DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 17 de setembro de 2009 Páx. 14.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 2 de setembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas en réxime de concorrencia competitiva ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de prevención do alcoholismo.

De conformidade co Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase actualmente no Decreto 311/2009, do 28 de maio, de conformidade coa disposición transitoria do Decreto 83/2009, do 21 de abril, e os seus fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, e o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011 teñen por obxecto establecer as directrices xerais de actuación na saúde mental e a asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

Neste sentido, o Plan Estratéxico de Saúde Mental establece, como programas especiais de atención a problemas relacionados co consumo prexudicial de alcohol, os seguintes programas preventivos: apoio á abstinencia e promoción de estilos de vida e hábitos saudables, os programas de prevención de recaídas, as campañas de sensibilización da poboación e outros programas de prevención do alcoholismo distintos aos anteriores e, ademais, dirixidos a colectivos de especial vulnerabilidade ou que acheguen novas metodoloxías.

Existen entidades sen ánimo de lucro creadas para desenvolver principalmente actividades que se enmarcan na prevención do alcoholismo e que desenvolven un importante labor social.

A Consellería de Sanidade, consciente da importancia que teñen estas entidades para solucionar o problema do alcoholismo, quere fomentar a realización de programas de prevención do alcoholismo mediante unha liña de subvencións correntes con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Polo exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6º. e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de prevención do alcoholismo.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Para ser beneficiario das axudas publicadas nesta orde será indispensable ser unha asociación ou calquera outra entidade privada sen ánimo de lucro que estea dedicada principalmente ao alcoholismo e así se recolla expresamente como un dos seus fins estatutarios.

Así mesmo, deberá desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Toda entidade que concorra a este tipo de axudas deberá ter un horario mínimo de atención ao público, polo menos de media xornada, para dar información e prestarlles axuda principalmente ás persoas afectadas pola problemática derivada do alcoholismo.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario as entidades en que concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización de presentación das solicitudes.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas serán os seguintes:

a) Programas de apoio á abstinencia e promoción de estilos de vida e hábitos saudables (centrados en persoas que están en abstinencia e non sometidas a tratamento ambulatorio, aínda que precisen actividades de apoio).

b) Programas de prevención de recaídas (dirixidos a pacientes que están a tratamento ambulatorio e en proceso de rehabilitación).

c) Campañas de sensibilización da poboación (centradas en difundir á poboación, de forma selectiva ou xenérica segundo os casos, información e educación para a saúde sobre a problemática relacionada co abuso do alcohol).

d) Outros programas de prevención do alcoholismo distintos aos definidos na letra anterior e, ademais, dirixidos a colectivos de especial vulnerabilidade ou que acheguen novas metodoloxías.

Todos os programas deberán estar avalados e supervisados por un profesional con experiencia en programas preventivos e titulación universitaria superior, titulación de que haberá que xuntar copia.

Poderanse solicitar ata un máximo de seis (6) programas das letras incluídas neste artigo, dos cales a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental soamente avaliará un total de tres (3).

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as axudas.

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 199.950 € con cargo á aplicación 4601.413A.481.07, co código de proxecto 200900846, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. Estas axudas están destinadas a sufragar soamente os gastos correntes e de persoal necesarios para a realización dos programas de prevención do alcoholismo subvencionados. Para estes efectos, consideraranse gastos subvencionables os realizados desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2009.

3. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde poderán financiar total ou parcialmente o gasto das actividades e serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Non obstante, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á presidenta do Servizo Galego de Saúde; edificio administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, á cal se achegará a seguinte documentación:

1.1. Documentación común:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Copia compulsada ou lexitimada dos estatutos da entidade.

d) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico 2008.

e) Memoria da entidade correspondente ao ano 2008 segundo modelo que se publica como anexo II.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados (indicando o número de boletín da publicación); así como de non acharse incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

1.2. Documentación obrigatoria que hai que achegar en relación con cada programa solicitado:

a) Denominación do programa.

b) Clase de programa segundo a clasificación establecida no artigo 3º; definición.

c) Lingua oficial da comunidade autónoma elixida para o seu desenvolvemento.

d) Obxectivos que se pretenden acadar e indicadores de seguimento e avaliación.

e) Poboación a que vai dirixido e criterios de inclusión.

f) Datas de realización.

g) Recursos humanos e materiais con que conta a entidade para levar a cabo o programa.

h) Cualificación profesional do persoal que vai levar a cabo o programa, indicando o nome, apelidos e cualificación profesional.

i) Nome, apelidos e sinatura do profesional responsable do programa.

j) Valoración económica do programa.

k) Desagregación dos gastos previstos para a súa realización.

2. As solicitudes de subvención presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor, a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, examinará a documentación presentada e reclamaralles por escrito aos interesados os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días, se considerará que desistiron da súa petición, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental avaliará as solicitudes, emitirá informe e realizará a proposta de resolución.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración das solicitudes.

1. Puntuación dos programas realizados onde non haxa dispositivos de saúde mental e dispositivos asistenciais conveniados que cubran necesidades sociais relacionadas cos ditos programas: 5 puntos.

2. Grao de consolidación e experiencia da entidade no campo da prevención do alcoholismo: 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese unha axuda para a realización de programas de prevención do alcoholismo en anteriores convocatorias.

3. Grao de dedicación ao alcoholismo:

a) Asociación ou entidade dedicada exclusivamente á atención da problemática do alcoholismo: 3 puntos.

b) Asociación ou entidade dedicada á atención do alcoholismo e outras adiccións: 2 puntos.

c) Asociación ou entidade dedicada á atención do alcoholismo e outras actividades: 1 punto.

4. Pola realización de programas do tipo a): 5 puntos por programa.

5. Pola realización de programas do tipo b): 5 puntos por programa.

6. Pola realización de programas do tipo c): 3 puntos por programa.

7. Pola realización de programas do tipo d): 5 puntos.

8. Polo uso do galego nos programas: 1 punto.

O crédito destinado a este tipo de axudas e segundo o sinalado no artigo 4º distribuirase proporcionalmente aos puntos obtidos por cada entidade sen que supere o importe solicitado por esta.

A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental poderá realizar os axustes que xulgue adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

Se de conformidade co artigo 8º.1 a entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4º.1, quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante deste artigo 7º.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para a súa aceptación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Correspóndelle á conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

3. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas aos interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución deberá serlles notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. De conformidade co artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar, no Diario Oficial de Galicia, as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao cal se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

5. Igualmente, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe e finalidade das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Recursos.

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso potestativamente en reposición, ante a presidenta do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao data de notificación, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. Poderase realizar un pagamento parcial de ata o 50% do importe da subvención concedida e á conta da liquidación definitiva, logo da presentación dos orixinais ou das copias compulsadas ou lexitimadas dos xustificantes que acrediten ter realizado un gasto por importe igual ou superior a aquel, acompañados dunha relación ordenada deles, facendo constar o acredor e o documento, data de expedición e, de ser o caso, data de pagamento, concepto, importe e sinatura; certificación expedida polo secretario ou representante da asociación, que acredite que os gastos que se xustifican se aplicaron para os fins para os cales a subvención foi concedida; así como certificación bancaria a nome da entidade onde conste o seu número de conta.

2. A xustificación final da subvención realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións para as cales foi concedida, presentando a seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou lexitimadas da totalidade ou da parte que corresponda en caso de pagamento parcial, dos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención, acompañados dunha relación ordenada deles, facendo constar o acredor e o documento, data de expedición e, de ser o caso, data de pagamento, concepto, importe e sinatura.

b) Declaración das actividades realizadas e financiadas con esta subvención, con indicación do custo repercutido para a entidade.

c) Certificación expedida polo secretario ou representante da asociación na cal se faga constar que os gastos que se xustifican se aplicaron para os fins para os cales a subvención foi concedida.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, públicas ou privadas, seguindo o modelo que se publica como anexo III.

e) Certificación bancaria a nome da entidade onde conste o seu número de conta (no caso de non tela achegado en aplicación do punto 1).

3. Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade da subvención concedida, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectada por ela.

4. Establécese como data límite para presentar os xustificantes o 15 de decembro de 2009.

5. Así mesmo, as entidades subvencionadas deberán presentar, con anterioridade ao día 31 de xaneiro do exercicio seguinte, unha memoria dos programas de prevención realizados e financiados con esta subvención ao longo do ano 2009.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Así mesmo, deberanlle comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

c) As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

Así mesmo, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a coordinarse co responsable da área de saúde mental ou da unidade de saúde mental correspondente para o mellor desenvolvemento dos programas de prevención subvencionados.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

No caso de se producir algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, de ser o caso, da subvención percibida e do xuro de demora correspondente.

Artigo 13º.-Réxime sancionador.

En canto ao réxime sancionador, será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Segunda.-A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2009.

María del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "18300D003P005.PDF"

Ver referencia pdf "18300D004P013.PDF"