DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 22 de setembro de 2009 Páx. 15.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2009 pola que se convocan dous cursos sobre intervención policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello de Santiago de Compostela, convócanse dous cursos sobre intervención policial, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: intervención policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Ampliar e actualizar coñecementos sobre as últimas técnicas de intervención e actuación diante das distintas situacións problemáticas que se poidan producir no traballo e na función policial.

-Adquirir destrezas no manexo e solución práctica de supostos de intervención.

Contido:

-Uso da forza. Resposta diante de atracos. Elementos de protección e seguridade en grandes concentracións.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal do corpo de policía local, funcionarios de carreira, do Concello de Santiago de Compostela, para os que se reservan 12 prazas, o resto (8 prazas) cubrirase con solicitantes doutros corpos de policía local que cumpran os mesmos requisitos, tendo preferencia os dos concellos que integran a comarca de Santiago (Teo, Brión e Ames) e os de Padrón, Oroso, Negreira e Ordes.

Prazas ofertadas:

20 prazas por curso.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 9 de outubro de 2009 (1º curso) e 30 de outubro de 2009 (2º curso).

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello de Santiago de Compostela deberán presentar a instancia no rexistro do propio Concello.

Os solicitantes que non pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello de Santiago de Compostela cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea «Actividades formativas», «cursos con inscrición aberta», non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberá imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependa, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Selección e obrigas das persoas seleccionadas:

Os membros do corpo da Policía Local do Concello de Santiago de Compostela serán seleccionados polo Servizo de Persoal do propio Concello, e aos restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da Agasp previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG número 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007 de coordinación de policías locais.

As persoas seleccionadas pola Agasp, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 14 de outubro de 2009 (1º curso) e 3 de novembro de 2009 (2º curso) de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Recinto Feiral de Amio, Santiago de Compostela.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Datas:

1º curso: 19, 20, 22 e 23 de outubro de 2009.

2º curso: 9, 10, 12 e 13 de novembro de 2009.

Material:

Roupa deportiva ou de faena e material individual de traballo diario (defensa, grillóns, luvas, lanterna, etc.).

Certificado de aproveitamento:

Ao remate de cada curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este e superen as correspondentes probas de coñecementos.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,500 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello de Santiago de Compostela poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública