DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 01 de setembro de 2009 Páx. 14.191

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 19 de agosto de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a transportistas autónomos de mercadorías por estrada que abandonen a actividade.

Un dos problemas que sofre o transporte público de mercadorías por estrada é a elevada idade dos transportistas autónomos. As causas que levan a esta situación son variadas e probablemente non admiten unha análise apriorística, mais entre elas late con forza a escaseza de recursos que sofren moitos deses traballadores. Esta problemática resulta ademais especialmente grave no contexto económico actual, que con frecuencia é máis duro coas pequenas empresas familiares.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é consciente desa situación e por iso aposta por manter unha liña de axudas que xa se contiña na orde de bases do 4 de xuño de 2008, ben que ampliando o seu ámbito e potenciais beneficiarios. Así, a idade mínima para acceder á subvención rebáixase ata os cincuenta e oito anos, sen que se marque un límite máximo; elévase o número máximo de copias de autorizacións que dan dereito á axuda, que pasa a ser de tres, e inclúense como potenciais beneficiarios os declarados en situación de incapacidade permanente absoluta.

Os referidos cambios, máis outros de menor calado, ben puideran ser obxecto dunha mera modificación parcial das bases vixentes. Porén, por razóns de claridade e de sistemática normativa, parece máis axeitado aprobar un novo texto unificado que simplifique o seu manexo.

As axudas son, ademais, complementarias das que vén convocando regularmente o Ministerio de Fomento, coas que se declara expresamente a súa compatibilidade. Desta maneira, o pulo económico que reciben os beneficiarios resulta máis atractivo e pode contribuír definitivamente ao obxectivo de mellorar as condicións socioeconómicas dos traballadores autónomos da nosa comunidade.

A aprobación desta norma faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para fomentar o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzada no sector do transporte público de mercadorías por estrada de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Contía das axudas, financiamento e concorrencia.

1. As contías das axudas por cada beneficiario serán as seguintes:

a) Se o beneficiario tivese unha idade inferior a sesenta e cinco anos, 500 euros por cada seis meses completos que lle queden para cumprir esa idade no momento de presentar a solicitude, no caso dos beneficiarios indicados no artigo 3.1º a) destas bases, ou que lle quedasen no momento da renuncia, no suposto do artigo 3.1º b). O cómputo dos semestres completos farase a partir do 1 de xuño do exercicio para o que se piden as axudas ou daquel en que se efectuou a renuncia, segundo o caso.

Os beneficiarios a que se lles declarase unha incapacidade permanente absoluta non percibirán cantidade ningunha por este concepto, con independencia da súa idade.

b) Se o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para realizar transporte con calquera clase de vehículo, 3.000 euros.

c) Se o solicitante fose titular dunha autorización de transporte público de mercadorías exclusivamente habilitante para realizar transporte con vehículos lixeiros, 1.500 euros se polo menos unha copia estivese referida a un vehículo de máis de 3.500 kg de masa máxima autorizada desde antes do 1 de outubro de 2005, e 1.200 euros noutro caso.

d) Aos titulares de autorizacións de transporte de ámbito autonómico expedidas pola Xunta de Galicia e que queden fóra do ámbito de aplicación das axudas para o abandono da actividade transportista convocadas polo Ministerio de Fomento, concederáselles o dobre da subvención que lles correspondería consonte as alíneas anteriores.

2. Aos que fosen titulares de autorizacións incluídas en distintas alíneas do número anterior outorgaráselles unicamente a cantidade máis elevada das dúas que puidesen corresponderlles.

3. As axudas previstas nestas bases serán compatibles con calquera outra outorgada por outros departamentos, administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) Os transportistas autónomos cuxa actividade sexa o transporte de mercadorías por estrada e se comprometan a abandonar esta, renunciando a todas as autorizacións de transporte público de que fosen titulares, a partir da data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) As persoas que teñan renunciado á actividade do transporte de mercadorías por estrada a través da baixa de todas as autorizacións de transporte público de que fosen titulares no período transcorrido desde o día seguinte á finalización do prazo para solicitar últimas axudas convocadas consonte a estas bases ata o día da publicación da seguinte convocatoria no Diario Oficial de Galicia. De acordo con estes criterios, a resolución de convocatoria concretará as datas dentro das cales se deberá ter producido a renuncia.

2. No caso previsto na letra a) do número anterior, os beneficiarios deberán cumprir, no momento de presentar a solicitude, os seguintes requisitos:

a) Ser transportistas autónomos domiciliados en Galicia.

b) Ter unha idade igual ou superior aos cincuenta e oito anos, ou ter declarada unha incapacidade permanente absoluta.

c) Ser titulares dunha autorización vixente de transporte público de mercadorías cun máximo de tres copias.

d) Ter sido titulares durante os dez últimos anos, de forma ininterrompida, da autorización a que se refire a alínea anterior, cun máximo de tres copias. A dita autorización non debeu estar suspendida en ningún momento durante ese período, aínda que se permitirá unha soa interrupción na súa titularidade por un prazo que non supere os tres meses. Entenderase, para estes efectos, que estiveron vixentes as autorizacións caducadas por falta de visado que estean rehabilitadas no momento de presentar a solicitude.

Así mesmo, os beneficiarios poderán ter sido titulares doutras autorizacións de transporte público distintas das citadas, pero só se permitirá ter sido titular de catro copias de autorizacións das clases indicadas unha soa vez e por un prazo que non supere os dous meses.

e) Estar dados de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social os últimos dez anos de forma ininterrompida, permitíndose unicamente unha soa interrupción por un prazo que non supere os tres meses. Nos supostos de solicitantes afectados por unha incapacidade permanente absoluta, o referido prazo de dez anos computarase desde que esta lle foi recoñecida.

f) Comprometerse a abandonar a actividade de transporte público en nome propio, renunciando a todas as autorizacións de que fose titular, e obrigándose a devolver as axudas obtidas e os correspondentes xuros no caso de reiniciala.

g) Non estar incursos en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

3. No suposto recollido na letra b) do número 1 deste artigo, os interesados non poderán estar incursos, na data de formulación a solicitude, en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia; así mesmo, debían reunir, no momento no que se produciu a baixa das súas autorizacións, os seguintes requisitos:

a) Ser transportistas autónomos domiciliados en Galicia.

b) Ter unha idade igual ou superior aos cincuenta e oito anos, ou ter declarada unha incapacidade permanente absoluta.

c) Ter sido titulares durante os dez anos inmediatamente anteriores á renuncia, de forma ininterrompida, dunha autorización de transporte público de mercadorías, cun máximo de tres copias. A dita autorización non debeu estar suspendida en ningún momento durante ese período, aínda que se permitirá unha soa interrupción na súa titularidade por un prazo que non supere os tres meses.

Así mesmo, durante ese período os beneficiarios poderán ter sido titulares doutras autorizacións de transporte público distintas das citadas, pero só se permitirá ter sido titular de catro copias de autorizacións das clases indicadas unha soa vez e por un prazo que non supere os dous meses.

d) Ter estado dados de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social durante os dez anos inmediatamente anteriores á renuncia. Esa situación debeu manterse de forma ininterrompida, aínda que se permitirá unha soa interrupción por un prazo que non supere os tres meses. Nos supostos de solicitantes afectados por unha incapacidade permanente absoluta, o referido prazo de dez anos computarase desde que esta lle foi recoñecida.

e) Non ter obtido, con posterioridade á renuncia, ningunha autorización para a realización de transporte público.

4. Para os efectos dos dous apartados anteriores, as autorizacións de transporte público de mercadorías de ámbito nacional, comarcal ou local para vehículo con capacidade de tracción propia, incluídas as da clase TD, de que fose titular o beneficiario con anterioridade ao 16 de abril de 2007, computaranse como copias dunha mesma autorización. Idéntico tratamento terán as autorizacións de ámbito autonómico que fosen validadas de acordo coa disposición transitoria primeira da Orde FOM/734/2007, do 20 de marzo, pola que se desenvolve o regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres en materia de autorizacións de transporte de mercadorías por estrada.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse:

a) No caso dos beneficiarios a que se refire o artigo 3.1º a), unha solicitude axustada a un modelo normalizado que se incluirá coa resolución de convocatoria, que irá acompañada dos documentos especificados no punto 5 deste artigo.

b) No caso dos beneficiarios a que se refire o artigo 3.1º b), unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se incluirá coa resolución de convocatoria, coa que se achegarán os documentos indicados no punto 6 deste artigo.

2. Os impresos normalizados de solicitude poderán descargarse na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (www.cmati.xunta.es), ou ben recollerse nas seguintes dependencias administrativas:

a) Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Servizos de Mobilidade da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

3. As solicitudes de axudas incluirán, segundo corresponda, os compromisos de:

a) Beneficiarios a que se refire a letra a do número 1:

i) Renunciar á autorización ou autorizacións en relación coas que se solicitan as axudas, así como a todas aquelas de transporte público de que fose titular, no caso de resultar beneficiario das axudas reguladas nestas bases.

ii) Abandonar con carácter definitivo o exercicio da actividade de transporte en calidade de empresario, así como de non achegar a súa capacitación profesional a outra empresa de transporte, se é o caso.

b) Beneficiarios indicados na letra b do número 1: manter o abandono definitivo do exercicio da actividade de transporte en calidade de empresario, así como non achegar a súa capacitación profesional a outra empresa de transporte, se é o caso.

4. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

5. No caso dos solicitantes a que se refire o artigo 3.1º a), xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada:

a) Documento nacional de identidade (DNI) do solicitante.

b) Certificación bancaria orixinal do número de conta do solicitante, de non figurar de alta no Rexistro de Terceiros da Xunta de Galicia.

c) Certificado ou informe da vida laboral que acredite que estiveron de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social de xeito continuado durante os dez anos inmediatamente anteriores á solicitude ou, de ser o caso, anteriores á declaración de incapacidade permanente absoluta.

d) Permiso de condución ou declaración responsable en que se indique que non é o seu titular.

e) De ser o caso, documento acreditativo da declaración de incapacidade permanente absoluta.

6. Para aqueles solicitantes que se acollan ao suposto previsto no artigo 3.1º b), as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia cotexada:

a) Documento nacional de identidade (DNI) do solicitante.

b) Certificación bancaria orixinal do número de conta do solicitante, de non figurar de alta no Rexistro de Terceiros da Xunta de Galicia.

c) Certificado ou informe de vida laboral que acredite que estiveron de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social de xeito continuado durante os dez anos inmediatamente anteriores á renuncia, e que no momento da solicitude están dados de baixa. De ser o caso, o certificado deberá xustificar a alta no réxime de autónomos da Seguridade Social durante os dez anos inmediatamente anteriores á declaración de incapacidade permanente absoluta.

d) Xustificante da renuncia definitiva ao permiso de condución válido para vehículos pesados de transporte de mercadorías ou fotocopia do novo permiso de condución. No caso de que o solicitante non fose titular do permiso de condución, ese xustificante substituirase por unha declaración responsable asinada en que así se faga constar.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes virá determinado na resolución de convocatoria das axudas.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. De acordo co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde o remate do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a xustificación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto farase consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

1. Delégase no director xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nestas bases ou na normativa de aplicación para ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que as acompañe, comprobando a existencia e titularidade das autorizacións identificadas na solicitude, así como a concorrencia do resto de requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nestas bases requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na orde de convocatoria ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de Valoración.

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin elaborará un informe en que figurarán de xeito individualizado os solicitantes que cumpren os requisitos para obter a subvención e no cal se especificará a avaliación que lles corresponde segundo os devanditos criterios. Así mesmo, indicarase o importe da axuda para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

2. A Comisión de Valoración estará composta polos xefes dos seguintes servizos dependentes da Dirección Xeral de Mobilidade:

a) Servizo de Informes, Autorizacións e Xunta Arbitral.

b) Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

c) Servizo de Concesións.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos anteriores, o titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá nomear substitutos de entre funcionarios dos grupos A ou B da referida dirección xeral.

3. As solicitudes que non puidesen ser atendidas por insuficiencia de crédito quedarán en reserva, e poderán no seu caso subvencionarse ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia por parte dos beneficiarios, ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas. Para estes efectos poderán realizarse sucesivos informes conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. No outorgamento destas axudas teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) A declaración de incapacidade permanente absoluta.

b) A maioría idade dos transportistas que as soliciten.

c) Clase de autorizacións, dándoselles preferencia a aquelas que habiliten para realizar transporte con calquera clase de vehículo sobre as que habiliten para o transporte só con vehículos lixeiros.

2. A ponderación dos criterios anteriores farase do seguinte xeito:

a) En primeiro lugar daráselles preferencia a aqueles solicitantes que fosen declarados en incapacidade permanente absoluta.

b) En canto ao resto de solicitantes, elaborarase unha relación de posibles beneficiarios por orde descendente de idade, tendo en conta que aos titulares de autorizacións habilitantes para realizar transporte con calquera clase de vehículo se lles computará un ano máis de idade para estes efectos.

3. As axudas outorgaranse aos que ocupen os primeiros lugares na relación de beneficiarios elaborada consonte os puntos anteriores, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Á vista do informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que esta dite a resolución que corresponda para cada solicitante.

No caso de que, atendendo ás solicitudes formuladas, resulte acreditada a suficiencia do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá elevar propostas parciais de resolución e procederse a resolver sucesivamente as distintas solicitudes formuladas por orde cronolóxica de conclusión dos correspondentes expedientes administrativos.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes que estableza a convocatoria. Se transcorrese este prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de concorreren os supostos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia, e, en todo caso, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases e da orde de convocatoria, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de abandonar de xeito definitivo a actividade de transporte de mercadorías por estrada e non obter novas autorizacións de transporte público que habiliten para tal actividade.

b) Obriga de non achegar a súa capacitación profesional ou capacitacións profesionais a outra empresa de transporte.

c) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

d) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

e) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 15º.-Xustificación da subvención.

1. No suposto dos beneficiarios a que se refire o artigo 3.1º a), e unha vez notificado o outorgamento da axuda, abriráselles un prazo de quince días naturais, contados a partir do seguinte ao desa notificación, para que renuncien á autorización ou autorizacións que deron lugar á axuda e a todas aquelas de transporte público de que fose titular.

2. Antes de aboar as axudas comprobarase que no Rexistro Xeral de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte se anotaron a baixa da autorización ou autorizacións e se efectuou, de ser o caso, a anotación correspondente en relación coa capacitación profesional do beneficiario, para impedir que poida achegarse a outra empresa de transporte.

3. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte poderá requirirlles individualmente aos beneficiarios a incorporación ao procedemento da documentación necesaria para proceder ao pagamento da subvención.

4. Transcorrido o prazo establecido no punto 1 sen que o interesado efectuase a renuncia, requirirase para que no prazo improrrogable de dez días emende ese incumprimento.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e a exixencia das responsabilidades que puidesen corresponder segundo a Lei de subvencións de Galicia. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 16º.-Pagamento.

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no artigo anterior, ou, no caso dos beneficiarios indicados no artigo 3.1º b), logo de comprobar que os solicitantes cumpren todos os requisitos para recibir a subvención, procederase ao libramento desta, que se fará nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 17º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases, na resolución de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, no seu caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Control.

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19º.-Remisión normativa.

Para todo o non regulado nestas bases estarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional

Primeira.-Exención da achega da copia do DNI.

De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e malia o previsto nos artigos 4.5º a) e 4.6º a) destas bases, cando o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia da administración electrónica habilite o acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas, os solicitantes estarán exentos de presentar a fotocopia do DNI.

Nese suposto, o modelo normalizado de solicitude incorporará, de ser preciso, o consentimento expreso do solicitante para que a Administración realice a referida consulta telemática.

Segunda.-Renuncias efectuadas antes da resolución definitiva.

Aquelas solicitudes de subvención formuladas ao abeiro do artigo 3.1º a), pero nas que o interesado renuncie ás autorizacións antes de que se dite a resolución definitiva, serán admitidas e someteranse, en canto aos requisitos, tramitación e valoración, ao réxime contido nestas bases para os supostos do mencionado artigo 3.1º a). Non obstante, non será preciso efectuar o requirimento de renuncia a que se refire o artigo 15.1º, abonda a constatación daquela no Rexistro Xeral de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte do Ministerio de Fomento.

Terceira.-Sociedades unipersoais de transporte público.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as sociedades mercantís unipersoais de transporte público que sexan titulares de autorizacións de transporte público de mercadorías. Tal situación deberá acreditarse documentalmente e, sempre que sexa posible, achegarase certificación do Rexistro Mercantil.

Neste caso, e sen prexuízo das obrigas que lle corresponderán á sociedade na súa condición de beneficiaria, o socio único deberá reunir todos os requisitos establecidos na orde para ser beneficiario, agás a titularidade das autorizacións, e asumirá as obrigas contidas nas letras a) e b) do artigo 14.

Cuarta.-Delegación de competencias.

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para realizar as convocatorias das axudas a que se refire esta orde, de acordo coas bases que se establecen nela.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación.

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 4 de xuño de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a transportistas autónomos de mercadorías por estrada que abandonen a actividade e se procede á súa convocatoria para o ano 2008.

Non obstante, as subvencións concedidas, así como os procedementos subvencionais iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derradeira

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación destas bases.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2009.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente,

Territorio e Infraestruturas