DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2009, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establece o servizo de transporte regular temporal a lugares de lecer para a ruta Pontedeva-Cortegada, e pola que se abre un prazo para presentar solicitudes de autorización para a prestación do servizo.

Antecedentes.

Primeiro.-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (anteriormente denominada Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes), por medio da Orde do 25 de febreiro de 2009, estableceu as bases reguladoras e convocou as subvencións para o establecemento de servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBús.

Segundo.-De conformidade co disposto na devandita orde e no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer (en diante o Decreto), Autocares Camilo Heredia, S.L. presentou solicitude de establecemento do servizo para a ruta Pontedeva-Cortegada ante o Servizo Provincial de Transportes (actualmente Servizo de Mobilidade).

Terceiro.-Unha vez examinada a solicitude, de conformidade co artigo 6.2º do Decreto, o servizo provincial (Servizo de Mobilidade) elevou proposta estimatoria sobre o establecemento do servizo ao director xeral de Mobilidade.

Fundamentos xurídicos.

Único.-Segundo o artigo 103 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei de ordenación de transportes terrestres, e o artigo 6 do Decreto, a prestación de servizos de transporte regular temporal a lugares de lecer requirirá un acordo previo de establecemento do servizo, e corresponderalle ao titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditar resolución expresa ao respecto.

En consecuencia, e vista a normativa aplicable, resolvo estimar a solicitude de establecemento do servizo de transporte regular temporal a lugares de lecer para a ruta Pontedeva-Cortegada nos termos establecidos no anexo e, de acordo co establecido no artigo 6.3º do Decreto, habilítase un prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte da publicación desta resolución no DOG, para que os empresarios de transportes poidan presentar solicitude de autorización do servizo. Para estes efectos deberán achegar a documentación que se relaciona no artigo 6.1º do dito Decreto.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2009.

Miguel Rodríguez Bugarín

Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Datos do servizo

Ruta: Pontedeva-Cortegada.

Paradas: Freáns de Deva, Xinzo, Quintela de Leirado, Moreiras, Gomesende, A Guía, Fustáns, Vilela, Refoxos, Cortegada.

Horarios:

-Ida: 23.00 - 00.45 h.

-Volta: 00.00 - 4.45 h.

Quilómetros totais do servizo: 102.

Calendario de prestación do servizo:

-2009: 4/9, 11/9, 18/9, 25/9, 2/10, 9/10, 16/10, 23/10, 30/10, 6/11, 13/11, 20/11, 27/11, 4/12, 11/12, 18/12, 25/12.

-2010: 1/1, 8/1, 15/1, 22/1, 29/1, 5/2, 12/2, 19/2, 26/2, 5/3, 12/3, 19/3, 26/3, 2/4, 9/4, 16/4, 23/4, 30/4, 7/5, 14/5, 21/5, 28/5, 4/6, 11/6, 18/6, 25/6.

Número mínimo de prazas: 22.