DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 11 de setembro de 2009 Páx. 14.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2009 pola que se convocan as Xornadas sobre o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

De man da Lei 10/2007, permitiuse, por primeira vez na nosa comunidade, que as consecuencias que a Lei 2/2006 de dereito civil de Galicia atribúe ao matrimonio fosen aplicables igualmente a aquelas parellas que, sen ser matrimonio, se inscribisen no Rexistro Autonómico de Parellas de Feito que se crearía para o efecto. Logo dun ano da vixencia do devandito rexistro regulado polo Decreto 248/2007, faise preciso estudar a repercusión que este ten no noso territorio, así como crear un foro de intercambio de opinións sobre a transcendencia desta regulación e as consecuencias que está a producir, así como a interrelación e coexistencia con outros rexistros de parellas.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A creación do rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

-Funcionamento do Rexistro: lugar e forma de presentación das solicitudes e procedemento de actuación do rexistro.

-Organización do Rexistro de Parellas: encargados do rexistro e coordinación.

-Relacións con rexistros municipais e outros rexistros autonómicos.

-Réxime fiscal e sucesorio aplicable ás parellas de feito.

-Incidencias no eido notarial; a regulación dos pactos, a súa modificación e outras cuestións.

3. Destinatarios.

Persoal da Xunta de Galicia, funcionarios da Administración local, avogados, estudantes de Dereito e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 24 e 25 de setembro de 2009.

Duración: 12 horas lectivas.

Horario:

-Día 24 de setembro, das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.15 ás 19.30 horas.

-Día 25 de setembro, das 9.00 ás 14.00 horas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es.

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o martes 22 de setembro de 2009.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "17900D008P018.PDF"