DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.401

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 20 de agosto de 2009 sobre aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Poio (Pontevedra) para descatalogación do ben número 16-B15 sito na rúa Clemente Echeverría, en Raxó.

O Concello de Poio remite o proxecto de modificación puntual referido, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Poio dispón na actualidade de PXOM vixente, aprobado definitivamente o 28 de xullo de 2000.

2. O catálogo de edificios e conxuntos do termo municipal foi aprobado o 25 de setembro de 2001.

3. A documentación achegada consiste na copia dilixenciada por triplicado do expediente municipal e proposta de MP do catálogo.

O proxecto, integrado por memoria e planos redactado polos arquitectos José Antonio Sueiro Sueiro e Elías Cueto Álvarez, conta con visado colexial do 4 de xuño de 2009, e considérase que é suficiente para o alcance e finalidade da modificación.

4. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente emitiu a decisión do 25 de marzo de 2008, pola que se resolve sobre a innecesariedade de someter esta modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

5. Non se solicitou informe previo á aprobación inicial por concorrer as circunstancias do artigo 93.4º da LOUG.

6. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno, en sesión do 29 de xullo de 2008 e sometido a información pública. Non houbo alegacións.

7. No expediente constan os informes dos servizos xurídicos e técnicos do concello.

8. Dos informes sectoriais que solicitou o concello consta a emisión de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, con data do 13 de novembro de 2008.

9. A modificación aprobada provisionalmente polo pleno en sesión do 27-1-2009.

10. O Concello Pleno, en sesión do 30 de xuño de 2009, á vista dos informes do asesor xurídico e da secretaría, con datas do 8 e 11 de xuño de 2009 respectivamente, ratificou o interese público municipal na modificación puntual, e rectificou o erro existente nos documentos e proxecto que forman o expediente.

II. Consideracións e fundamentación.

A) Con data do 19 de agosto de 2009, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, visto o informe emitido polo Servizo de Urbanismo da Delegación Territorial de Pontevedra, elevou proposta de resolución, no que se expresa o seguinte:

1. O proxecto de modificación ten por obxecto a anulación da ficha 16-B15 do catálogo de edificios e conxuntos do termo municipal, correspondente á edificación situada no nº 1 da rúa Clemente Echeverría, en Raxó, con referencia catastral 0548602N G2904N0001XX.

2. O inicio do expediente motívase pola contradición existente entre a protección do ben sinalado e as determinacións do PXOM para o quinteiro no que se empraza, sendo que a aliñación que fixa o PXOM atravesa a edificación polo que está fóra de ordenación. No entanto, o grao de protección impide o seu traslado ou derruba.

3. Sinálase no proxecto de MP e nos informes correspondentes emitidos pola Consellería de Cultura e Deporte en relación coa ficha do catálogo, que a edificación non presenta interese arquitectónico singular e que unicamente posúe valor ambiental que quedaría descontextualizado co desenvolvemento previsto no contorno polo PXOM.

4. As razóns de interese xeral nas que se fundamenta a modificación son resolver as contradicións entre documentos do planeamento e, por tanto, posibilitar a execución das aliñacións definidas no PXOM para resolver problemas de circulación.

Esta finalidade pode incluírse entre as razóns do artigo 94.1º da LOUG e fundamenta o interese público.

B) De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM de Poio (Pontevedra) para descatalogación do ben nº 16-b15, sito na rúa Clemente Echeverría, en Raxó.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitvamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas