DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 02 de setembro de 2009 Páx. 14.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan e se regulan as axudas correspondentes ao programa Ven a Galicia, ben en Galicia para residentes no exterior durante o ano 2009.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1986, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que lles permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Ven a Galicia, ben en Galicia, que lles permite a emigrantes galegos maiores de 60 anos asentados noutras comunidades autónomas españolas ou residentes noutros países europeos un tempo de vacacións en Galicia para desfrutar e coñecer a realidade actual do noso país.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerán as axudas correspondentes ao programa Ven a Galicia, ben en Galicia, orientado a ofrecerlles un tempo de esparexemento aos emigrantes galegos residentes en Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España, para desfrutaren e coñeceren a realidade actual do noso país, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como aos nosos costumes tradicionais. Estas bases reguladoras apróbanse expresamente nesta resolución, e son as establecidas no seu artigo 2º.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria das devanditas axudas para o ano 2009.

Artigo 2º.-Bases reguladoras.

Primeira.-Beneficiarios.

1. Poderán ser solicitantes deste programa os emigrantes galegos residentes en Europa e os naturais de Galicia que residan noutra comunidade autónoma que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ter a nacionalidade española.

1.2. Residir noutra comunidade autónoma de España ou noutro país de Europa.

1.3. Ter sesenta ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.4. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en anteriores edicións deste programa.

1.5. Ser válido por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.6. Non ter recursos económicos suficientes. Para os efectos desta resolución, consideraranse recursos económicos insuficientes cando os ingresos per cápita da unidade económica familiar sexan inferiores a 2,5 veces o importe do salario mínimo interprofesional correspondente ao ano 2009 no país de residencia do solicitante.

2. Poderán tamén ser beneficiarias as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos números 1.2, 1.4 e 1.5 do punto anterior e acheguen a documentación xustificativa que se indica na base quinta.

Segunda.-Características do programa.

1. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar colaborará neste programa poñendo á disposición dos beneficiarios e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención derivados da estadía, durante un período máximo de catorce (14) días, nunha residencia de tempo libre de Galicia ou noutro establecemento residencial.

2. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar e a Secretaría Xeral da Emigración colaborarán na execución deste programa na realización das actividades socio-culturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

3. Os traslados dos participantes efectuaranse desde os puntos de recollida ata o establecemento residencial. Os participantes residentes noutras comunidades autónomas de España e en Portugal aboarán 60 € en concepto de parte do pagamento dos gastos de traslado. Os residentes noutros países europeos deberán aboar 100 € polo mesmo concepto. O resto dos gastos de traslado por liña regular dos participantes serán por conta da Secretaría Xeral da Emigración, que xestionará o desprazamento dos beneficiarios no caso dos que opten por esta vía. No caso de que o solicitante desexe realizar pola súa conta o traslado desde o seu lugar de residencia ata o establecemento residencial en Galicia (ida e volta) e así o indique na solicitude de participación, non terá que realizar ningún pagamento.

4. A condición de beneficiario deste programa quedará supeditada ao pagamento da contía establecida no punto anterior, agás que indique na solicitude que o traslado é pola súa conta.

5. A Secretaría Xeral da Emigración establecerá a forma e o prazo en que os interesados deberán pagar a cantidade que lles corresponda en concepto de parte do pagamento dos gastos de traslado e en proba de conformidade coa viaxe. Estes prazos rematarán, como máis tarde, quince (15) días antes da data de inicio da viaxe. Entenderase que os que non cumpran este requisito desisten da súa solicitude.

6. A prestación da asistencia sanitaria dos beneficiarios será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Prazas convocadas e datas de realización.

1. O número de prazas convocadas establecerase na correspondente convocatoria anual deste programa.

2. Igualmente a convocatoria anual determinará as datas de realización do programa.

Cuarta.-Criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se indican a continuación:

1. Considerarase como criterio preferente de selección non ter participado en anteriores edicións deste programa.

2. No suposto de que quedasen prazas vacantes unha vez aplicado o anterior criterio, estimarase como segundo criterio de selección o maior tempo sen ter participado no programa.

3. No suposto de que o número de solicitantes fose maior que o número de prazas ofertadas aplicando cada un dos criterios anteriores e/ou no suposto de que dous ou máis solicitantes obtivesen o dereito a participar, escollerase aquel solicitante que tivese maior idade.

A selección dunha persoa comportará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto 2 da base segunda.

