DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 02 de setembro de 2009 Páx. 14.261

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Secretaría Xeral da Emigración, segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, é o órgano da Administración da comunidade autónoma o que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento de galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria e de retorno en Galicia.

Segundo establece o citado decreto, para a execución destas competencias, a Secretaría Xeral da Emigración estrutúrase en distintas unidades administrativas con nivel orgánico de subdirección xeral, que teñen entre as súas funcións desenvolver programas sociais que melloren o benestar social e a calidade de vida do galegos emigrantes, promover a posta en marcha de medidas tendentes á universalización das accións, axudas e prestacións de carácter social para todos aqueles emigrantes que pola súa idade, condicións económicas e país de residencia así o demanden, favorecer a extensión dos dereitos sociosanitarios ao conxunto da emigración galega; así como impulsar un sistema de atención integral dos emigrantes retornados e inmigrantes en calquera ámbito relativo á protección dos seus dereitos.

Por outra banda, o Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante aos cidadáns residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daqueles cidadáns residentes no exterior que estean en situacións de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, esta secretaría xeral detectou a existencia doutras situacións, orixinadas tamén por causas de carácter social ou asistencial, que polas súas características especiais deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte as súas peculiaridades.

Estas situacións, aínda que do carácter máis diverso, teñen en común que o que se solicita é unha axuda para poder facer viaxes, que as peticións se producen ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e que as causas destes desprazamentos (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) estaban dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, lle corresponde a esta secretaría xeral.

Estas circunstancias, unidas á propia especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como á diferente situación persoal e familiar dos/as solicitantes, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento ata o esgotamento do crédito dispoñible segundo o procedemento de concorrencia competitiva, que é o procedemento ordinario de concesión de subvencións previsto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que é aplicable a excepción prevista no artigo 19.2º da dita lei coas garantías previstas no seu artigo 31.4º.

Na súa consecuencia, tendo en conta a experiencia de anos anteriores, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2º da Lei 13/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando e sen comparanza con outras solicitudes e ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se cren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

A disposición adicional segunda do referido Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade sufragar os custos de emisión de billetes para a realización de viaxes motivadas por causas sociais, asistenciais, humanitarias ou similares cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo e que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario/a destas subvencións, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras. Este modelo de solicitude poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.galiciaaberta.com/).

2. A través da solicitude proporciónanselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto deste ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achégase identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, porén, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante).

2. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2009, ambos os dous inclusive.

Artigo 4º.-Prazo de resolución.

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2009.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://www.galiciaaberta.com/), na súa epígrafe de Liñas de axuda onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución, as bases reguladoras da convocatoria así como facer consultas a través da epígrafe de dúbidas habilitada para o efecto.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía do cidadán situada na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

Artigo 6º.-Desenvolvemento e aplicación.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. Para a concesión destas subvencións destinaranse un crédito de 15.000 € correspondentes á aplicación orzamentaria 40.50.312C.480.0. Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 8º.-Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2009.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas para

a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns de carácter social, asistencial ou humanitario, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarios/as ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3º e 4º destas bases.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario e se cumpran as garantías previstas no artigo 31. 4º desta lei.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará a indicada circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Contía máxima e concorrencia de axudas.

1. O investimento máximo subvencionable será de 1.500 € por beneficiario/a. En todo caso as viaxes realizaranse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice.

2. O importe das subvencións reguladas nestas bases en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, tanto de carácter privado como das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.

3. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta secretaría xeral para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3º.-Beneficiarios/as.

Poderán ser beneficiarios/as destas subvencións as seguintes persoas:

a) Emigrantes de orixe galega e nacionalidade española residentes no exterior ou descendentes ata o segundo grao por consanguinidade que, por mor de razóns sociais, asistenciais ou humanitarias, segundo se especifica no artigo 4º, letra b) destas bases, teñan que desprazarse a Galicia ou ao resto do Estado. A forma de acreditar esta condición de emigrante sinálase no artigo 6º destas bases.

b) Cidadáns/ás galegos/as residentes en Galicia que, por mor de razóns asistencias ou humanitarias, segundo se especifica no artigo 4º, letra b) destas bases, teñan que desprazarse xunto aos seus parentes ata o segundo grao de consanguinidade que teñan a condición de emigrantes de orixe galega residentes no exterior, segundo se establece no punto anterior.

c) Excepcionalmente, para o caso en que as persoas a que se refiren as letras a) e b) deste artigo non poidan valerse por si mesmas para a realización da viaxe, poderá ser tamén beneficiario/a destas axudas un acompañante.

Artigo 4º.-Requisitos dos/as beneficiarios/as.

a) Careceren de rendas, ingresos ou patrimonio.

Esta carencia de rendas, ingresos ou patrimonio deberá ser acreditada pola persoa que vai realizar a viaxe, polo acompañante ao que, de ser o caso, tamén se lle outorgue a axuda e polos familiares que, de ser o caso, vaian acoller ou seren atendidos pola persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña o/a interesado/a ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores á prestación económica por ancianidade regulada no Real decreto 8/2008, do 13 de xaneiro, nas contías que se determinen para o exercicio de 2009, computándose todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Por outra banda, dado que o Estado non ten fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade para todos os países, esa referencia para os devanditos países será o 80 por cento da contía da pensión non contributiva do Estado Español por xubilación.

Así mesmo, cando o/a solicitante da axuda sexa unha persoa que resida en Galicia, segundo o previsto na letra b) do artigo anterior, tomarase como referencia o salario mínimo interprofesional fixado polo Real decreto 1763/2007, do 28 de decembro.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se o/a solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes, segundo o previsto nese punto, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade, pensión non contributiva ou salario mínimo interprofesional) máis o resultado de multiplicar o 30 por cento da dita cifra polo número de conviventes menos un.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada polo/a solicitante da axuda, o seu cónxuxe ou parella de feito, os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan co/a solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente o/a beneficiario/a ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles cun valor superior á base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual, pensión non contributiva do Estado Español por xubilación ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual ou pensión non contributiva do Estado Español por xubilación, ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso.

b) Ter a necesidade de realizar a viaxe para a que se solicita a axuda por razóns asistenciais ou humanitarias debidamente xustificadas.

Para estes efectos, consideráranse razóns sociais, asistenciais ou humanitarias, as seguintes:

I. Estar no exterior en situacións de marxinación social, ou de tal grao de dependencia que non poidan valerse por si mesmos, e non ter cuberta a necesidade de atención por ningún medio, e poderse solventar tal situación mediante o acollemento familiar ou nun centro asistencial.

II. Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda individual ou familiar no exterior e carecer de medios para paliar esta situación, e poder solventarse mediante o acollemento familiar ou nun centro asistencial.

III. Situacións derivadas de problemas perentorios no exterior referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

IV. Situacións derivadas de problemas sanitarios cuxo tratamento no exterior non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales a súa atención no Estado español, tanto nun centro incluído na rede sanitaria pública como nun centro privado, supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos deberá acreditar previamente o/a solicitante da axuda que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

V. Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade da realización destas viaxes.

Artigo 5º.-Investimento subvencionable.

Os custos da viaxe: para estes efectos entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa súa emisión. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na correspondente resolución de convocatoria.

2. A solicitude de subvención será presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta convocatoria de axudas. No caso de que os/as solicitantes sexan menores de idade ou incapacitados/as, asinará a solicitude o pai, nai ou titor/a daquel.

Á solicitude xuntarase a documentación que a continuación se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentos acreditativos da nacionalidade española: pasaporte español en vigor ou certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) Documentos acreditativos da orixe galega. A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

I. Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia.

II. Estar vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

c) Os seguintes documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento:

Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada do/a interesado e/ou dos membros da unidade económica familiar e, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento.

En caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigado/s a realizala, xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban o/a interesado/a e/ou os membros da unidade económica familiar e, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento, ou de non percibirse, declaración responsable do/a solicitante e, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o/a interesado/a, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do/a solicitante e, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do/a solicitante e, de ser o caso, do/a acompañante e da familia de acollemento.

d) Documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, emitidos por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

e) Para a realización no Estado español de prestacións sanitarias, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia a realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.

f) Para o caso de necesitar da asistencia dun/dunha acompañante, certificados expedidos por organismos oficiais acreditativos do grao de discapacidade e da necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

g) Declaración expresa sobre o conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados segundo o modelo do anexo IV da resolución desta convocatoria de axudas.

h) Declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impiden obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas por esta lei segundo o modelo do anexo V da resolución desta convocatoria de axudas.

i) Declaración responsable, asinada polo/a beneficiario/a da axuda, de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o modelo do anexo VI da resolución desta convocatoria de axudas. Isto en aplicación do artigo 48 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, en relación co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Calquera outra documentación que a Secretaría Xeral da Emigración considere necesaria ou conveniente para ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

3. Para o caso de que o/a solicitante da axuda teña necesariamente que viaxar cun/cunha acompañante, este/a deberá de cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo III da resolución desta convocatoria de axudas e presentar a documentación e declaracións que se especifican nas letras c), g), h) e letra i) do punto anterior e copia do seu documento nacional de identidade ou pasaporte.

Artigo 7º.-Consentimentos e autorizacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

O/a solicitante da axuda presta o seu consentimento, en declaración que se inclúe na solicitude, para que a Secretaría Xeral da Emigración poida solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a subministración directa e telemática da información relativa aos seus ingresos, rendas e situación patrimonial.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa estea en poder desta secretaría xeral, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 8º.-Órgano competente.

A Subdirección Xeral de Programas Sociais é o órgano encargado da instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

Artigo 9º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao/á solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos/ás interesados/as para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 12º.-Trámites para a emisión dos billetes.

As resolucións estimatorias ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria destas axudas implicarán que a Secretaría Xeral da Emigración efectuará todas as xestións que sexan precisas para a emisión dos billetes e para a súa posta a disposición en favor do/a beneficiario/a da axuda, e , salvo manifestación expresa en contra, entenderase que este presta o seu consentimento para a realización de tales trámites.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, no caso de resolucións expresas.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar a modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do/a beneficiario/a. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

O/a beneficiario/a deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao secretario xeral da Emigración, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 15 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo da instrucción do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9º destas bases.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o/a interesado/a comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario/a.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as.

Son obrigas do/a beneficiario/a:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e xustificalo ante a Secretaría Xeral da Emigración.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no número 3ºdo artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

g) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez concedida a axuda, o/a beneficiario/a deberá presentar, nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, e no prazo de dous meses desde a finalización da viaxe, salvo que na resolución de concesión da axuda se estableza un prazo distinto, a seguinte documentación:

a) Declaración responsable asinada pola persoa beneficiaria da axuda do cumprimento da finalidade para a que tal axuda foi concedida.

b) Memoria, asinada igualmente pola persoa beneficiaria da axuda, en que se describa o modo en que a viaxe obxecto de subvención contribuíu a arranxar ou paliar a causa de necesidade asistencial, social ou humanitaria que a motivou.

c) Para o caso de viaxes aéreas, tarxeta de embarque.

d) Para o caso de viaxes cuxa orixe fose a realización dunha prestación de carácter sanitario ou o acollemento nun centro social, informe do centro hospitalario, médico ou social correspondente que acredite a realización da prestación ou o acollemento.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Declaración responsable, asinada polo/a beneficiario/a da axuda, de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Control.

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, esta relación será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral, www.galiciaaberta.com.

Non obstante o anterior, de conformidade co artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, exceptúase da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com a relación dos/as beneficiarios/as destas axudas residentes no exterior e o importe das axudas concedidas, dado que a publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar dos solicitantes.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

Ver referencia pdf "17200D002P013.PDF"

Ver referencia pdf "17200D003P024.PDF"