DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 02 de setembro de 2009 Páx. 14.285

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Mediante Resolución do 4 de novembro de 2008 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (DOG nº 215, do 5 de novembro de 2008).

As ditas bases foron modificadas mediante Resolución do 23 de xaneiro de 2009 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro), ampliada a súa dotación orzamentaria mediante Resolución do 5 de febreiro de 2009 (DOG nº 29, do 11 de febreiro), modificadas mediante Resolución do 20 de marzo de 2009 (DOG nº 61, do 30 de marzo) e tamén modificadas mediante Resolución do 16 de xuño de 2009 (DOG nº 123, do 25 de xuño).

Considerando:

-Que a práctica habitual de compartir riscos por parte das entidades financeiras e as SGR en determinadas operacións aconsella adecuar o tipo adicional máximo establecido para o tipo de xuro segundo a porcentaxe do aval da SGR.

-Que dentro do marco dunha mellora continua e observación permanente das actividades máis sensibles aos cambios no escenario financeiro, enténdese necesaria a incorporación das actividades ligadas ás axencias de viaxes, así como adaptar a relación ao CNAE 2009 e regular algúns aspectos operativos para unha maior axilidade na xestión.

Por todo o anterior, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a modificación das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas, feitas públicas mediante Resolución do 4 de novembro de 2008 (DOG nº 215, do 5 de novembro), no seguinte sentido:

1. Modificar a redacción do artigo 6.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«6.1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte modo:

a) Tipo de referencia: será euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse por períodos semestrais.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder os seguintes puntos:

-1,50 puntos cando a operación estea avalada ao 100% por unha SGR.

-1,75 puntos cando a operación estea avalada por un importe inferior ao 100% e superior ao 50%.

-2 puntos cando a operación estea avalada por importe inferior ou igual ao 50%.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes».

2. Modificar a redacción do artigo 7.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«7.1. A aquelas operacións consideradas subvencionables polo Igape, concederánselles os seguintes beneficios:

-Subsidiación ao tipo de tipo adicional pactado de acordo co artigo 6.1º b).

-Subvención do 100% da comisión do aval financeiro prestado pola SGR.

-Subvención do 50% da comisión de estudo da SGR e apertura da entidade financeira».

3. Modificar a redacción do artigo 9.9, que queda redactado do seguinte xeito:

«9.9. Traslado de solicitudes ás entidades financeiras e ás SGR.

O Igape remitirá o cuestionario da solicitude á entidade financeira e, de ser o caso, á sociedade de garantía recíproca designadas polo solicitante. Así mesmo, con esta mesma data, o Igape comunicará ao solicitante a dita circunstancia e informaralle da documentación que deberá presentar na entidade financeira para a súa análise. No caso das operacións solicitadas con aval dunha SGR, a entidade financeira deberá remitir a dita documentación á SGR indicada na solicitude.

As operacións subsidiadas poderán formalizarse, desde a data de remisión do Igape á entidade financeira do expediente, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda».

4. Modificar a redacción do artigo 14.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«14.1. Os beneficiarios destas axudas deberán solicitar o cobramento da subvención concedida nas prazos seguintes:

-No caso de pólizas de préstamo, no prazo de dous meses desde a data da súa formalización ou da notificación da resolución de concesión, no caso de que esta fose posterior.

-No caso de pólizas de crédito, no prazo de dous meses computados desde o vencemento do primeiro ano de vixencia».

Segundo.-Modificar a relación de actividades do anexo I a que se fai referencia no artigo 3.1 das bases reguladoras destas axudas, que se substitúe pola relación que se xunta a esta resolución.

Terceiro.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2009.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Ver referencia pdf "17200D008P037.PDF"