Quinta.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

1.-A documentación que deberá presentar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo á correspondente resolución anual de convocatoria.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade español en vigor do solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. Se o solicitante reside en España, documentación acreditativa de ser natural de Galicia.

d) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

e) Copia da última declaración da renda das persoas físicas presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, documentación emitida pola Administración tributaria correspondente ao lugar de residencia do solicitante na cal se faga constar esta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo á correspondente resolución anual de convocatoria, no cal se faga constar que o solicitante é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Fotografía actual tamaño carné.

h) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

i) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderase presentar no modelo que se publicará como anexo á correspondente resolución anual de convocatoria.

j) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

c) Certificado médico segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo á correspondente resolución anual de convocatoria, no cal se faga constar que é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderase presentar no modelo que se publicará como anexo á correspondente resolución anual de convocatoria.

f) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

3. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación que as acompañan, que en ningún caso será inferior a un mes, establecerase na correspondente resolución anual de convocatoria.

Sexta.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos en común, chegará con acreditar a convivencia.

Sétima.-Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases, elaboraranse as listas provisionais de admitidos e excluídos por programas, indicando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas, no prazo máximo de 90 días desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http://www.galiciaaberta.com).

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles, desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com, para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 do mesmo texto legal.

Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de admitidos e excluídos que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http://www.galiciaaberta.com).

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais e, ademais, crearase unha comisión de avaliación, presidida polo subdirector xeral de Programas Sociais, ou persoa en quen delegue, e composta polo xefe do Servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

4. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos programas. Posteriormente a comisión elaborará unha proposta de concesión que se elevará ao secretario xeral de Emigración, para a súa resolución.

5. Unha vez realizada a selección de beneficiarios, o secretario xeral de Emigración ditará as correspondentes resolucións, publicando na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios e reservas.

6. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

7. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo con disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitava.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os beneficiarios correspondentes ao programa regulado nestas bases quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral de Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeneral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no Rexistro público de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante o cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

4. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas correspondentes convocatorias destas axudas serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. O interesado pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, previstos na lei, dirixindo un escrito a esta secretaría como responsable do ficheiro, no enderezo que figura ao pé desta solicitude.

5. O solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

6. Así mesmo, o interesado declara que ten a autorización das persoas relacionadas dentro da unidade familiar ou achegados para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a axuda relativa a esta convocatoria.

7. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios, polo que a presentación da solicitude ao abeiro da correspondente convocatoria deste programa comporta a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.galiciaaberta.com.

8. Agás nos casos indicados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non-autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Novena.-Compatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas reguladas nestas bases son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro destas bases. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios destas axudas prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2008, do 18 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Décima.-Aplicación orzamentaria.

Os gastos financiaranse con cargo á aplicación adecuada e suficiente do orzamento da Xunta de Galicia que estea vixente no momento de cada convocatoria. Será, así mesmo, a correspondente convocatoria das axudas a que especifique o crédito inicialmente destinado para estas finalidades, que se poderá incrementar segundo as dispoñibilidades orzamentaria, así como a aplicación orzamentaria a que se impute.

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas correspondentes ao ano 2009.

Por medio desta resolución convócanse as axudas correspondentes ao ano 2009 para participar no programa Ven a Galicia, ben en Galicia nos termos que se establecen nos artigos seguintes desta resolución.

Artigo 4º.-Prazas convocadas e datas de realización.

1. O número de prazas convocadas para o ano 2009 é de 76.

2. O programa desenvolverase desde o 18 de novembro ao 1 de decembro de 2009.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Para poder ser beneficiario/a destas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na quinta das bases reguladoras deste programa. Este modelo de solicitude poderase obter a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.galiciaaberta.com/)

2. A través da solicitude proporciónanselle á Secretaría Xeral de Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa dos Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral de Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente faise constar que o solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

Así mesmo, o interesado declara que ten a autorización das persoas relacionadas dentro da unidade familiar ou achegados para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a axuda relativa a esta convocatoria.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas consellerías de Trabajo e Emigración, nas seccións de Traballo e Emigración, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio de residencia do solicitante.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7º.-Financiamento.

Os gastos derivados da convocatoria do ano 2009 correspondente ao programa Ven a Galicia, ben en Galicia financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07 (actuacións derivadas da Lei da galeguidade) do orzamento de gastos da Xunta de Galicia para o ano 2009. O crédito inicialmente destinado para esta finalidade é de 23.000 €, que se poderá incrementar segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8º.-Desenvolvemento.

O secretario xeral de Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 9º.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación non Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poder interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2009.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

Ver referencia pdf "17200D001P005.PDF"