DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.403

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de San Cibrao na parroquia de Monte de Meda, concello de Guntín (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello de Guntín remite o proxecto de delimitación referido, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, Lei 9/2002, en adiante LOUG.

O concello de Guntín carece de instrumentos de planeamento xeral, rexéndose no solo urbano da súa capital por un proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 6 de abril de 1978 e fóra del polas normas e aplicación directa da LOUG e, no non oposto a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

A documentación técnica presentada está integrada por tres exemplares dilixenciados, en toda as súas follas e compostos de memoria e planos da delimitación datados en febreiro de 2007, así como fotocopias dos planos informativos, ortofotos e fotografías do núcleo.

Con data do 31 de marzo de 2009, o Concello de Guntín presentou solicitude de aprobación do expediente de delimitación do solo de núcleo rural prevista no punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar o seguinte:

1. Cumpriuse co trámite de información pública mediante a publicación de anuncios no DOG nº 122, do 25 de xuño de 2008 e nos xornais El Progreso do 31 de maio de 2008, e La Voz de Galicia de Lugo, do 3 de xuño do mesmo ano.

2. Consta certificación do secretario municipal con data do 4 de decembro de 2008, sobre a exposición pública do proxecto no período comprendido entre o 26 de xuño e o 26 de xullo de 2008, sen que no devandito período se presentase alegación ningunha.

3. Na certificación expedida polo secretario municipal con data do 26 de marzo de 2009, consta o acordo de aprobación provisional da devandita delimitación adoptado polo pleno na súa sesión do 26 de decembro de 2008.

4. O concello enviou tres exemplares do proxecto técnico da delimitación, coa dilixencia de ser os aprobados provisoriamente na data correspondente.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II. Consideracións e fundamentación.

Logo de analizar a documentación achegada polo Concello de Guntín e á vista da proposta elaborada polo servizo de urbanismo, cómpre indicar:

1. San Cibrao aparece recoñecido no nomenclátor das entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), así como no nomenclátor de entidades de poboación do Instituto Nacional de Estatística. Neste último consta cunha poboación de 24 habitantes, dato do ano 2008 e 7 vivendas dato do ano 2001.

2. Delimítase un ámbito de solo de núcleo rural (circunscrición), cunha superficie aproximada de 29.820 m2 (superficie bruta), dos que uns 27.150 m2 son edificables (superficie neta). Non se propoñen áreas de expansión.

3. A superficie ocupada polas edificacións existentes dentro do ámbito delimitado supera o 50% da que se podería ocupar en función do grao de ocupación aplicable (artigo 23.4º e)) das NCSPP), polo que se entende que se cumpre a condición de consolidación mínima establecida do artigo 13.3º.1 inciso da LOUG, así mesmo cumpre coa distancia máxima establecida polo citado artigo desde as edificacións tradicionais existentes neste núcleo.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1º b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de San Cibrao na parroquia de Monte de Meda, no concello de Guntín, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro que estimen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese o concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2009.

María Encarnación Rivas Díaz

Secretaria xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "19000D005P012.PDF"