DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 02 de setembro de 2009 Páx. 14.282

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

A actividade administrativa da Consellería de Traballo e Benestar comporta unha concentración de funcións ao redor do seu titular que aconsella recorrer á delegación de competencias nos distintos órganos superiores do departamento, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Unha vez publicado o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, cómpre a través desta disposición establecer a relación de atribucións delegadas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 119/1982, do 5 de outubro, polo que se regulan as funcións das secretarías xerais técnicas nas consellerías da Xunta de Galicia; o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar; o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegación de competencias no/a secretario/a xeral.

Deléganse no/a secretario/a xeral as competencias que se relacionan a seguir:

a) As facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar como titular do departamento en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela ou que se deleguen expresamente noutros órganos.

b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e de todo o persoal destinado nos servizos centrais, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento.

c) A autorización dos permisos e licenzas dos xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e de todo o persoal destinado nos servizos centrais.

d) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar pola lexislación vixente, agás as que se deleguen expresamente noutros órganos.

e) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos, agás os que se deleguen expresamente noutros órganos.

f) A tramitación e resolución daqueles expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o efectivo exercicio das funcións atribuídas aos departamentos territoriais.

g) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou doutro centro directivo.

h) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan á persoa titular do departamento, así como a facultade de suspender a execución dos actos impugnados, a resolución das reclamacións administrativas previas á vía xudicial e das reclamacións de responsabilidade patrimonial, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

i) A admisión a trámite e resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VIII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

j) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

k) O exercicio das facultades que a normativa de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería.

l) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

m) Resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación do/a conselleiro/a, agás os que se deleguen expresamente noutros órganos.

n) A imposición ou proposta de sancións que lle correspondan á persoa titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta.

ñ) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería.

Artigo 2º.-Delegación de competencias noutros órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar.

1. Deléganse no/a secretario/a xeral de Familia e Benestar e nos/as directores/as xerais da Consellería de Traballo e Benestar as competencias que se relacionan a seguir:

a) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente nos expedientes tramitados con cargo aos capítulos II e VI do orzamento de gastos, no ámbito do seu centro directivo, que teñan o carácter de contrato menor de acordo coa Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, así como autorizar, dispoñer, recoñecer obrigas e propoñer os pagamentos que corresponden aos citados expedientes.

b) A resolución dos recursos administrativos nas áreas das súas atribucións e que lle correspondan á persoa titular do departamento cando a delegación non estea prohibida expresamente.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

d) Resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias de que traen causa, ditadas por delegación do/a conselleiro/a.

2. Delégase, especificamente no director xeral de Relacións Laborais e en materia laboral, o coñecemento e resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas polos xefes dos departamentos territoriais no seu respectivo ámbito territorial.

Artigo 3º.-Delegación de competencias nos/as xefes/as territoriais dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Deléganse nos xefes territoriais dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no seu respectivo ámbito territorial e sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores:

a) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal destinado nos departamentos territoriais e os seus centros dependentes, así como a autorización para asistir a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do dito persoal.

b) Autorizar os permisos e licenzas do persoal que presta servizos no departamento territorial, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.

c) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos polo/a secretario/a xeral da consellería por delegación do conselleiro e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A competencia para efectuar as contratacións de persoal laboral de duración determinada que se realicen ao abeiro do disposto na lexislación vixente, as cales serán tramitadas e subscritas por eles, logo das autorizacións correspondentes.

e) Actuar como órgano de contratación nos contratos administrativos especiais.

f) Respecto dos créditos desconcentrados, actuar como órgano de contratación así como autorizar e dispoñer os gastos correspondentes aos ditos créditos, excepto os casos reservados á competencia do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas, solicitando da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

g) Resolver os recursos de reposición ditados contra as resolucións de concesión de subvencións ditadas por delegación do/a conselleiro/a así como, de ser o caso, os procedementos de reintegro delas.

h) A xestión das obrigas adquiridas mediante a sinatura de contratos de xestión de servizos públicos de carácter asistencial e as xeradas pola reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais, ocupacionais e residenciais, no ámbito do maior e de persoas con discapacidade.

i) A autorización administrativa para a realización de traballos especiais e a disposición de actuacións inspectoras en relación coa investigación de accidentes de traballo ou outras que así se determinen ou lle sexan delegadas.

j) A resolución das reclamacións e queixas pola actuación de todo o persoal ao servizo do departamento territorial e os seus centros dependentes.

k) A realización de todos os trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento.

Artigo 5º.-Réxime xurídico da delegación de competencias.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano que as conferiu.

2. En calquera momento, o/a conselleiro/a poderá avocar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da secretaría xeral, as competencias que asuma por delegación contidas nesta orde serán exercidas, mentres persistan aquelas circunstancias, polo vicesecretario xeral.

Respecto dos titulares dos outros órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos/a secretarios/as xerais e directores/as xerais da consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nos/as xefes/as territoriais serán desempeñadas polo/a xefe/a do Servizo de Coordinación Administrativa.

Disposición adicional

Primeira.-Axudas e subvencións públicas.

Será de aplicación o réxime da delegación previsto nas correspondentes ordes de aprobación de bases e convocatoria de axudas e subvencións nas áreas de traballo e benestar.

As delegacións de competencias establecidas nestas ordes a favor da secretaria xeral do Benestar, o director xeral de Xuventude e Solidariedade e os delegados provinciais das extintas Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Consellería de Traballo entenderanse asumidas pola secretaria xeral de Familia e Benestar, a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, o director xeral de Xuventude e Voluntariado e os/as xefes/as territoriais dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, respectivamente, agás os supostos de avocación da competencia.

Así mesmo, as delegacións de competencias establecidas a favor dos directores xerais da extinta Consellería de Traballo entenderanse asumidas polas mesmas direccións xerais agora dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta disposición, e concretamente:

a) Orde do 7 de setembro de 2006 sobre delegación de competencias nos órganos centrais e periféricos da Consellería de Traballo.

b) Orde do 16 de novembro de 2007 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) Orde do 4 de maio de 2009 sobre adscrición dos órganos suprimidos e atribución de competencias nos órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar