DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 01 de setembro de 2009 Páx. 14.181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen e se regulan as axudas para a realización de actividades culturais con destino aos lugares nos que estean radicadas as entidades galegas no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu título preliminar, recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Á Secretaría Xeral da Emigración, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, potenciar o coñecemento das manifestacións artísticas de Galicia nos países receptores da emigración galega, así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

Por outra banda, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

As comunidades galegas espalladas por todos os continentes representan un valor fundamental e un mecanismo irrenunciable a través do cal Galicia se fai visible nun mundo cada vez máis globalizado contribuíndo a unha dobre función: a transcendencia internacional das manifestacións culturais galegas e o fortalecemento das nosas comunidades da diáspora.

A través desta convocatoria, a Secretaría Xeral da Emigración pretende fomentar a realización no exterior de todo tipo de actividades culturais que destaquen polo seu carácter innovador e que potencien a difusión dunha renovada imaxe de Galicia.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas pola disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

I. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión de axudas destinadas ao financiamento dos custos xerados pola realización de actividades artísticas ou culturais que contribúan á difusión do acervo cultural galego fóra de Galicia e se desenvolvan nas entidades galegas do exterior ou en lugares onde residan un número significativo de galegos; así como a actuación de grupos de mozos e mozas galegos, residentes no exterior, que difundan en Galicia as actividades artísticas e culturais que teñan lugar nas súas colectividades.

Estas bases, que se aproban expresamente nesta resolución son as establecidas no seu artigo 2º.

II. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria destas axudas para o ano 2009.

Artigo 2º.-Bases reguladoras.

Primeira.-Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións que se establecen nestas bases as persoas físicas ou xurídicas, así como calquera outra agrupación de persoas, comunidade de bens, unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos obxecto destas axudas ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que vai ser aplicada por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo normalizado que se inserirá xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

Segunda.-Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Actividades artísticas e/ou culturais que contribúan á difusión do patrimonio cultural galego e se desenvolvan nas entidades galegas do exterior, ou naqueles lugares situados fóra de Galicia onde resida un número significativo de cidadáns galegos.

b) Actuacións de grupos de mozos e mozas galegos, residentes no exterior, que fomenten a difusión en Galicia das actividades artísticas e/ou culturais que se desenvolvan nas súas colectividades.

Terceira.-Solicitudes e prazo de presentación

I. As solicitudes presentaranse, segundo o modelo oficial que se publica como anexo a esta resolución, e que se atopa á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral da Emigración e na súa páxina web www.galiciaberta.com, xunto coa documentación correspondente, ben no rexistro xeral da Secretaría Xeral da Emigración; ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

As solicitudes e documentación correspondente dirixiranse á Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños nº 2, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

II. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, establecerase na correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

Cuarta.-Documentación

I. Os solicitantes das axudas deberán achegar necesariamente a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

b) Fotocopia compulsada do DNI, CIF ou documentación que acredite a personalidade do solicitante.

c) No caso das persoas xurídicas, acreditación da representación legal da entidade. As agrupacións carentes de personalidade xurídica deberán achegar documento de nomeamento do representante ou apoderado legal único, documento que deberá estar debidamente asinado por todos os membros do grupo que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

d) Memoria descritiva da actividade que se vai realizar que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

e) Currículo ou traxectoria profesional do artista ou grupo solicitante que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

f) Orzamento que inclúa os gastos xerados pola realización da actividade de que se trate que deberá vir acompañado das facturas proforma ou documentos similares que acrediten a realidade e adecuación do orzamento presentado que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

g) De ser o caso, acreditación escrita do compromiso acadado coa entidade galega no exterior para a realización da actividade cultural proposta, asinada polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente.

h) Declaración do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para as mesmas accións para as que se solicitou a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións que se inserirá como anexo xunto coa correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

i) Acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o caso de que o solicitante da axuda non teña a súa residencia fiscal en territorio español, deberá presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante

se atopa ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Criterios de valoración

A Secretaría Xeral da Emigración avaliará as solicitudes presentadas en función dos criterios seguintes:

I. Currículo ou traxectoria profesional do solicitante: ata un máximo de 25 puntos, desagregado do seguinte xeito:

a) Nº de traballos realizados: 2,5 puntos por traballo ata un máximo de 10 puntos.

b) Premios e mencións obtidos e debidamente acreditados nos dous anos anteriores á publicación desta resolución: 2,5 puntos por premio ou mención ata un máximo de 10 puntos.

c) Repercusión nos medios de comunicación: 5 puntos.

II. Proxección social e divulgación do patrimonio cultural de Galicia que a actividade cultural poida ter ata un máximo de 25 puntos, desagregado do seguinte xeito:

a) Número de actuacións comprometidas nos lugares de destino: 5 puntos por actuación ata un máximo de 15 puntos.

b) Carencia de ofertas de actividades similares no lugar de realización: 5 puntos.

c) Carácter innovador da actividade que se vai realizar: 5 puntos.

III. Emprego do idioma galego: 25 puntos.

IV. Lugar de realización da actividade cultural, se a actividade se desenvolve no mesmo país de residencia do artista: 5 puntos; se a actividade se desenvolve en distinto país ao da residencia do artista: 15 puntos.

V. Financiamento propio da actividade prevista ata un mínimo dun 15% do coste total da actividade: 10 puntos.

Sexta.-Gastos subvencionables e contía máxima da subvención

I. As axudas destinaranse a cubrir os gastos que se deriven da realización das actividades programadas. En concreto, poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Gastos de desprazamento, transporte, aloxamento, manutención e/ou outros gastos que pola súa natureza sexan susceptibles de inclusión neste punto. O importe dos custos máximos subvencionables por estes conceptos estarán limitados ás contías que establece a normativa autonómica para as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica galega que se establecen no Decreto 144/2001, sobre indemnizacións por razóns de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008 (DOG do 16 de xullo) e calculadas para un grupo 2º.

b) Gastos de produción, contratación dos equipos de son, luces e aqueles gastos que pola súa natureza sexan susceptibles de inclusión neste apartado.

II. Contía máxima da subvención: 8.000 €. Esta axuda establécese como importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou graduación do custo total da actividade. A contía da subvención nunca poderá superar o importe do orzamento presentado polo solicitante.

Sétima.-Aplicación orzamentaria

Os gastos financiaranse con cargo á aplicación adecuada e suficiente do orzamento da Xunta de Galicia que estea vixente no momento de cada convocatoria. Será, así mesmo, a correspondente convocatoria de axudas, a que especifique a aplicación orzamentaria á que se impute o desenvolvemento destas actividades así como o crédito inicialmente destinado a aquelas, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Oitava.-Procedemento de concesión da subvención

O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan por esta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes someteranse a un réxime de concorrencia competitiva tal como recolle a devandita Lei de subvencións de Galicia.

Novena.-Órganos competentes e comisión avaliadora

I. A ordenación e instrución do procedemento corresponderá ao servizo de Tramitación de Axudas da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

II. O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral da Emigración.

III. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas desta Secretaría Xeral. O órgano colexiado avaliará as solicitudes segundo os criterios obxectivos fixados na base terceira.

Décima.-Resolución

I. As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados, debendo ser sempre motivadas. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a que se outorgou a axuda. A Secretaría Xeral da Emigración, en cumprimento dos requisitos de publicidade e transparencia que prevé o artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, publicará na súa páxina web oficial www.galiciaaberta.com a concesión das devanditas subvencións, dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación, indicando a relación de beneficiarios, o importe das axudas concedidas e a identificación da normativa reguladora, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o

tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

II. O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e para os efectos da interposición dos recursos pertinentes que se indican no punto seguinte.

III. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira.-Xustificación e pagamento

I. A acción subvencionada deberá ser executada durante o ano correspondente a cada convocatoria destas axudas.

II. Antes do pagamento do importe da subvención concedida, os beneficiarios de axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do 10 de decembro do ano que corresponda, a correspondente conta xustificativa que conterá:

a) Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas que conterá:

b.1) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento e indicación das desviacións que se produciran.

b.2) Factura ou facturas orixinais ou debidamente cotexadas acreditativas dos gastos subvencionables e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

b.3) Documentación acreditativa do pagamento das facturas que deberá de consistir en extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. Non entanto, por mor da natureza dos gastos subvencionables e tendo en conta que as accións que se van desenvolver neste tipo de axudas poden ter lugar no exterior, aceptarase como xustificación do pagamento das facturas recibín do provedor para gastos por importes inferiores a 1.000 €.

c) De ser o caso, certificación do secretario da entidade galega no exterior, co visto e prace do seu presidente, na que conste que se ten realizado a actividade cultural subvencionada no lugar e data previstos.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para as mesmas accións para as que se concedeu a subvención, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Certificación do número de conta bancaria da cal o solicitante da axuda sexa titular. Na certificación ten que figurar, ademais do nome do titular, o número de conta codificado, os códigos da entidade bancaria: IBAN e SWIFT (ou equivalentes, segundo o país) e datos da entidade bancaria: nome, enderezo e sucursal.

Para facer efectivo o pagamento da subvención concedida, a entidade beneficiaria deberá atoparse ao corrente tanto das súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma e co Estado como das súas obrigas coa Seguridade Social. Para estes efectos, a Secretaría Xeral da Emigración solicitará a documentación necesaria que acredite a non existencia de débedas cos ditos organismos nos termos establecidos na base cuarta.

Non obstante o anterior, unha vez resolto o expediente e para acadar a maior operatividade deste tipo de axudas, poderán acordarse pagamentos anticipados de ata un 80% dos importes concedidos, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe librarase no momento de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta resolución.

Debido á natureza destas axudas, e de acordo co artigo 65.5º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, non terán que constituír garantía as persoas ou entidades cuxo domicilio estea situado fóra do territorio nacional e carezan de establecemento permanente no devandito territorio. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 65.4º do referido decreto, quedan exoneradas de constituír garantía as persoas ou entidades residentes en territorio nacional.

Décimo segunda.-Obrigas dos beneficiarios

Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións reguladas nestas bases quedan obrigados a:

a) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

b) Se, por calquera motivo, a actuación programada non se puidese realizar, deberáselle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

c) Será obrigatoria a difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das actividades culturais subvencionadas mediante as axudas recollidas nesta resolución nos actos, documentación e publicacións que se realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición. Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede,

ao reintegro do importe concedido.

Décimo terceira.-Modificación da resolución de concesión e reintegro

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, podendo a secretaría xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de reintegro que corresponda. A solicitude de modificación deberá presentarse antes de que transcorra o prazo previsto para a realización da actividade.

Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo cuarta.-Graduación dos posibles incumprimentos

1. Para cobrar o importe da subvención concedida deberá terse realizada a actividade, o proxecto ou o obxecto para o que se concedeu a subvención. Nos casos en que se realice parcialmente, reducirase proporcionalmente o importe da subvención en función do xustificado, sempre que se cumpra a finalidade para a que se concedeu a subvención.

2. Non debe considerarse que incorre en incumprimento o beneficiario que realice parcialmente o proxecto ou a actividade que é obxecto de subvención por falta de financiamento propio, sempre que a actividade subvencionada sexa esencialmente divisible e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste caso a contía da axuda inicialmente concedida poderá minorarse proporcionalmente ao investimento debidamente xustificado.

Décimo quinta.-Compatibilidade das axudas

As axudas concedidas en virtude desta resolución serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao longo do ano 2009 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Décimo sexta.-Interpretación e desenvolvemento

Correspóndelle ao secretario xeral da Emigración interpretar estas bases reguladoras e ditar todas as resolucións que sexan precisas para o seu desenvolvemento.

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas correspondentes ao ano 2009.

Mediante esta resolución convócanse as axudas, correspondentes ao ano 2009, para a realización de actividades culturais que se recollen na base segunda nos termos que se establecen nos artigos seguintes desta resolución.

Artigo 4º.-Modelos de solicitude e documentación.

1. Para poderen ser beneficiario/a destas axudas, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na cuarta das bases reguladoras destas axudas. Igualmente, deberanse presentar as declaracións que se indican na referida base cuarta nos modelos normalizados que tamén se inclúen como anexos a esta resolución. Tanto o modelo de solicitude como os modelos das referidas declaracións, poderán obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo de internet (http://www.galiciaaberta.com/).

2. A través da solicitude proporciónanse á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para ese efecto, procederase a súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto deste ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente faise constar que o solicitante autoriza expresamente a secretaria xeral da Emigración no ámbito das súas competencias a ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá ao interesado, mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) e na páxina web galiciaaberta.com, para que, nun prazo máximo de dez días hábiles contados a partir ao da publicación, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, entenderase por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, previa resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992. Igualmente, procederá a súa comunicación ao enderezo de correo electrónico sempre que se indique na solicitude e, entenderase cumprido este trámite, coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, debe significarse

que o prazo de dez días para emendar a falta ou achegar os documentos compútase desde a publicación do requirimento e non desde a súa comunicación.

Artigo 6º.-Financiamento.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito do programa 40.50.312C.490.0 que figura na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

O crédito inicialmente destinado para esta finalidade é de 120.000 €, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 7º.-Desenvolvemento.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 8º.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa publicación non Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2009.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

Ver referencia pdf "17100D001P005.PDF"