DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 28 de setembro de 2009 Páx. 15.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 4 de agosto de 2009 sobre aprobación definitiva da modificación puntual número 21 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense, nunha parcela do sistema xeral de equipamento docente e na ficha 22.35 do inventario do patrimonio cultural no medio urbano.

O Concello de Ourense remite proxecto de modificación puntual nº 21, dunha parcela do sistema xeral de equipamento docente e modificación da ficha 22.35 do inventario do patrimonio cultural no medio rural, do PXOM do Concello de Ourense, ao abeiro do artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Ourense dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 29 de abril de 2003.

I.2. O ámbito de actuación, en solo urbano consolidado, corresponde co sistema xeral SX EQ Doc PB, da área de planeamento incorporado-API 01.

I.3. Preténdese obter parte do sistema xeral dese equipamento docente público, previsto na zona do Couto da cidade de Ourense, a cambio de recualificar como equipamento asistencial e social-cultural privado unha parcela do núcleo rural NR-3 na zona de Cabeza de Vaca.

I.4. Ao mesmo tempo, na edificación existente dentro do sistema xeral docente, nomeadamente un inmoble privado catalogado, modifícase o seu grao de protección de integral a estrutural.

I.5. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

1. Con data do 22-10-2008 o director xeral de Urbanismo informou a modificación puntual, logo da súa aprobación inicial, de conformidade do disposto no artigo 85.1º da LOUG.

2. Consta a Decisión do 2-1-2008, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, resolvendo a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica.

3. O Pleno do Concello, na súa sesión do 26-12-2008, aprobou inicialmente a modificación nº 21.

4. Na fase de exposición pública non se presentou alegación ningunha.

5. Informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 14 de abril de 2009.

6. O Pleno do Concello, en sesión do 8 de maio de 2009, aprobou provisionalmente a modificación nº 21 do PXOM.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Analizado o proxecto de modificación puntual de referencia e á vista da proposta elevada pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, logo do informe subscrito polo Servizo de Urbanismo do Departamento Territorial de Ourense, fanse as seguintes consideracións para os efectos da súa aprobación definitiva:

1. A modificación fundaméntase no forte investimento exixible para a expropiación do edificio catalogado de propiedade privada. A estrutura da propiedade do sistema xeral previsto no plan xeral está constituído por catro parcelas, e soamente un dos predios pertence ao Concello de Ourense por cesión obrigatoria no desenvolvemento do subpolígono 7B do SU-3.

2. Coa modificación proxectada recualifícase na zona de Cabeza de Vaca a parcela de 1.624 m2 de superficie, incluída no núcleo rural NR 3, en equipamento asistencial privado, manténdose o réxime urbanístico do solo de núcleo, e cunha edificabilidade máxima de 730 m2.

3. Incorpórase a referencia a unha proposta de Convenio urbanístico do 4 de decembro de 2007, exposto ao público, de conformidade co artigo 237 da LOUG, segundo se sinala na memoria da modificación.

4. A modificación nº 21 do plan xeral fundaméntase, en xeral, en razóns de interese público, nos termos recollidos no artigo 94.1º da LOUG.

II.2. De conformidade co artigo 89 da LOUG, co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De conformidade co punto 5º a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 21 do PXOM de Ourense, nunha parcela do sistema xeral de equipamento docente e na ficha 22.35 do inventario do patrimonio cultural no medio rural.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas