DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 15 de setembro de 2009 Páx. 14.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 31 de agosto de 2009 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3º e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal familiar e laboral, e no artigo 3º i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no CAL se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar no título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1º, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e das nenas, como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. A construción dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto articulado e de calidade, en cooperación cos concellos, é peza fundamental para o logro deste obxectivo.

Neste contexto a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mediante o convenio de colaboración asinado entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e diversos concellos o 3 de xullo de 2006 (DOG do 7 de xullo), supón un importante cambio no sistema de xestión e financiamento deste tipo de servizos; xa que unha das finalidades deste ente é a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención na xestión integral das escolas infantís 0-3, e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos. Polo tanto, aqueles concellos que participan como membros de pleno dereito do consorcio, e no que atinxe ao réxime de mantemento e mellora, observarán o pactado no marco do ente interadministrativo, quedando o réxime transitorio de financiamento establecido nesta orde para os concellos que non integran o consorcio ou que pertencendo ao consorcio non iniciasen o proceso de

transferencia de xestión dos centros ao consorcio.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 48.02.312G.460.2, recollida na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e o importe destinado a elas ascenderá a 2.523.844,00 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular as bases que rexerán o procedemento de concesión de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais de Galicia.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais galegas que, ademais dos requisitos xerais e específicos establecidos nesta orde, reúnan as seguintes condicións:

a) Que teñan en funcionamento ou ben unha/s escola/s infantil/ís 0-3 ou ben un/s punto/s de atención á infancia (PAI) da súa titularidade.

b) Que a corporación local non pertenza ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou, no caso de pertenza ao consorcio, que, tendo subscrita a súa adhesión, non iniciase o proceso de transferencia da xestión do/s centro/s da súa titularidade no momento de remate do prazo establecido para a presentación de solicitudes, circunstancia esta última que se acreditará mediante a correspondente certificación da xerencia do consorcio.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 3º.-Requisitos xerais.

Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada tipo de centro, deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Que o centro reúna os requisitos establecidos no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais (DOG do 31 de xullo), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar das/os nais/pais ou representantes legais dos usuarios, os centros prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada, logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Ter xustificado, nos prazos previstos, e en todo caso no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

Artigo 4º.-Tipo de axuda.

Nesta orde convócanse axudas para o mantemento dos centros que teñen como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5º.-Criterios de valoración e concesión.

O procedemento de concesión das axudas solicitadas ao abeiro desta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) Centros pertencentes a corporacións locais que en anos anteriores recibiron axudas ou subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.

A valoración satisfactoria a que se refire a alínea anterior acreditarase mediante o correspondente informe sobre a execución da actividade subvencionada emitido polo órgano administrativo competente en materia de autorización e inspección de centros de servizos sociais.

b) Segundo o tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

-Inferior a 3 anos: 1 punto.

-Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

-Superior a 5 anos: 3 puntos.

Artigo 6º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento polo menos cun 30 por 100 do orzamento total do centro.

Artigo 7º.-Límite das axudas.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

a) Datos do centro (anexo II).

b) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento do centro.

c) Certificación bancaria da conta corrente na cal se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida, agás no caso de corporacións locais beneficiarias das mesmas axudas no ano 2008 e que indiquen unha conta xa certificada.

d) Memoria do centro do curso escolar 2007/2008.

e) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas (anexo IV).

f) Normativa municipal de prezos do centro ou no seu defecto certificación sobre a tarifa de prezos.

g) No caso de escolas infantís 0-3, proxecto educativo adaptado á estrutura que figura como anexo VII desta orde (extensión máxima de 30 follas en formato DIN A4).

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

3. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a entidade solicitante indica que certa documentación exixida neste procedemento xa está en poder de calquera órgano da Administración actuante e desexa acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debera facer constar a data e o órgano ou a dependencia en que foi presentada ou, se é o caso, emitidas e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

4. As corporacións locais que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, no caso de resultar beneficiarias, deberán enviar a normativa municipal de prezos adaptada ao disposto no artigo 19º desta orde no prazo de catro meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, todas as corporacións locais beneficiarias das axudas deberán informar de todas as modificacións de prezos que se produzan durante o ano 2009.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Segundo o establecido no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, de ser o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

Artigo 10º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse na Consellería de Traballo e Benestar, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto, no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

c) Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiraos á comisión de valoración.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

Vogais: tres funcionarios/as designados pola conselleira de Traballo e Benestar por proposta da/o secretaria/o xeral de Familia e Benestar, actuando un deles como secretario/a.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha/un representante da intervención competente.

3. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios e contías establecidos nos artigos 5º, 17º e 21º desta orde, a comisión de valoración emitirá informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar elevará o informe xunto coas propostas de resolución ao órgano competente para a súa resolución, propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas ás aducidas pola entidade interesada, formularase unha proposta de resolución provisional que se lle notificará á entidade interesada para que no prazo de 10 días presente as alegacións que crea pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Prescindirase deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta feitos nin outras alegacións que as aducidas pola entidade interesada, tendo, neste caso, a proposta de resolución carácter de definitiva.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle a Conselleira de Traballo e Benestar, no prazo máximo de seis meses contados a partir da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do establecido no artigo 44 de dita lei.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. Notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 10 de decembro de 2009 e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas (anexo IV), tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a seguir:

a) Para aquelas que non superen o importe de 18.000 € poderá anticiparse ata un 80 por 100 da contía outorgada, librándose o 20 por 100 restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na cal se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

b) Para aquelas que superen os 18.000 €, ademais da cantidade indicada no punto anterior, poderá anticiparse un 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €, a cantidade restante librarase unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

A corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III, no caso de centros con xestión indirecta xuntarase, así mesmo, unha conta de resultados cuberta pola empresa segundo o modelo anexo III bis.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 14º.-Reintegro.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora xerados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido no artigo 87 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As corporacións locais beneficiarias das axudas están obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

1. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar respecto dos centros subvencionados.

2. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actividade obxecto de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

5. Informar a Secretaría Xeral de Familia e Benestar sobre a obtención doutras axudas ou sobre a modificación das circunstancias que incidan na concesión da subvención.

Capítulo II

Sección primeira

Parte específica de axudas a escolas infantís 0-3

Artigo 16º.-Requisitos específicos.

1. Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

2. A adaptación do proxecto educativo á estrutura establecida no anexo VII desta orde.

Artigo 17º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do tipo de xestión, do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación ou non do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Ver referencia pdf "18100D002P026.PDF"

Para estes efectos enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), incluídos os alimentos. En todo caso este servizo incluirá o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos pais/nais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/das nenos/as.

2. Para aqueles centros en que, logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. A contía que se subvencionará non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2009 segundo os datos económicos consignados no anexo II (datos do centro).

4. A contía total da axuda terá como límite máximo o 50 por cento do orzamento do centro.

5. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

Artigo 18º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para os efectos desta orde e para os efectos de cálculo da renda per cápita mensual teranse en conta os ingresos correspondentes ao ano 2007.

4. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental aquela formada pola nai ou polo pai solteira/o, segundo corresponda, que non convivan, e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez.

Artigo 19º.-Prezos.

1. Sen prexuízo da autonomía municipal, as corporacións locais que sexan beneficiarias destas axudas deben asumir a obriga de establecer como prezos máximos para aboar polos/as usuarios/as das escolas infantís 0-3 as contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Os prezos sinalados nos puntos anteriores refírense aos servizos básicos prestados pola escola infantil 0-3 ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos a asistencia ao centro, o comedor e o transporte.

3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola corporación local titular do centro, e en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.

Artigo 20º.-Obrigas específicas para as escolas infantís 0-3.

1. En relación coas solicitudes de novo ingreso na escola infantil 0-3:

A) Adaptar os modelos de solicitude de praza que conterán, como mínimo, a información do modelo que figura como anexo V desta orde. A/o solicitante de praza deberá achegar xunto coa solicitude a documentación que corresponda en cada caso.

B) Puntuar as solicitudes de novo ingreso de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

C) Enviar aos departamentos territoriais competentes en materia de familia e benestar a relación de solicitantes que figuran en lista de espera para o curso 2009/2010 e que, pola súa vez, opten por unha praza do Programa cheque infantil. Esta relación deberá indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos do/a neno/a.

b) Nome e apelidos do/a solicitante.

c) Idade do/a neno/a.

d) Puntuación que corresponde en aplicación do baremo a que se fai referencia nesta epígrafe.

e) Renda per cápita da unidade familiar.

Xunto a esta relación enviarase copia das solicitudes en lista de espera e a documentación que se tiver en conta para puntualas.

2. Cumprimento do proxecto educativo establecido segundo a estrutura que figura no anexo VII desta orde.

3. Adxudicar praza na escola infantil 0-3, con carácter urxente, aos/ás fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. As corporacións locais que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultar beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 19º, no prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Sección segunda

Parte específica de axudas a puntos de atención á infancia (PAI)

Artigo 21º.-Módulo de referencia para o cálculo da axuda.

1. O módulo de referencia para o cálculo da axuda para mantemento será de 14.000 euros anuais por centro.

2. Naqueles centros en que, logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar, non se preste servizo os doce meses do ano, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. A contía que se subvencionará non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2009 segundo os datos económicos consignados no anexo II (datos do centro).

4. A contía total da axuda terá como límite máximo o 70 por cento do orzamento do centro.

5. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico 2009.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título noveno da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Consellería de Traballo e Benestar, así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO VII

Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro.

-Titularidade e financiamento.

-Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

-Situación xeográfica.

-Descrición breve das instalacións.

-Servizos que ofrece.

-Proxección social do centro na zona.

-Relación coas familias.

-Descrición breve dos recursos e materiais.

-Horario do centro.

a.2) Características do alumnado.

-Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

-Características das familias.

-Tipo de relacións entre o alumnado.

-Nenos e nenas con necesidades educativas especiais: como se integran, apoios cos que se conta.

-Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro.

-Numero e funcións.

-Formación.

-Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

-Distribución das tarefas.

-Mecanismos de información entre o persoal.

-Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno.

-Localización.

-Características socioculturais e económicas

-Lingua empregada.

-Servizos que nos ofrecen para os nenos e as nenas.

-Relacións que mantén a escola cos recursos do contorno.

-Relación con outros centros.

-Como se traballa cos nenos e nenas o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola.

-Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

-Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

-Liña metodolóxica.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro a nivel:

-Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

-Administrativo.

-Organizativo.

-Institucional.

-Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos.

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Asignación de educadores aos grupos.

-Número de educadores por grupo.

-A dimensión do grupo.

-A composición do grupo.

-A titoría na escola infantil.

-A utilización dos espazos escolares.

-O equipamento e os recursos didácticos.

Ver referencia pdf "18100D002P026.PDF"

Ver referencia pdf "18100D003P043.PDF"