DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 14 de agosto de 2009 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.

O actual Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador foi aprobado por Orde do 29 de outubro de 2001 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e modificado pola Orde do 22 de febreiro de 2002, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Posteriormente foi ratificado por Orde do 24 de abril de 2002, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Con posterioridade á data de aprobación deste regulamento producíronse cambios normativos importantes no relativo ao réxime xurídico e de funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Este cambio tivo lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e, posteriormente, coa dun dos seus regulamentos de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal ao que deben axustarse as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito galego e os seus consellos reguladores, sendo a novidade de máis alcance a configuración destes órganos como corporacións de dereito público con personalidade xurídica de

seu, abandonando a súa forma xurídica tradicional de entes desconcentrados da administración carentes de personalidade xurídica diferenciada dela.

Tras a aprobación do citado Decreto 4/2007 e de acordo co previsto na súa disposición transitoria primeira, durante o ano 2007 celebráronse eleccións en todos os consellos reguladores do sector agroalimentario existentes na comunidade autónoma naquel momento. Os órganos de goberno resultantes deses procesos electorais tiñan, segundo o recollido na alínea 3 da dita disposición transitoria, o encargo de elaborar, para a súa aprobación pola consellería, a proposta de modificación do seu respectivo regulamento para adaptalo ao contido da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e o citado decreto de desenvolvemento. Segundo a alínea 4 da devandita disposición transitoria, a entrada en vigor do novo regulamento determinará a constitución do Consello Regulador como corporación de dereito público.

De acordo co anterior, en meses pasados o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia iniciou o proceso para a reforma do seu regulamento, que culminou coa súa aprobación polo Pleno e a posterior remisión á Consellería do Medio Rural. Porén, esta modificación, ademais de facer unha adaptación dos preceptos do regulamento ao marco legal autonómico citado, pretende unha actualización doutros aspectos de carácter técnico relativos á definición do produto protexido que afectan o prego de condicións comunicado no seu día á Comisión Europea e sobre o que se baseou o rexistro desta indicación xeográfica. Neste caso, a normativa de aplicación europea -Regulamento 510/2006, do Consello, do 20 de marzo de 2006 e Regulamento (CE) 1898/2006, da Comisión, do 14 de decembro de 2006-, española -Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo- e autonómica -o citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro- obrigan a seguir un procedemento de certa complexidade, que culmina coa remisión

do novo prego de condicións á Comisión Europea, con carácter previo a que se poida efectuar a publicación do regulamento no que se inclúen as modificacións que afectan o dito prego de condicións.

Este procedemento xa está iniciado, pero aínda se vai dilatar por un tempo. Por outra parte, diversas circunstancias relativas ao funcionamento do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia aconsellan unha urxente modificación puntual do seu regulamento, concretamente do artigo 33º, para configurar o dito organismo, de acordo coas previsións do marco legal autonómico antes citado, como corporación de dereito público e facilitar así a súa actividade.

Por iso, mediante esta orde faise dita reforma parcial á espera de que, unha vez que remate o procedemento relativo á comunicación á Comisión Europea das modificacións do prego de condicións, se aprobe o texto completo do novo regulamento.

En virtude do anterior e de acordo co establecido na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do anexo da Orde do 29 de outubro de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.

O artigo 33º do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde do 29 de outubro de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 33º

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é unha corporación de dereito público, á que se atribúe a xestión da indicación xeográfica protexida, coas funcións que determinan a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; o establecido neste regulamento e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito de competencias do Consello Regulador está limitado ás patacas protexidas pola indicación xeográfica, en calquera das súas fases de produción, colleita, almacenaxe, selección, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros

3. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural