DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 22 de setembro de 2009 Páx. 15.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2009 pola que se convoca un curso sobre aspectos xurídicos e policiais relacionados coas alcoholemias.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial da Coruña, anúnciase a convocatoria dun curso sobre aspectos xurídicos e policiais relacionados coas alcoholemias, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: aspectos xurídicos e policiais relacionados coas alcoholemias.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Análise técnico-xurídica e perspectiva diferencial dos casos de condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas.

-Interese procesual das actuacións policiais, e adecuación destas ás exixencias formais e regulamentarias.

-Estudo de casuística e elaboración de diferentes atestados que se puidesen instruír por esta temática.

Contido:

1. Os delitos contra a seguridade viaria. Especial referencia aos casos de condución baixo os efectos de bebidas alcohólicas.

2. A instrución de atestados e dilixencias relacionados con este tema. Análise baixo criterios da súa incidencia procesual.

3. Casos prácticos: elaboración de distintos tipos de atestados segundo a abundante casuística operativa referida a esta cuestión. Discusión e traballo en grupos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local da provincia da Coruña.

Prazas ofertadas: 30 prazas.

Publicación: esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 9 de outubro de 2009.

O persoal que desexe participar nesta actividade deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, asinada polo/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependa.

As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial da Coruña-Sección de Formación (fax: 981 08 03 54), avenida Alférez Provisional, s/n, 15006 A Coruña; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Lista de solicitudes seleccionadas:

O día 14 de outubro de 2009 publicarán, tanto a Deputación Provincial da Coruña- Sección de Formación (teléfono: 981 08 03 85) como a Academia Galega de Seguridade Pública (no sitio web http://agasp.xunta.es), a lista das solicitudes de participación que resultaren seleccionadas.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: biblioteca municipal. Praza de España, 2, Ferrol.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 19 de outubro de 2009.

Data de remate: 22 de outubro de 2009.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a esta.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial da Coruña poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "18600D006P010.PDF"