DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2009 pola que se convoca un curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento do curso básico de capacitación para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarias/os.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron as correspondentes probas de acceso á categoría de policía dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición é gratuíta.

A academia procederá a reservar definitivamente a correspondente praza segundo a comunicación da inscrición por parte do concello de procedencia.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva e certificación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía, así como cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos referidos aos solicitantes de praza.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 9 de outubro de 2009.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax (886 20 61 22) para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Módulo transversal.

-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na academia e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia nesta rexerase polo seu regulamento de réxime interior, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Datas e horario:

-O curso, de carácter teórico-práctico, desenvolverase do 19 de outubro ao 30 de abril de 2010, en horario de luns a xoves das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas, e venres das 9.00 ás 14.00 horas. Desde o 23 de decembro de 2009 ao 6 de xaneiro de 2010 desenvolverase o primeiro período de prácticas nos concellos.

-O período de prácticas final comezará o 1 de maio e rematará o 16 de xullo de 2010.

Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe que certifique a dita superación, de modo que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de agosto de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "17000D012P034.PDF"