DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2009 pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 18 de xuño de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas galegas para a adquisición de equipamento industrial e se procede á súa convocatoria (IN530B).

O órgano instrutor do procedemento administrativo de subvencións establecido na citada orde reguladora revisou as solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde, identificando as solicitudes que non reúnen algún dos requisitos exixidos.

O artigo 4 da orde reguladora dispón: «poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia os requerimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes».

Adicionalmente o artigo 8º.2 das bases reguladoras que figuran no anexo I da citada orde dispón: «Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requerimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG».

En base ao anterior,

RESOLVO:

1. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non reúnen todos os requisitos para a súa valoración, por estar suxeita á emenda de documentación, segundo o establecido na orde reguladora citada. Esta relación achégase como «Anexo-Solicitudes suxeitas a emenda de documentación» desta resolución.

Os solicitantes que se recollen nese anexo poderán identificar a documentación específica que se lles require accedendo ao taboleiro electrónico dispoñible no enderezo da internet: https://axudasindustria.xunta.es/att.

O acceso tamén se poderá facer a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN530B) establecida na Oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet: http://economiaeindustria.xunta.es. Ou tamén se pode acceder desde o enderezo da internet: http://www.xunta.es/presentacion-electronica, da Xunta de Galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN530B.

Para o acceso ao contido do taboleiro electrónico, cada solicitante deberá introducir o NIF e o contrasinal, ou ben NIF e certificado dixital que foron utilizados no momento de cubrir a súa solicitude. O usuario poderá ler os documentos dos diferentes taboleiros (xeral da orde e persoal) facendo clic no enlace Taboleiro do menú.

Na secretaría xeral disporase tamén dun taboleiro físico convencional onde poderá accederse en formato papel á información requirida a cada un dos solicitantes recollidos no citado anexo.

2. Facer indicación expresa a todos os solicitantes recollidos no «Anexo-Solicitudes suxeitas a emenda de documentación» de que son requeridos para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou achegen os documentos preceptivos conforme o recollido no taboleiro electrónico ou no taboleiro físico citados. De non facerse, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, pola que se regula o réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de requirirse certificados acreditativos de estar ao día nas obrigas coas administracións públicas e certificado das epígrafes do IAE (artigo 5.2º.4 das bases reguladoras), que por razóns alleas ao solicitante non poidan obterse dentro do prazo de emenda concedido, os solicitantes deben achegar orixinal ou copia compulsada do xustificante da solicitude do devandito certificado, achegando o certificado orixinal en canto lles sexa entregado.

3. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderanse dirixir á secretaría xeral, a través dos teléfonos 881 99 93 85 e 881 99 93 80, do número de fax 881 99 93 84 ou do enderezo de correo electrónico cei.axudassecretaria@xunta.es.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2009.

P.D. (Orden 30-4-2009; DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "19000D007P024.PDF"