DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 6 de agosto de 2009 sobre aprobación definitiva parcial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sober (Lugo).

O Concello de Sober remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. Na actualidade o Concello de Sober dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente con data do 13-3-1986.

2. Con data do 22-9-2005, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1º da LOUG.

3. O Concello Pleno de Sober aprobou inicialmente o plan o día 16-3-2006, e someteuno a información pública regulamentaria. Simultaneamente déuselle audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes da Consellería de Cultura e Deporte, do administrador de Infraestruturas Ferroviarias, da Confederación Hidrográfica do Norte, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, da Deputación Provincial de Lugo e dos ministerios de Fomento e de Industria, Turismo e Comercio.

4. Segundo consta no expediente, emitíronse os seguintes informes:

-En materia de estradas, informes favorables da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, con data do 10-6-2006; da Deputación Provincial de Lugo con data do 27-11-2006; e favorable con condicións, da Dirección Xeral de Infraestruturas desta consellería con data do 15-5-2009.

-Informe do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias do 28-4-2006.

-En materia de patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable, con condicións, en data 16-5-2007.

-En materia de telecomunicacións, informe do 28-4-2009 da Subdirección General de Infraestructuras y Normativa Técnica, do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio.

- Así mesmo, consta certificación expedida pola secretaria municipal acreditativas da non recepción dentro do prazo legal dos restantes informes solicitados.

5. O Pleno do Concello de Sober aprobou provisionalmente o 19-7-2007 o Plan xeral, tras a realización dos informes xurídico con data do 10-6-2007 e técnico con data 27-6-2007.

6. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emite con data do 5-8-2008 Resolución (DOG número 124, do 27 de xuño) pola que se declara inviable o sometemento do PXOM do Concello de Sober aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

7. O expediente municipal completo foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro desta con data do 12-5-2009.

II. Consideracións e fundamentación.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, visto o informe da Xefatura do Servizo de Planeamento I; e analizado o documento de Plan xeral de referencia, examinado o seu propio contido e a súa adecuación á normativa de aplicación, eleva con data do 5-8-2009 proposta, que se subscribe integramente, na que se fan as seguintes consideracións ao respecto da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Sober:

II.1. Tramitación e contido do expediente administrativo.

1. A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con data do 5-8-2008 establece certas consideracións que hai que cubrir:

a) As fichas urbanísticas das áreas de planeamento de desenvolvemento deberán prever solucións que garantan o abastecemento de auga potable e a depuración de augas residuais, acreditando inexistencia de riscos de inundación mediante informe do organismo de cunca competente, como condición previa á súa aprobación.

b) Os espazos identificados no PXOM como espazos de interese natural (bosques de ribeira, masa forestal próxima ao núcleo da Sobreira, ao carón do regato Moretón e a lagoa artificial existente entre Vilaescura e Rosende) deben clasificarse como solo rústico de protección de espazos naturais á máis de protección de augas.

2. O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data do 16-5-2007 establece que dentro dos contornos de protección no núcleo de Sober, á altura da planta baixa das novas edificacións non poderá superar os 3 metros de altura, debendo harmonizar cos edificios incluídos no catálogo.

II.2. Clasificación do solo.

1. Clasificación do solo urbanizable.

O PXOM prevé crecementos residenciais en catro sectores de solo urbanizable, sen que quede acreditada a súa aptitude cara á transformación urbanística (artigo 13 da LOUG).

2. Clasificación do solo rústico.

-Non se clasifica como solo rústico de protección de espazos naturais parte do ámbito do espazo natural do Canón do Sil (normas complementarias e subsidiarias da provincia de Lugo) ao oeste de Barantes, o que se debe corrixir, de conformidade co artigo 32.2º f) da LOUG, con independencia dos reaxustes posibles previstos no artigo 28.1º a) das devanditas normas, para os que cumpriría a axeitada xustificación.

- De conformidade co artigo 32.1º c) da LOUG e co informe da Dirección Xeral de Infraestruturas, deben clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas a estrada autonómica LU-903 e as súas zonas de afección, ata a liña límite da edificación; así como as liñas eléctricas de alta tensión e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación (liña existente ao sur do núcleo de Cededa e ao norte do núcleo de Francos) con independencia da súa clasificación como de protección de espazos naturais.

III. Resolución.

En base a todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sober (Lugo) de acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que deixa en suspenso o seguinte:

*Os ámbitos dos solos urbanizables (SUD-R1, SUD-R2, SUD-R3 e S4D-R4) nos termos sinalados nos puntos II.1.1.a e II.2.1 anteriores.

*Os ámbitos do solo rústico sinalados nos puntos II.1.1.b e II.2.2 anteriores.

Segundo.-O concello deberá emendar as deficiencias sinaladas no punto II anterior, elaborar un novo documento coas correccións indicadas, e logo da súa aprobación polo pleno da corporación, elevar este ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas