DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de agosto de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación Pedagógica Waldorf e se inscribe no Rexistro Auxiliar de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente tramitado por instancia da Fundación Pedagógica Waldorf para a súa declaración de interese galego e a conseguinte inscrición no Rexistro Auxiliar de Fundacións de Interese Galego.

Resultando que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola súa Orde do 30 de xuño de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo), clasificou de interese educativo a devandita fundación e a adscribiu á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en virtude da correspondente escritura pública de constitución do 3 de xuño de 2009.

Atendendo a que a referida escritura pública de constitución contén os extremos previstos no artigo 11 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e a que nos seus estatutos constan os requisitos exixidos polos artigos 12 e 13 da mesma lei autonómica.

Considerando que os fins, dotación fundacional, elementos organizativos e demais normas reguladoras da Fundación Pedagógica Waldorf cumpren cos requisitos e condicións establecidos pola mencionada Lei 12/2006, así como polas normas de xeral aplicación que determina a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións.

Considerando que este expediente o promoveron persoas lexitimadas para iso e que na súa tramitación se cumpriron os requisitos legais e regulamentarios exixidos tanto pola lexislación autonómica vixente en materia de fundacións de interese galego coma polas normas básicas estatais de xeral aplicación.

Esta consellería, consonte o disposto no artigo 32.3º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e logo do informe da asesoría xurídica deste departamento,

RESOLVE:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Pedagógica Waldorf e proceder a inscribir a escritura pública da súa constitución no Rexistro Auxiliar de Fundacións deste protectorado, de conformidade co disposto nos artigos 52.4º, 54 e 55 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e cos efectos previstos no artigo 5 desta lei.

Segundo.-Esta disposición, que pon fin á vía administrativa de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser impugnada potestativamente mediante recurso de reposición no prazo dun mes ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria