DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 02 de setembro de 2009 Páx. 14.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 14 de agosto de 2009 pola que se convocan axudas para o apoio ás cooperativas e outras entidades de economía social de carácter non lucrativo para o ano 2009.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, que ampliou a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

As axudas establecidas nesta orde para o apoio á creación e funcionamento de cooperativas de carácter non lucrativo intégranse dentro das actuacións que a Consellería de Traballo e Benestar leva a cabo para a consecución dos obxectivos previstos no Plan estratéxico para o desenvolvemento do cooperativismo e que, neste caso, incide singularmente no ámbito da potenciación de actividades de carácter social e de fomento do emprendemento cooperativo realizadas por estas entidades.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas, o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten como finalidade apoiar a creación e funcionamento de cooperativas de carácter non lucrativo, mediante a concesión de axudas económicas que contribúan á realización de actividades de carácter social e dinamizadoras das potencialidades de desenvolvemento cooperativo, durante o ano 2009.

Artigo 2º.-Financiamento e normativa reguladora.

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo á aplicación 48.03.324A 481.2, código do proxecto 2009 01043, dos vixentes orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, ata un límite de cento tres mil euros (103.000 €).

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas neste programa as sociedades cooperativas de carácter non lucrativo, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

2. Excepcionalmente e unicamente no caso previsto na disposición adicional segunda, poderán resultar beneficiarias outras entidades de economía social sen ánimo de lucro, agás as asociacións de cooperativas e as centrais sindicais.

Artigo 4º.-Modalidades e contía das axudas.

1. Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados con motivo de:

a) Organización e prestación de servizos sociais, ata un máximo de 20.000 euros.

b) Creación e mantemento de gabinetes especializados no apoio á creación de cooperativas e impulso de proxectos, formados por persoas con titulación académica oficial suficiente e especialmente cualificadas na área de asesoramento na xestión e dirección empresarial cooperativa, ata un máximo de 20.000 euros.

Para estes efectos, considerarase que contan coa titulación académica oficial suficiente as persoas que posúan calquera das seguintes titulacións:

-Licenciatura ou grao en:

Economía.

Administración e dirección de empresas.

Dereito.

Ou titulacións ou graos mixtos que as inclúan.

-Diplomatura en:

Ciencias empresariais.

Relacións laborais.

-Masters en xestión e dirección empresarial cooperativa.

c) Constitución de grupos promotores de iniciativas cooperativas, ata un máximo de 100 euros por persoa incorporada, que poderán incrementarse ata 200 euros máis por cada un deles que adquira a condición de socio/a traballador/a ou de traballo. A contía máxima subvencionable nesta modalidade non poderá exceder de 20.000 euros.

d) Elaboración de materiais divulgativos como soporte e ferramenta das actuacións de difusión e materiais didácticos de apoio a programas formativos e de capacitación, especificamente dirixidos ao emprendemento cooperativo, tales como:

-Publicacións, vídeos e outros materiais audiovisuais con enfoque accesible e didáctico, referido á difusión das posibilidades, utilidades, experiencias e obxectivos do cooperativismo.

-Guías de actividade empresarial para emprendedores en réxime cooperativo e outros produtos de capacitación.

O seu contido deberá supoñer unha innovación respecto á oferta existente na actualidade. A contía máxima subvencionable nesta modalidade non poderá exceder dos 20.000 euros.

2. A contía das subvencións non poderá superar o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan da contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

O límite máximo de subvención a unha entidade por todas as modalidades será de 30.000 €, reducíndose proporcionalmente os límites de subvención por modalidades no caso de que unha entidade resulte beneficiaria en máis dunha delas.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Laborais, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes e os anexos deste programa de axudas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar:

http://traballoebenestar.xunta.es

2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa que teña a representación legal.

-Certificación da entidade financeira acreditativa de que a persoa solicitante é titular da conta corrente que indica ( segundo o modelo do anexo III).

-Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, e/ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo II desta orde.

-Memoria descritiva das características e obxecto social da entidade, así como das actividades previstas para o ano 2009, asinada polo órgano competente.

-Proposta individualizada das actividades para as que se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes.

3. A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. O prazo de presentación de solicitudes remata aos corenta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, por ser o órgano instrutor, para que o servizo de Cooperativas e Economía Social comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase á entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Relacións Laborais, así como as certificacións indicadas no número 3 do artigo 5º.

Artigo 7º.-Avaliación das solicitudes.

1. A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que unha vez instruídos os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación que informará ao órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, quen resolverá poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, o/a subdirector/a xeral de Cooperativas e Economía Social, o/a xefe/a do Servizo de Cooperativas e Economía Social, que actuarán como vogais, e un/unha funcionario/a designado/a pola persoa titular da dirección xeral, que actuará como secretario/a. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o/a presidente/a, ou persoa en que delegue, un/unha vogal e o/a secretario/a. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo/a funcionario/a que para o efecto designe a persoa titular da dirección xeral.

3. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Para a concesión das axudas, teranse en conta os seguintes criterios de avaliación ordenados segundo a súa importancia:

1. Pola adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo, ata un máximo de 30 puntos.

2. Pola organización da prestación de servizos de natureza social baixo a fórmula cooperativa, acordes co obxecto das cooperativas de integración social nos termos previstos no artigo 125 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, ata un máximo de 28 puntos

3. Por tratarse de proxectos ou entidades que impulsen a incorporación de mulleres como socias de cooperativas, ata un máximo de 26 puntos.

4. Por actuacións que tendan ao aproveitamento integral dos recursos humanos e materiais, o impulso de proxectos empresariais, de promoción do emprego, de orientación de emprendedores/as e de actividades de asesoramento e formación relacionadas con elas, ata un máximo de 24 puntos.

5. Por proxectos innovadores ou que pola súa singularidade dean novos enfoques e perspectivas ao cooperativismo ou á súa promoción, ata un máximo de 22 puntos.

6. Polo número de potenciais beneficiarios/as dos servizos prestados pola cooperativa, ata un máximo de 20 puntos

7. Polo establecemento de mecanismos de colaboración con outras sociedades cooperativas galegas e as súas asociacións, ata un máximo de 18 puntos.

8. Pola solvencia da entidade solicitante para levar a cabo a actividade, acreditada mediante memoria específica, e o cumprimento dos compromisos derivados de actividades subvencionadas anteriormente, de ser o caso, ata un máximo de 16 puntos.

9. Pola adecuación dos medios previstos e viabilidade das actividades propostas, ata un máximo de 14 puntos.

10. Polo emprego da lingua galega na realización das actividades para as que solicita a axuda, ata un máximo de 12 puntos.

11. Pola realización de servizos asistenciais a persoas en risco de exclusión social, engadiranse 10 puntos máis á puntuación obtida.

12. Pola integración de persoas en risco de exclusión social no mercado laboral, engadiranse 10 puntos máis á puntuación obtida.

A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación.

Artigo 9º-Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás entidades interesadas.

3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. En todo caso, o antedito prazo non comenzará a computarse ata que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De acordo co establecido nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, a Consellería de Traballo e Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, con expresión do/a beneficiario/a, a contía e a súa finalidade.

6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas (os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros -rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela-).

As persoas beneficiarias teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2º do artigo 15 da Lei 9/2007

Artigo 10º.-Forma de pagamento e xustificación.

Unha vez notificada a resolución definitiva, os/as interesados/as dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Ao remate da actividade deberase presentar informe exhaustivo da súa realización, acompañado de copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor dos/as beneficiarios/as e logo de acreditación dos gastos e dos pagamentos realizados. Unicamente se aboará ata o 80% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, antes do 15 de novembro de 2009, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.

No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Artigo 11º.-Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia.

A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

As axudas reguladas nesta orde son compatibles con outras procedentes de entidades públicas ou privadas.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos nesta orde.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas as referidas no artigo 11 da Lei 9/2007 en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

c) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma coma na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 13º.-Modificación da resolución, revogación e reintegro.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o art. 14.1º n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, eventualmente, á súa revogación.

2. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 14 º.-Seguimento e control.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Segunda.-Se unha vez avaliadas as solicitudes presentadas por sociedades cooperativas de carácter non lucrativo, resultase remanente de crédito, poderase adxudicar o sobrante a outras entidades de economía social sen ánimo de lucro, agás as asociacións de cooperativas e as centrais sindicais, de acordo co procedemento e segundo as condicións previstas con carácter xeral nesta orde. Para estes únicos efectos instruiranse os correspondentes expedientes, que serán postos á disposición da comisión de avaliación, para a súa toma en consideración, no caso de que proceda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "17200D006P027.PDF"

Ver referencia pdf "17200D007P034.PDF"