DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural da Veiga-Pradeda na parroquia de Santa Eulalia de Pradeda, concello de Guntín (Lugo).

I. Antecedentes.

* O concello de Guntín remite o proxecto de delimitación referido, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, Lei 9/2002, en diante LOUG.

* O concello de Guntín de Pallares carece de instrumentos de planeamento xeral, rexéndose no solo urbano da súa capital por un proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 6 de abril de 1978 e fóra del polas normas e aplicación directa da LOUG e, no non oposto a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

* A documentación técnica presentada está integrada por tres exemplares dilixenciados, compostos de memoria e planos da delimitación datados en febreiro de 2007 así como fotocopias parciais dos planos informativos e fotografía do núcleo.

* Por Resolución do 20 de decembro de 2007 xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, denegarase a aprobación definitiva dun proxecto de delimitación do mesmo núcleo, precedente do actual, indicando unha serie de deficiencias que debían ser corrixidas antes de envialo para novo acordo aprobatorio.

Con data do 14 de abril de 2009, o Concello de Guntín presentou solicitude de aprobación do expediente de delimitación do solo de núcleo rural prevista no punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar o seguinte:

1. Cumpriuse co trámite de información pública mediante a publicación de anuncios no DOG nº 175, do 10 de setembro de 2008 e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia de Lugo, con datas do 14 de agosto e do 6 de setembro de 2008, respectivamente.

2. Consta certificación do secretario municipal con data do 7 de xaneiro de 2008 que acredita a realización da preceptiva exposición pública do proxecto sen que se presentase alegación nin reclamación ningunha.

3. Na certificación expedida polo secretario municipal con data do 13 de de abril de 2008, consta o acordo de aprobación provisional da devandita delimitación adoptado polo pleno na súa sesión do 27 de marzo de 2009.

4. O concello enviou tres exemplares do proxecto técnico da delimitación e do seu modificado, coa dilixencia de ser os aprobados provisoriamente na data correspondente.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no punto 2 da disposición adicional 2ª da LOUG.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar a documentación achegada polo Concello de Guntín e á vista da proposta elaborada polo Servizo de Urbanismo, cómpre indicar:

1. O novo proxecto, obxecto deste informe, emenda as deficiencias documentais sinaladas no punto II.2 do referido acordo denegatorio adoptado por Resolución do 20 de decembro de 2007.

2. A nova versión desta delimitación aprobada provisionalmente polo concello, con data do 27 de marzo de 2009, proxecta a delimitación de dúas circunscricións separadas, unha con catro vivendas existentes e outra con dúas, máis próximas entre si.

3. Polo que atinxe ás deficiencias substantivas indicadas no punto II.4 do acordo da resolución xa citada, cómpre indicar o seguinte:

* Ambas as circunscricións respectan o límite de distancia de 50 metros establecido no artigo 13.3, 1º inciso, da LOUG.

* O proxecto carece dunha xustificación expresa do cumprimento da condición de consolidación establecida no mesmo precepto legal. Non obstante o anterior, comprobouse que a superficie ocupada polas edificacións de ambas as circunscricións representa aproximadamente o 50% da ocupable de acordo coa ordenación aplicable, artigo 23.4º das normas complementarias e subsidiarias provinciais.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural da Veiga-Pradeda, na parroquia de Santa Eulalia de Pradeda, no concello de Guntín, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro que coiden procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2009.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "19000D006P014.PDF"