DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 10 de setembro de 2009 Páx. 14.630

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2009, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regulan as auditorías das federacións deportivas de Galicia.

A Lei xeral do deporte de Galicia, Lei 11/1997, do 22 de agosto, establece no parágrafo segundo do seu artigo 19 que as asociacións deportivas de Galicia están acollidas ao réxime de orzamento e patrimonio propios e deben someter anualmente a súa contabilidade e mais o seu estado económico a unha auditoría ou verificación contable, nos casos en que así o dispoña a Administración autonómica.

Con base nesta previsión normativa, a administración deportiva galega establece, con esta resolución, a regulación apropiada que asente as bases para as verificacións contables das federacións deportivas galegas.

Toda vez que as federacións exercen, ademais das atribucións que lle son propias, determinadas funcións vía delegación de carácter administrativo, actuando neste caso como axentes colaboradores da Comunidade Autónoma galega (artigo 28.3º da Lei 11/1997), e asemade, toda vez que son perceptoras e beneficiarias dunha destacada activade subvencionadora da Administración deportiva galega, con base na previsión legal inicialmente apuntada, faise imprescindible acometer a publicación desta resolución pola que garanta a consecución dun axeitado control do gasto federativo, así como tamén a axeitada marcha e funcionamento da entidade de acordo cos principios contables aceptados.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da resolución.

As federacións deportivas galegas presentarán ante a Administración deportiva autonómica, nos termos e co detalle que se establecen nesta resolución, as súas contas anuais auditadas correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior ao da presentación.

Artigo 2º.-Contido da auditoría.

2.1. A auditoría efectuarase conforme a Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, e a normativa que a desenvolva ou substitúa.

2.2. Xunto á análise e informe das contas anuais, deberá emitir unha carta de recomendacións o auditor onde se establezan as medidas que se consideren necesarias para corrixir ou paliar as deficiencias que, se é o caso, se atopen.

Artigo 3º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación das contas anuais auditadas nos termos establecidos nesta orde rematará o 30 de xullo de cada ano.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte