DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 11 de setembro de 2009 Páx. 14.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 4 de setembro de 2009 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación do persoal especialista en temas de investigación mariña, correspondentes ao Programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a dita lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica -Incite (2006-2010)

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o Programa de recursos humanos (RHS) que ten entre outros obxectivos o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+I, tanto en número como en especialización nas áreas de maior interese, e, dentro dos programas sectoriais, o Programa de medio mariño (MMA) persegue a utilización óptima dos recursos mariños renovables, incluíndo as bases técnicas da xestión, e a ordenación e o estudo dos procesos biolóxicos e ambientais con repercusión sobre os recursos, que exixen cada vez máis forte presenza de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

O Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúelle a esta as competencias en investigación mariña, que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, e de acordo coa política pesqueira galega e mais as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, dúas bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña coa finalidade de dar resposta á demanda de formación de investigadores neste campo, e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerá a respectiva convocatoria que se inclúe como anexo I desta orde.

Artigo 2º

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se é a resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 4º

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora percibidos desde o momento do seu pagamento, ata a data que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas ditadas ao abeiro desta orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 50.04.561A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2009 (5.716 €), 2010 (32.344 €) e 2011 (26.660 €). Estas cantidades poderán ser reaxustadas en función da data de inicio das bolsas.

Artigo 8º

De conformidade co disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión destas axudas é obxecto de delegación por parte da conselleira do Mar na directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Consellería do Mar a facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas. A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresarse, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2009.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar

ANEXO I

Bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña

O obxecto desta convocatoria de axudas é a concesión de dúas (2) bolsas destinadas a titulados superiores universitarios que desexen realizar unha tese de doutoramento nalgún dos temas que se detallan no anexo II desta orde.

Primeira.-Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter aprobadas todas as disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado exixidas para cada tema dos relacionados no anexo II.

c) Non estar incapacitado fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario destas bolsas ou doutras homologadas a elas en anteriores convocatorias, durante un período dun ano ou superior.

e) Ter rematados os estudos correspondentes con posterioridade a decembro de 2003

Segunda.-Dotación das bolsas.

1. O importe das bolsas incluirá unha asignación mensual de 1.145 € brutos, ben que poderá incrementarse, co fin de acadar a homologación con bolsas estatais, no caso de existir crédito adecuado e suficiente e, de conformidade co establecido no Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, os beneficiarios destas bolsas quedarán asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Na dotación da bolsa será deducida a cota da Seguridade Social que o bolseiro está obrigado a cotizar.

De acordo co disposto no artigo 1 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orden social, as bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. O pagamento das bolsas aos beneficiarios realizarase mensualmente e en función do número de días que o bolseiro estea de alta, considerando en todos os casos meses de 30 días.

A cantidade que se lles aboe aos bolseiros en ningún caso terá carácter de salario ou retribución, senón de axuda económica.

3. A contía da bolsa poderá ser incrementada, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ata un máximo de 4.000 euros, para actividades de formación dentro do programa da bolsa, logo da solicitude do bolseiro e do informe favorable da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e sempre que o titor considere necesaria a súa asistencia.

Terceira.-Duración das bolsas.

a) A duración destas bolsas será de vinte e catro (24) meses, contados a partir da data de incorporación indicada na resolución de concesión e, durante esta, o persoal investigador en formación deberá alcanzar a suficiencia investigadora por medio da obtención do DEA ou documento administrativo que o substitúa de acordo coa nova estrutura de ensinanza adaptada ao Espazo de Educación Superior.

b) Rematado o período de bolsa, seralles de aplicación o disposto no artigo 8 do Real decreto 63/2006. Non obstante, naqueles supostos en que o bolseiro obtivera o DEA con anterioridade á finalización dos dous primeiros anos de bolsa, non accederá á contratación laboral ou fase de contrato ata que complete o período de vinte e catro meses de bolsa.

O período que transcorra desde a finalización do período de bolsa ata a formalización do contrato non terá caracter recuperable, para os efectos da duración da axuda. Durante este período, o beneficiario non percibirá ningunha das dotacións da axuda.

Cuarta.-Centro de realización.

As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (Cima) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón (Vilanova de Arousa) e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, do xeito que se indica no anexo II.

Quinta.-Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se publica como anexo III a esta orde, están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e na internet no enderezo http://conselleriamar.xunta.es.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Único do edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou documento equivalente no caso de ser estranxeiro.

b) Certificación académica en que conste a data en que se remataron os estudos e constancia expresa de que as materias constitúen o programa completo da titulación correspondente, as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención, o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudos validados deberá presentarse, así mesmo, certificación académica de idénticas características para os estudos de orixe.

Os que acceden ao 2º ciclo dunha licenciatura a través do curso de adaptación correspondente, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para os efectos de determinar a media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ao curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou aos estudos de 1º ciclo realizados.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese e o título desta.

c) Curriculum vitae do solicitante.

d) Os aspirantes deberan acompañar os documentos acreditativos dos méritos alegados no seu curriculum vitae.

e) As seguintes declaracións xuradas do solicitante, recollidas nos anexos IV e V:

-Declaración xurada do solicitante en que conste que cumpre o requisito establecido no punto d da base primeira.

-Declaración do solicitante de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou polos seus organismos ou sociedades.

-Declaración responsable do solicitante de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario e que se sinalan no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 121, do 25 de xuño).

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Por parte dos servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, de ser o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Mar e en internet no enderezo http://conselleriamar.xunta.es.

Esta lista estará exposta durante dez días, os interesados poderán, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

Sétima.-Selección dos candidatos.

1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

-Presidente: o director do Centro de Investigacións Mariñas (Cima).

-Secretaria: a xefa do Servizo de Xestión e Coordinación da Investigación Mariña.

-Vogais: o subdirector de Ensino e Investigación Mariña e dous investigadores do Cima: un da área de acuicultura e outro da área de procesos oceanográficos costeiros.

No caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro nomear un suplente.

Esta comisión de selección será, ademais, o órgano avaliador da actividade científica a que fai referencia o artigo 8.2º do Real decreto 63/2006.

2. Criterios de selección.

A selección dos bolseiros farase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Expediente académico de 1º e 2º ciclo (media licenciatura): máximo 4 puntos.

As cualificacións de 1º e 2º ciclo (estudos de licenciatura), valoraranse de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaínte: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso/non presentado: 0 puntos.

A puntuación correspondente a cada expediente académico obterase a partir da seguinte fórmula:

Nº de puntos/nº materias+nº convocatorias ou número de créditos/número de créditos por convocatoria.

b) Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1) A proximidade temporal á obtención do título de licenciado (ano 2008: 1 punto, ano 2007: 0,75 puntos, ano 2006: 0,50 puntos, ano 2005: 0,25 puntos...).

b.2) Outras valoracións: máximo 1 punto.

b.2.1. Cursos ou formación máis interesante desde o punto de vista das áreas das teses: máximo 0,70 puntos.

b.2.2. Curso de perfeccionamento de galego: 0,10 puntos.

b.2.3. Idiomas: máximo 0,20 puntos.

Os solicitantes ordenaranse por orde decrecente da puntuación obtida en función do tipo de bolsa e as bolsas adxudicaranse comezando polo candidato de maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes para cada bolsa por orde decrecente de puntuación, en que figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarios desta.

Os solicitantes que figuren na lista de suplentes só poderán acadar bolsa de producirse renuncias de bolseiros antes do 1 de decembro de 2009.

Oitava.-Resolución do concurso.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que ditará no prazo máximo de quince días a partir da data de elevación daquela, a resolución estimatoria ou desestimatoria de concesión de axudas.

A resolución de concesión de bolsas será notificada individualmente aos seus beneficiarios. Así mesmo, esta resolución exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na páxina web http://conselleriamar.xunta.es.

Novena.-Condicións de aproveitamento.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o aproveitamento doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co aproveitamento daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Durante o período de bolsa, o persoal investigador en formación terá dereito á súa interrupción temporal, unicamente nos supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade de acordo coa normativa aplicable. Durante todo o tempo de permanencia na dita situación, complementarase a prestación económica da Seguridade Social ata alcanzar o 100% da contía mensual da bolsa. As interrupcións non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Décima.-Aceptación da bolsa e pagamento.

1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases. Antes de iniciar os pagamentos, o bolseiro deberá presentar unha declaración xurada en que conste que non realiza traballo remunerado nin é beneficiario doutro tipo de bolsa.

2. As bolsas aboaranse mensualmente. O pagamento do último mes farase despois de que o bolseiro presente:

a) O informe final que resuma a totalidade do traballo realizado co visto e prace do director do traballo que inclúa, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figurar o visto e prace do director do proxecto.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décimo primeira.-Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, deben axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, tanto no relativo ao horario e ás vacacións, como no acceso a prestacións, servizos e representación. E terán as mesmas condicións que o centro lle aplica ao seu persoal de similar categoría.

Antes de finalizar cada semestre do período de aproveitamento da bolsa, deberán remitir á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro un informe do traballo realizado ata o momento.

Os bolseiros deberán asumir as obrigas que lles correspondan por razón da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social e as restantes obrigas establecidas no artigo 6 do Real decreto 63/2006, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación.

Os bolseiros deberán por á disposición da Consellería do Mar, a través do seu titor, os datos e información científica que puidesen obter no desenvolvemento da súa formación e na elaboración da súa tese de doutoramento.

Así mesmo, deberán pór en coñecemento da Consellería do Mar, con caracter inmediato á obtención de calquera resultado susceptible de protección, conforme a normativa de propiedade industrial. Ademais están obrigados a facer constar a súa condición de bolseiro en calquera publicación que sexa consecuencia directa destas.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte o establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo segunda.-Dereitos dos bolseiros.

Os bolseiros/as teñen os seguintes dereitos:

a) Percibir a axuda económica correspondente na forma prevista na base décima.

b) Obter do Cima a colaboración e apoio necesario para o desenvolvemento normal dos seus estudos e proxecto de investigación, de acordo coas dispoñibilidades deste.

c) Cobertura do réxime xeral da seguridade social nos termos establecidos na disposición adicional primeira do Real decreto 63/2006, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación.

d) Os dereitos de propiedade intelectual derivados da súa propia actividade formativa na investigación, e de acordo coa súa contribución, conforme o establecido no texto refundido da Lei de propiedade intelectual aprobada polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

e) A que se lles designe un titor/a.

Ver referencia pdf "17900D007P011.PDF"

Ver referencia pdf "17900D008P018.PDF"