DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 18 de setembro de 2009 Páx. 14.994

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 4 de setembro de 2009 pola que se procede á convocatoria para o ano 2009 das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (IN519B-presentación electrónica). 2ª convocatoria.

Por Orde do 19 de febreiro de 2009 aprobáronse as bases reguladoras das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2009.

Finalizado o proceso de adxudicación e notificadas as axudas aos solicitantes que cumpren os requisitos establecidos na orde, queda un remanente de crédito dispoñible, polo que se considera necesaria a apertura dunha nova convocatoria para adxudicar novas axudas ata o esgotamento do crédito.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

Dispoño:

Artigo 1º.-Convocatoria.

1. Esta orde ten por obxecto convocar axudas para a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas a concellos incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia (IN519B), para o ano 2009.

2. O procedemento e requisitos para a tramitación e adxudicación das axudas será o establecido no anexo I da Orde do 19 de febreiro de 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II da Orde do 19 de febreiro de 2009, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das súas bases reguladoras.

2. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria que se indica a continuación:

Ver referencia pdf "18400D001P006.PDF"

O crédito consignado poderá ser ampliado nas condicións previstas no artigo 32.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarios das axudas desta convocatoria os concellos que tivesen una subvención ao abeiro da Orde do 19 de febreiro de 2009.

4. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 760.0 «Concellos. Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais» poderá alcanzar:

Ata o 100% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministración enerxética, iluminación, saneamento, edificios múltiples, reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 15 de decembro de 2009.

Sobre este procedemento administrativo, que ten por código IN519B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través da páxina web oficial da consellería http://economiaeindustria.xunta.es, na súa epígrafe de axudas.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «Axudas Virtual» (procedemento IN519B - presentación electrónica), dispoñible no seguinte enderezo da internet:

https://axudasindustria.xunta.es/att

Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es e no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN519 - presentación electrónica.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

O prazo para iniciar solicitudes a través da aplicación informática remata 24 horas antes do sinalado no número 4 deste artigo.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse o Servizo de Administración Industrial, a través do teléfono 981 54 43 88, do número de fax 981 95 71 92 ou do enderezo de correo electrónico cei.dxi.axudas2009@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para os efectos informativos, e é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo da obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, Lei 30/1992).

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

3. Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º do anexo I de bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contando a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entendese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras do anexo I da Orde do 19 de febreiro de 2009. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria.

2. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B-presentación electrónica, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) Os teléfonos 981 54 55 72 e 981 54 43 88 da devandita dirección xeral.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde todo o Estado 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Consellería de Economía e Industria