DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 18 de setembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o fomento do uso das deducións fiscais e das bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Constitución española, no seu artigo 44.2º, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación xeral da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica 2006-2010 (Incite), que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de setembro de 2006.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4, que a Consellería de Economía e Industria está estruturada, entre outros órganos superiores, pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias que en materia de investigación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do PGIDIT; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos e de infraestruturas tecnolóxicas.

O Incite ten como misión impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando, deste xeito, a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. Este plan estrutúrase en tres tipos de programas: horizontais, xerais e sectoriais.

Dentro dos programas sectoriais inclúese o Programa de innovación empresarial que comprende todas as accións e instrumentos destinados a incrementar a competitividade das empresas galegas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. Para o desenvolvemento deste programa sectorial o Incite prevé, entre outros, a prestación de apoio financeiro mediante a convocatoria anual de axudas.

A investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) son eixes básicos da competitividade empresarial. Co obxectivo de potenciar estas actividades, as administracións públicas destinan esforzos para incentivar que as empresas invistan recursos en actividades de I+D+i.

Precisamente para incentivar estas actividades, a lexislación española actual prevé no artigo 35 do Real decreto lexislativo 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto de sociedades (BOE nº 61, do 11 de marzo), a posibilidade de gozar das deducións fiscais para as actividades de I+D+i.

Así mesmo, a normativa estatal, a través do Real decreto 278/2007, do 23 de febreiro, sobre bonificacións na cotización á Seguridade Social respecto do persoal investigador (BOE nº 48, do 24 de febreiro), establece bonificacións nestas cotizacións correspondentes ao persoal investigador que, con carácter exclusivo, se dedique a actividades de I+D+i. Así mesmo, este real decreto, na súa disposición adicional única, modifica o R.D. 1432/2003, do 21 de novembro, polo que se regula a emisión de informes motivados relativos ao cumprimento de requisitos científicos e tecnolóxicos, para os efectos da aplicación e interpretación das deducións fiscais por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Co fin de ofrecer un contorno de seguridade xurídica que lles permita aos suxeitos pasivos coñecer se as actividades que proxectan levar a cabo merecerán ou non a cualificación requirida para aplicarlles os incentivos fiscais ás actividades de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, a normativa española prevé diversas opcións:

a) Solicitude de informes motivados de carácter vinculante relativos ao cumprimento dos requisitos científicos e tecnolóxicos, para os efectos de aplicar a dedución fiscal por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

b) Realización de accións destinadas a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais por actividades de I+D+I e a capacidade de autoliquidación destas actividades.

c) Solicitude de informes motivados de carácter vinculante relativos ao cumprimento dos requisitos científicos e tecnolóxicos do persoal investigador, para os efectos de aplicar as correspondentes bonificacións na cotización á Seguridade Social.

Esta orde de convocatoria responde aos obxectivos da Xunta de Galicia de promover a calidade da ocupación e a competitividade da economía galega de avanzar cara a unha economía baseada no coñecemento e na innovación, e enmárcase no Incite, que establece como unha das súas liñas de actuación o apoio aos proxectos empresariais de I+D+i, coa extensión do uso dos incentivos fiscais para a innovación e das ferramentas financeiras de estímulo á innovación.

A Comisión Europea, mediante Decisión C (2009) 4558 (Axuda de Estado nº N 307/2009-España), autorizou o réxime temporal de axuda para conceder cantidades limitadas de axuda compatible. De acordo con isto, nesta convocatoria está prevista a concesión de axudas ás empresas para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais, que se acollerán ao Marco Temporal Comunitario aplicable ás medidas de axuda estatal para facilitar o acceso ao financiamento no actual contexto de crise económica e financeira, publicado no DOUE C 16/1, do 22 de xaneiro de 2009 (en diante o Marco Temporal Comunitario).

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. O feito de non acudir ao procedemento de concorrencia competitiva motívase porque as axudas se outorgarán polo mero feito de cumprir uns requisitos regrados e fixados de forma clara nesta orde de subvencións, de tal maneira que non é axeitado, atendendo á finalidade e ao obxecto da axuda, establecer criterios de gradación entre os posibles beneficiarios, para os efectos de proceder á comparación das súas solicitudes.

Así mesmo, co fin de simplificar os trámites administrativos e, en consecuencia, facilitar o acceso ás axudas, optouse por unificar todo o proceso de gasto (realización e pagamento), de tal forma que soamente se presente unha solicitude de subvención unha vez realizados e pagados os gastos subvencionables.

No Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, suprímese a obriga por parte dos solicitantes de subvencións de identificarse co seu documento nacional de identidade ou tarxeta equivalente dos estranxeiros residentes en territorio español. Non obstante, neste procedemento concreto considérase imprescindible verificar a identidade do solicitante da subvención, polo que, de acordo co establecido na disposición transitoria primeira do citado decreto, exixirase a achega da fotocopia dos citados documentos.

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para a concesión de axudas para fomentar o uso das deducións fiscais e das bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (código de procedemento IN847A), que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado cuxa primeira folla se publica como anexo II desta orde, para os efectos exclusivamente informativos, e que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras, que se deberán presentar en único exemplar.

2. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter, cubrir e aceptar necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi ou http://xunta.es/administracion-electronica. Poderanse obter e cubrir os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Para imprimir a solicitude no formulario válido é requisito imprescindible a súa aceptación previa por parte do solicitante, que se deberá facer obrigatoriamente, como mínimo, 24 horas antes do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3. As solicitudes presentaranse, preferentemente, a través da aplicación informática establecida. Non obstante, as entidades terán a opción de facer a presentación en formato papel nun rexistro válido, unha vez imprimidos os documentos xerados pola citada aplicación.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes telemáticas presentaranse a través do sistema descrito no artigo anterior. Aquelas entidades que opten pola presentación manual farano preferentemente na Oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC).

2. No caso de presentación telemática, o presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalana de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 13 de novembro de 2009, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 2º das bases reguladoras. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Dirección Xeral de I+D+i e do Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial (en diante Segapi) e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez presentadas as solicitudes por parte dos interesados, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración posterior ao 31 de decembro de 2009.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre o procedemento recollido nesta orde poderase obter información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Nos teléfonos 981 95 73 93, 981 95 73 90 e 981 95 73 91 da devandita dirección xeral.

c) No enderezo electrónico info.segapi@xunta.es.

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 90 212 00 12 (desde o resto do Estado).

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante 15/1999).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de I+D+i para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento do uso das deducións fiscais e das bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación, desenvolvemento e innovación.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. O obxecto das subvencións reguladas nestas bases é o fomento do uso das deducións fiscais e das bonificacións na cotización á Seguridade Social por actividades de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.a. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán eximir do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

b. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Estas axudas quedarán suxeitas ao réxime N 307/2009, aprobado pola Comisión o 8 de xuño de 2009, de conformidade co establecido no Marco temporal comunitario aplicables ás medidas de axuda estatal para facilitar o acceso ao financiamento no actual contexto de crise económica e financeira, adoptado pola Comunicación da Comisión do 17 de decembro de 2008, que ten como obxectivo conceder unha axuda temporal ás empresas afectadas por unha escaseza ou unha indispoñibilidade crediticia repentina a consecuencia da crise financeira e económica global.

4. Estas subvencións destinaranse a atender os gastos derivados das seguintes actividades:

Modalidade A.-Solicitude de informes motivados de carácter vinculante do Ministerio de Industria Turismo e Comercio, ou organismo adscrito a este, relativos ao cumprimento dos requisitos científicos e tecnolóxicos, para os efectos de cualificar as actividades como I+D+i e aplicar a dedución fiscal por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

As solicitudes destes informes motivados deben ir acompañados dun certificado de actividade de I+D+I emitido por unha entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) para a emisión destes certificados.

Modalidade B.-Realización de accións destinadas a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais por actividades de I+D+I e a capacidade de autoliquidación destas actividades.

Modalidade C.-Solicitude de informes motivados de carácter vinculante do Ministerio de Industria Turismo e Comercio, ou organismo adscrito a este, relativo ao cumprimento dos requisitos científicos e tecnolóxicos do persoal investigador, para os efectos de aplicar as correspondentes bonificacións na cotización á Seguridade Social. As solicitudes destes informes motivados deben ir acompañados dun certificado de actividade de I+D+i emitido por unha entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) para a emisión destes certificados.

5. Consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

Modalidade A. Aplicación das deducións fiscais por actividades de I+D+i.

A-1. Os gastos externos de consultoría necesarios para a certificación dos proxectos e solicitude de informes motivados, de ser o caso.

A-2. Os gastos da certificación emitida por unha entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) para a emisión destes certificados.

Modalidade B. Accións destinadas a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais por actividades de I+D+i.

B-1. Os gastos externos de consultoría externa para a xestión da carteira de proxectos e da posible desgravación fiscal, de ser o caso.

B-2. Os gastos de persoal interno da empresa necesarios para o emprego das deducións fiscais (certificación de proxectos, solicitudes de informes motivados, etc.). Este persoal deberá ter relación laboral contractual coa empresa beneficiaria da subvención.

A imputación de gastos por estes dous conceptos son incompatibles entre si.

Modalidade C. Aplicación das bonificacións á Seguridade Social do persoal investigador en actividades de I+D+i.

C-1. Os gastos externos de consultoría necesarios para a certificación dos proxectos e solicitude de informes motivados, de ser o caso.

C-2. Os gastos da certificación emitida por unha entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) para a emisión destes certificados.

6. Con respecto aos gastos descritos no punto anterior, non serán subvencionables os seguintes:

-O imposto sobre o valor engadido (IVE), agás no caso de estar exento del. Neste caso deberase presentar a documentación acreditativa desta exención.

-Os gastos de intermediación entre o solicitante de subvención e a consultora externa prestadora do servizo para o que se solicita a subvención, é dicir, soamente se subvencionarán os gastos da entidade que realizou efectivamente a tramitación, e non os da que serviu de mero intermediario.

7. Estas subvencións terán unha única anualidade, polo tanto só se admitirán aqueles gastos dos relacionados no número 5 que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2009 e a data de presentación da solicitude de subvención. O prazo límite para a presentación de solicitudes de subvención está regulado no artigo 4.3º desta orde.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas cales existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma galega para o ano 2009, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria.

Aplicación orzamentaria. 44.02.741A.771.0

Crédito anualidade 2009: 300.000 €.

Crédito total desta orde: 300.000 €.

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e as porcentaxes de financiamento e as súas contías máximas serán as que se indican nos puntos 3 e 4 deste artigo, en función do tipo de solicitante, sempre que exista crédito.

3. Estas axudas terán que reunir os seguintes requisitos:

a) As axudas recibidas por unha mesma entidade non poden exceder os 500.000 euros (todas as cifras utilizadas serán importes brutos, é dicir, antes de impostos ou doutras deducións), aínda que se computarán para a dita acumulación tamén as axudas recibidas por unha mesma entidade acollidas ao réxime de minimis, entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2010, e non poden as axudas acollidas ao Marco ir destinadas aos mesmos custos subvencionables que as axudas de minimis recibidas.

b) As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles ou con outras formas de financiamento comunitario, sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.

c) As axudas reguladas nesta orde son axudas transparentes no sentido do artigo 2 número 6 do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión.

4. As intensidades máximas de axuda que se poderán conceder ao abeiro desta orde de convocatoria, respecto do custo subvencionable, son as seguintes:

-Ata o 60%: se o solicitante é unha PEME.

-Ata o 30%: se o solicitante é unha grande empresa.

5. A maiores disto, establécense os seguintes límites do importe que se vai conceder:

-Modalidade A. Accións necesarias para a solicitude de informes motivados para deducións fiscais: 4.000 € por proxecto.

-Modalidade B. Actividades destinadas a adquirir a sistemática de uso das deducións fiscais por actividades de I+D+i: 12.000 € por entidade.

-Modalidade C. Accións necesarias para a solicitude de informes motivados para as bonificacións na cotización á Seguridade Social: 3.000 € por entidade.

6. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra outorgada, para os mesmos gastos, por calquera Administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios as persoas físicas que actúan como empresarios individuais ou as persoas xurídicas con forma de sociedade privada validamente constituídas no momento de presentación da solicitude mediante escritura de constitución, no seu caso debidamente inscritas nos correspondentes rexistros oficiais, cando este requisito fose exixible segundo a lexislación mercantil aplicable. Os beneficiarios destas subvencións deberán ter o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. Non terán a condición de beneficiarios as asociacións de empresas ou outras entidades sen ánimo de lucro.

2. Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

3. A axuda só poderá outorgarse a entidades que non estivesen en crise o 1 de xullo de 2008, segundo o disposto no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas publicadas no Diario Oficial de la Unión Europea C 244/2, do 1 de outubro de 2004, ou segundo o disposto no número 7º do artigo 1 do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto (Regulamento xeral de exención por categorías).

4. Para os efectos do que prevé esta orde, considerarase pequena e mediana empresa (PEME) aquela que se axuste ao disposto no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto.

5. Establécense as seguintes incompatibilidades das axudas recollidas nesta convocatoria:

-Modalidade A: é compatible soamente coa modalidade B.

-Modalidade B: é compatible soamente coas modalidades A e C.

-Modalidade C: é compatible soamente coa modalidade B.

Os solicitantes de dúas modalidades compatibles deberán facelo no mesmo formulario de solicitude.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse un exemplar da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do CIF do solicitante ou do NIF en caso de empresario individual.

b) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante e do seu DNI (en caso de poder mancomunado deberán achegarse copias compulsadas do DNI de todos os representantes).

c) En ambos os casos, alíneas a) e b), a fotocopia do seu documento de identidade (NIF, DNI ou NIE) só se entregará en caso de que non se dispoña de certificado dixital para presentación telemática.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, na cal conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

e) Declaración responsable sobre as axudas recibidas ao abeiro do Marco Temporal Comunitario desde o 1 de xaneiro de 2008, así como doutras axudas de Estado obtidas para os mesmos custos subvencionables, e axudas de minimis concedidas por calquera proxecto ao solicitante desde o 1 de xaneiro de 2008, con indicación de importe, organismo, data de concesión, réxime de axudas en que se ampara e obxectivo da axuda e custos subvencionados; ou, de ser o caso, declaración de non ter recibido ningunha. Así mesmo, declararase a intensidade máxima autorizada pola Unión Europea para cada axuda de Estado concedida para os mesmos custos subvencionables, e indicarase a porcentaxe que representa cada axuda percibida respecto dos custos subvencionables.

f) De acordo co disposto no artigo 35.f) da LRXAP-PAC, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa estea en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para que foi presentada. No caso da documentación de que exista copia electrónica en poder da consellería, e esta copia cumpra co disposto no artigo 30 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, tamén se poderá identificar univocamente esta copia electrónica en vez de presentar a documentación. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior, ou se se constatase a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. Para a xustificación dos gastos:

a) O beneficiario da axuda queda obrigado a realizar a xustificación económica no momento da solicitude da subvención, mediante a presentación de documentos orixinais ou fotocopias compulsadas que demostren a realización do gasto para o cal se solicita a axuda, así como o pagamento do total deste gasto. As datas desta documentación xustificativa poderán ir desde o 1 de xaneiro de 2009 e o prazo de presentación da solicitude de subvención.

b) Os documentos solicitados para a xustificación do proxecto serán os seguintes:

-Cadro de gastos, que deberá formularse segundo o modelo recollido nos anexos III, III-A, III-B e III-C desta orde, en que deberán detallarse os gastos conforme as instrucións que figuran no anexo IV.

-Xustificantes de realización e pagamento dos gastos (para cada un dos gastos que se recollan no anexo III):

Documentación común para todas as modalidades.

-Copia compulsada de todas as facturas imputadas, que deberán reflectir para cada gasto, o seu importe e a súa descrición, co mesmo detalle que o exixido nos anexos III-A, III-B e III-C.

-Orixinal ou fotocopia compulsada da xustificación do pagamento das facturas: transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, que permitan identificar a factura e o provedor.

-Calquera outro documento que se requira, co fin da determinación e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Documentación específica para cada modalidade:

Modalidade A.

-Confirmación da solicitude de informes motivados por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ou organismo adscrito a este.

Modalidade B.

-Orixinal ou copia compulsada do documento que acredite a realización do trámite correspondente por parte da consultora, de ser o caso.

-Para a xustificación dos custos de persoal propio deberá achegarse certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado á actividade, que deberá incluír os seguintes datos: sinatura do traballador, DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de nomeamento e custo total imputado á actividade (retribucións + Seguridade Social).

-Copia compulsada das nóminas, dos boletíns de cotización á Seguridade Social e dos xustificantes de pagamento deste persoal.

-Informe final da carteira de proxectos de innovación e do asesoramento realizados, seguindo o seguinte guión: datos do consultor ou do persoal interno participantes no proxecto e descrición das tarefas desenvolvidas, planificación establecida inicialmente e desviacións, obxectivos establecidos inicialmente e obxectivos conseguidos, carpeta de seguimento de proxectos (que debe incluír: título e breve descrición dos proxectos identificados, clasificación dos mesmos en I+D+I ou non desgravables, sistemática de asignación de custos aos proxectos, cálculo das deducións...), dedución total (suma da de todos os proxectos tendo en conta as restricións da lei), conclusións e comentarios.

Modalidade C.

-Orixinal ou copia compulsada do documento que acredite a realización do trámite correspondente por parte da consultora.

c) A data de toda a documentación xustificativa dos gastos realizados estar incluída entre o 1 de xaneiro e a data de presentación da solicitude.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento cubrindo o anexo VII, debendo presentar daquela as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Consonte co establecido no mesmo artigo, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da Administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data e o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte co establecido na Lei orgánica 15/1999, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega (en diante Lei 4/2006), esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos San Caetano -San Caetano s/n- 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

1. A Dirección Xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención. Corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

2. O Segapi será o órgano encargado de tramitar as solicitudes e de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados. Para isto, desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude das cales debe formularse a proposta de resolución.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria adquirirán data de prioridade para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible subvención, de acordo co establecido no número seguinte.

4. Ata o esgotamento do crédito dispoñible, a concesión das subvencións efectuarase respectando a data de prioridade adquirida polas solicitudes, con base no establecido no número anterior, e conforme as seguintes regras:

-A data de prioridade, para os efectos de reservar o crédito necesario para atender a posible subvención, será a data en que a correspondente solicitude de subvención se presentase, nalgún dos lugares previstos no artigo 3º.1 desta orde. Non obstante, en caso de ser requirida a rectificación da solicitude, conforme o previsto no número 1 deste artigo, a data de prioridade virá determinada pola data de presentación do escrito de rectificación ou do oficio polo que se acompañen os documentos preceptivos nalgún dos lugares previstos no artigo 3º.1 desta orde.

-Sempre que se cumpran os requisitos determinados nestas bases e na convocatoria, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.

-No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes, presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada polo número e data de entrada no rexistro do Segapi.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 8º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 9º.-Resolución e pagamento.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, de ser o caso, o Segapi formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria. Esta resolución deberá publicarse no DOG.

2. Á vista da proposta formulada polo Segapi a través do órgano instrutor e segundo o que dispón o artigo 21.4º da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será ata o 31 de decembro de 2009. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 12º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde, nas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 13º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 14º.-Publicidade.

Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 15º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nas bases reguladoras observarase o previsto na Lei 9/2007; no Decreto 11/2009, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no Marco temporal de axudas de Estado para apoiar o acceso a financiamento na actual crise económica e financeira, e no resto de anormativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "19000D006P014.PDF"