DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 17 de setembro de 2009 Páx. 14.897

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2009 pola que se convoca un curso sobre tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello da Coruña, anúnciase a convocatoria dun curso sobre tráfico, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: tráfico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 18.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Actualizar coñecementos e procedementos de actuación en materia de tráfico (cursos básicos de toma de datos, adopción de medidas, alcoholemias, e instrución de dilixencias de atestados).

Contido:

-Normativa de seguridade viaria.

-Permisos de condución.

-Procedementos operativos e de actuación ante diversos supostos relacionados coa seguridade viaria e as actuacións habituais dos corpos de Policía Local en materia de tráfico/seguridade viaria, especialmente as relacionadas coas últimas modificacións da normativa vixente.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de Policía Local, pertencentes ao Concello da Coruña e preferentemente aos concellos próximos a aquel.

Prazas ofertadas:

20 prazas, das cales 15 serán ocupadas polo persoal operativo da Unidade de Tráfico e en segundo lugar das unidades especializadas do corpo da Policía Local. As 5 restantes para solicitantes doutros corpos de policía local, tendo preferencia os dos concellos próximos ao concello da Coruña.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 1 de outubro de 2009.

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello da Coruña deberán facer a súa solicitude a través da Academia de Formación de Policía Local do Concello da Coruña.

Os solicitantes que non pertenzan ao corpo de Policía Local do Concello da Coruña cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe «Actividades formativas», «cursos con inscrición aberta», non se admitirán outros modelos de solicitude e serán remitidas telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependa, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Selección e obrigas das persoas seleccionadas:

Os membros do corpo da Policía Local do Concello da Coruña serán seleccionados pola Xefatura da Policía Local do Concello da Coruña, e aos restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da Agasp previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG número 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

As persoas seleccionadas pola Agasp teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 19 de outubro).

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 7 de outubro de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Sede da Policía Local da Coruña, rúa Tui, número 21.

Horario: das 8.00 ás 14.00 horas.

Data de comezo: 13 de outubro de 2009.

Data de remate: 15 de outubro de 2009.

Certificado de aproveitamento:

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel e superen as correspondentes probas de coñecementos.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,450 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello da Coruña, poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de setembro de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública