DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 03 de setembro de 2009 Páx. 14.310

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 27 de agosto de 2009 pola que se desenvolve o número 5º do artigo 2 do Decreto 284/1994, que regula a concesión de avais polo Instituto Galego de Promoción Económica.

Como consecuencia da actual situación de crise financeira global, as empresas galegas están atopando dificultades na obtención de financiamento operativo.

O Decreto 302/1999, do 17 novembro, polo que se modifica o Decreto 284/1994, de regulamento de avais do Igape, permítelle a este, renunciando ao beneficio de excusión, reavalar, ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia, o risco que estas asuman como primeiras avalistas por aquelas operacións acollidas aos programas de fomento empresarial que para tal efecto se aproben, e habilita o conselleiro de Economía para regular mediante orde os requisitos e procedementos de concesión dos ditos avais, a porcentaxe máxima de risco avalado e o sistema de recuperación de fallidos.

Adicionalmente, o dito decreto faculta a Consellería de Economía e Facenda, actualmente denominada Consellería de Economía e Industria, para habilitar o Igape, mediante orde, para que concerte coas sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia os convenios de colaboración oportunos para implementar este sistema.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.1. O Igape, de conformidade co establecido no número 5 do artigo 2 do Decreto 284/1994, segundo a redacción dada polo Decreto 302/1999, do 17 de novembro, poderá reavalar, con renuncia ao beneficio de excusión e ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (SGR), o 25% do risco dos créditos ou préstamos de que sexan primeiras avalistas en operacións formalizadas polas pequenas e medianas empresas que se acollan ás liñas de financiamento apoiadas polo Igape previstas para tal efecto. As bases reguladoras das axudas do Igape determinarán as condicións e o réxime de tales reavais, que respectarán o contido desta orde.

1.2. En ningún caso, o reaval do Igape sumado a outras achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración poderá superar en cada operación o 75% do risco asumido pola SGR.

1.3. O prazo de vixencia do reaval do Igape non superará os límites establecidos no Decreto 284/1994 que os regula.

1.4. O Igape publicará unhas bases reguladoras da concesión dos seus reavais, respectando o contido nesta orde. As relacións entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras prestamistas derivadas da aplicación desta orde instrumentarase mediante a sinatura do correspondente convenio de colaboración.

1.5. O Igape poderá conceder operacións de reaval ata o esgotamento do límite de risco previsto no artigo 5.1.

Artigo 2º.-Requisitos e procedemento de concesión.

2.1. Poderán presentar a súa solicitude pequenas e medianas empresas domiciliadas en Galicia que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 284/1994, de avais do Igape, e que xa teñan previamente aprobada unha operación a reavalar por unha entidade financeira colaboradora. Esta operación que se vai reavalar non poderá ser utilizada para substituír créditos bancarios preexistentes na mesma entidade financeira.

2.2. Unha vez presentada no Igape, a solicitude será remitida á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco. A SGR formulará a súa posición ao Igape no prazo dos 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo, o Igape entenderá que a operación foi denegada.

2.3. Unha vez que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados nela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2.4. As resolucións serán notificadas aos solicitantes e comunicadas ás entidades financeiras e ás SGR.

2.5. Na resolución de concesión do reaval farase constar o importe do préstamo ou crédito, o seu prazo de vixencia e carencia e o importe de axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

2.6. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar o Igape e a entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

2.7. No caso de non formalizarse a operación reavalada no prazo de dous meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape, ditarase resolución que dea o solicitante por renunciado e ordene o arquivo do expediente. Para o cómputo destes prazos observarase a información de seguimento remitida polas entidades financeiras.

2.8. Mentres o Igape non lles notifique o contrario ás sociedades de garantía recíproca colaboradoras, poderán formalizarse operacións anticipadamente á resolución de concesión do Igape, co límite global de operacións formalizadas pendentes de resolución para cada sociedade de garantía recíproca que o Igape estableza. Nestes casos, se as condicións formalizadas na operación non coinciden cos termos da resolución do Igape, deberá procederse á oportuna adaptación mediante anexo á póliza e modificaranse as condicións para quedar axustadas á resolución. En tanto non se reciba a resolución do Igape, a SGR poderá requirir a retención do 25,5% do préstamo ou crédito en depósito peñorado ao seu favor, para que no suposto de denegación por parte do Igape poida ser utilizado para o cobramento dun 3% en concepto de comisións de aval e co 22,5% restante poida constituír unha garantía líquida en substitución do reaval do Igape inicialmente previsto.

Artigo 3º.-Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape.

3.1. En caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo reavalado polo Igape e tras un período de 180 días nos que tanto a entidade financeira como a sociedade de garantía recíproca efectuarán as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade financeira prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os intereses de demora devengados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos do tipo que establezan as bases reguladoras.

3.2. A SGR non aboará os xuros de demora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade financeira.

3.3. Unha vez que a operación resultase fallida, a SGR deberá comunicarlle ao Igape tal circunstancia nos trinta días naturais seguintes. O Igape recoñecerá cada mes as obrigas de pagamento correspondentes aos fallidos comunicados no mes anterior e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo os seus propios orzamentos.

3.4. As entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca adquiren o compromiso de que a execución que se realice fronte aos bens e dereitos do prestameiro (coa excepción do aval da SGR) sexa conxunta, asumindo os gastos do proceso en proporción ao risco tomado e distribuíndo conxuntamente co Igape, na mesma proporción, o produto das recuperacións obtidas do debedor.

3.5. O Igape participará no recobramento da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados. Este importe deberá ser ingresado no Igape ao final de cada ano, na conta que este designe. Se a SGR se adxudica en pagamento de débedas, bens ou dereitos coa intención de vendelos a un terceiro, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais, as SGR reembolsaranlle ao Igape a parte dos importes obtidos na transmisión dos citados bens a un terceiro que lle corresponda proporcionalmente ao reaval do 25% do principal, ao final de cada ano e na conta que o instituto sinale.

Artigo 4º.-Información periódica. Custodia da documentación.

4.1. As SGR remitiranlle mensualmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro desta orde e detallarán cando menos, para cada un deles, os seguintes datos: empresa beneficiaria, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado fallido.

4.2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval e a que reflicte as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas, durante un período de cinco anos desde a súa extinción.

Artigo 5º.-Dotación orzamentaria. Provisións e fondo de garantía.

5.1. Dentro do límite de risco establecido no parágrafo segundo do número un do artigo 36 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, o Igape poderá reavalar as operacións a que se refire esta orde no exercicio 2009 ata un importe que non excederá os 50 millóns de euros de saldo efectivo vixente. En exercicios futuros, o límite de reavais será fixado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, dentro dos límites que establezan as leis de orzamentos.

5.2. No caso de que segundo a normativa contable aplicable fose precisa a dotación de provisións, o Igape participará nun 25% da dotación correspondente ao principal reavalado, minorando a dotación que debe efectuar a SGR.

5.3. O Igape, con cargo aos seus orzamentos, dotará tamén un fondo de garantía por un importe líquido non inferior ao 6% do risco reavalado vixente no 31 de decembro de 2009. En exercicios sucesivos, o fondo de garantía incrementarase en función da previsión de fallidos. En calquera caso, por parte do Igape, garántese a total cobertura polo risco comprometido.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria