DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 21 de setembro de 2009 Páx. 15.035

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 10 de setembro de 2009 que modifica a Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006, e se fixa o límite do seu importe plurianual.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas atenderanse da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, atribúe as competencias e funcións en materia de vivenda á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, creada polo Decreto 83/2009, do 29 de abril.

Con data do 10 de febreiro de 2009 aprobouse a orde pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006.

Esta norma viuse modificada pola Orde do 18 de marzo de 2009, a cal engadía unha nova aplicación orzamentaria e ampliaba o importe máximo doutra aplicación xa prevista inicialmente.

Tendo en conta as modificacións operadas nas distintas partidas orzamentarias é preciso adecuar a orde de importe máximo ás dotacións orzamentarias actuais e aprobar esta orde.

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006, no seguinte sentido:

1. Engádese un punto 6 co seguinte texto:

«A promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a aluguer e aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de sociedades públicas locais se atenderá con cargo á aplicación orzamentaria 17.90.451B.760.2 e con un importe máximo de 589.750 euros para a anualidade 2009 e 252.750 euros para a anualidade 2010».

2. Modifícase o punto 1, o cal quedará redactado co seguinte teor:

«Para rehabilitación de edificios e vivendas e reserva de recursos non territorializados por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro corresponderá á aplicación 17.90.451A.780.1 por un importe máximo de 4.800.000 euros para o proxecto 2006 00393».

3. Modifícase o punto 2 o cal quedará redactado co seguinte teor:

«Á promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a aluguer e aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de empresas privadas correspóndelle a aplicación orzamentaria 17.90.451B.770.0, para a cal se fixa un importe máximo de 4.500.000 euros para o proxecto 2006 00604 e de 2.500.000 euros para o proxecto 2006 00607».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas