DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.143

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2009 pola que se convoca un curso sobre control policial da legalidade urbanística.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso sobre control policial da legalidade urbanística, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: control policial da legalidade urbanística.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Contribuír a actualizar e mellorar a formación profesional na área técnica do persoal da policía local das entidades locais da provincia, para que sexan capaces de abordar dun xeito óptimo a intervención policial.

-Ampliar os coñecementos dos/as asistentes sobre as pautas de actuación ante as distintas situacións problemáticas que se poden xerar no traballo e na operativa policial nos delitos vencellados coa legalidade urbanística.

-Dar a coñecer aos/ás participantes as últimas novidades lexislativas e normativas relacionadas co control da legalidade urbanística.

-Intentar dotar o persoal de policía local dun maior nivel de coñecementos, habilidades e destrezas axeitados ao perfil que a sociedade actual require e demanda dos corpos de seguridade.

Contido:

-Marco legal do urbanismo en Galicia.

-Procedemento sancionador e de reposición en materia urbanística.

-Delitos contra a legalidade urbanística.

-Control da legalidade urbanística por parte da policía local. Funcións de vixilancia e inspección.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal das entidades locais da provincia de Ourense pertencente aos corpos de policía local, así como outro persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Prazas ofertadas: 30 prazas.

Publicación: esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 17 de setembro.

O persoal que desexe participar nesta actividade deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, asinada polo/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello da que dependa.

As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense-Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15), rúa Progreso nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 22 de setembro de 2009 publicarase, tanto pola Deputación Provincial de Ourense (Departamento de Formación Continua (teléfono: 988 38 51 42) como pola Academia Galega de Seguridade Pública (no sitio web http://agasp.xunta.es), a listaxe das solicitudes de participación que resultaren seleccionadas.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico á dirección formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Centro Cultural da Deputación Provincial de Ourense sito na rúa Progreso nº 30.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 28 de setembro.

Data de remate: 1 de outubro.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a esta.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de agosto de 2009.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "17000D010P031.PDF"