a articular un protocolo de prevención de acoso moral e sexual nos centros de traballo do COAG, nun prazo non superior a cinco meses contados desde a entrada en vigor deste convenio.

Artigo 26º.-Garantías sindicais.

O exercicio dos dereitos sindicais por parte dos representantes legais do persoal axustarase ao establecido no Estatuto dos traballadores e na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 27º.-Comité Intercentros.

1. Composición:

O Comité Intercentros estará integrado polos representantes do persoal.

2. Actividades:

a) Coordinar os diferentes delegados de persoal da empresa.

b) Analizar e intercambiar opinións sobre a problemática xeral dos empregados nos diferentes centros de traballo.

c) Cantas outras competencias específicas que, afectando os empregados da empresa, sexan definidas polo conxunto dos seus representantes e estean comprendidas entre os que como tales lles corresponde, segundo a normativa en vigor ou por este convenio.

O Comité Intercentros, no exercicio das súas actividades, respectará en todo caso a autonomía funcional e competencias de cada delegado de persoal no seu respectivo ámbito de actuación, así como as atribucións da comisión paritaria, que se mencionan neste convenio.

3. Constitución:

No prazo dun mes, desde a data das eleccións sindicais dos diferentes delegados de persoal, procederase á constitución do Comité Intercentros, de acordo coas funcións e composición antes sinaladas, e ao nomeamento do seu voceiro. A este a empresa facilitaralle o necesario para desempeñar o seu labor.

No momento en que un membro do Comité Intercentros deixase de ser delegado de persoal, automaticamente deixaría a vacante correspondente no Comité Intercentros.

A dirección da empresa será informada dos membros que compoñen o dito comité.

Artigo 28º.-Representantes do persoal.

Poderá haber un delegado de persoal naqueles centros que conten con tres traballadores fixos, se así o decidisen estes por maioría, cos dereitos recoñecidos aos delegados de persoal (artigo 62 do ET). Formarán tamén parte do Comité Intercentros, con iguais dereitos e obrigas que os delegados de persoal.

Artigo 29º.-Dereito de reunión.

Os traballadores poderán reunirse libremente nos locais do COAG sempre que non interfiran nas actividades colexiais co acordo previo coa dirección da empresa.

Artigo 30º.-Formación.

1. A/o traballador/a terá dereito:

a) Á formación e á reciclaxe por conta do colexio, sempre que a realidade da práctica profesional impoña a instauración de novos sistemas de xestión, administración e desenvolvemento dos labores internos do colexio.

b) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo sempre que a dita formación veña imposta pola necesidade de solucionar as necesidades reais sobrevidas pola implantación de novas tarefas no desenvolvemento das súas tarefas laborais. En calquera caso, a dita formación deberá pactarse previamente coa Xunta de Goberno.

c) En todos os casos previstos neste punto, a dirección da empresa poderá exixir a presentación de certificados do centro de ensino que acrediten a asistencia do interesado. A falta desta asistencia con carácter reiterado suporá a supresión dos beneficios que neste artigo se establecen.

Artigo 31º.-Seguridade e hixiene.

1. A/o traballador/a ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo, así como o deber colectivo de observar e pór en práctica as medidas de prevención de riscos que se adopten legal e regulamentariamente. Así mesmo, ten dereito a participar na formulación da política de prevención do seu centro de traballo e o control das medidas adoptadas no seu desenvolvemento, a través dos seus representantes legais.

2. A empresa está obrigada a promover, formular e aplicar unha adecuada política de seguridade e hixiene nos seus centros de traballo, así como a facilitar a participación dos traballadores nesta política e garantir unha formación práctica e adecuada dos traballadores que contrate ou cando cambien de posto de traballo ou cando haxa que aplicar novas técnicas, equipos e materiais que ocasionen ou poidan ocasionar risco para o propio traballador, aos seus compañeiros ou a terceiros.

3. Co acordo previo cos representantes legais dos traballadores, o empregado estará obrigado a seguir os cursos e a realizar as prácticas que se levan a cabo dentro da xornada de traballo, ou noutras horas, con desconto neste último caso do tempo investido da xornada laboral.

Artigo 32º.-Complementos de Seguridade Social.

Cando un traballador se encontre en situación de baixa por enfermidade ou accidente, a empresa aboará o complemento á prestación da Seguridade Social ata cubrir a totalidade da retribución que percibiría en situación de alta.

Artigo 33º.-Bolsa de traballo.

En caso de producirse unha regulación de emprego ou despedimento por causas obxectivas, constituirase no COAG unha bolsa de traballo integrada polos empregados cuxos contratos de traballo resulten extinguidos.

Os integrantes da dita bolsa de traballo terán preferencia absoluta para seren contratados polo propio COAG ou por calquera outra entidade que se constitúa ou se constituíse anteriormente por iniciativa ou con participación maioritaria do colexio ou situadas en dependencias colexiais.

Artigo 34º.-Premios.

A empresa concederá ás/aos súas/seus traballadoras/es as seguintes axudas e prestacións:

a) Por matrimonio: o 50% do salario base mensual.

b) Por nacemento de fillo/a ou adopción: 1.500 euros.

Asinan este convenio:

Polo COAG:

-José Antonio González González, tesoureiro.

DNI 36039068-T.

-Alfredo González Cascallana, secretario.

DNI 09783949-W.

-Manuel J. Garrido Haz, xerente.

DNI 327977166-S.

Polos traballadores do COAG:

-María Victoria Fernández Flórez.

DNI 32394139-L, A Coruña, CC.OO.

-Pedro Díaz Sanjurjo.

DNI 33316260-R, Lugo, CIG.

-Mercedes Pliego Martínez.

DNI 34947031-A, Ourense, CIG.

-Eduardo Emilio Piñón García.

DNI 35252808-H, Pontevedra, CIG.

-Maximiliano Matas Rodríguez.

DNI 764128981-N, sede central, CIG.

-Lucía Calvo Martínez.

DNI 32614640-L, Vigo, CC.OO.

Ver referencia pdf "19000D008P029.PDF"