DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 31 de agosto de 2009 Páx. 14.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2009, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establece o servizo de transporte regular temporal a lugares de lecer para a ruta Vila de Cruces-Touro, e pola que se abre un prazo para presentar solicitudes de autorización para a prestación do servizo.

Antecedentes.

Primeiro.-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (anteriormente denominada Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes), por medio da Orde do 25 de febreiro de 2009, estableceu as bases reguladoras e convocou as subvencións para o establecemento de servizos de transporte público nocturno a lugares de lecer baixo a marca NoiteBús.

Segundo.-De conformidade co disposto na devandita orde e no Decreto 80/2005, do 31 de marzo, polo que se regulan os servizos de transporte público a lugares de lecer (en diante o Decreto), Transportes Mosquera, S.L. presentou solicitude de establecemento do servizo para a ruta Vila de Cruces-Touro ante o Servizo Provincial de Transportes (actualmente Servizo de Mobilidade).

Terceiro.-Unha vez examinada a solicitude, de conformidade co artigo 6.2º do Decreto, o servizo provincial (Servizo de Mobilidade) elevou proposta estimatoria sobre o establecemento do servizo ao director xeral de Mobilidade.

Fundamentos xurídicos.

Único.-Segundo o artigo 103 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei de ordenación de transportes terrestres, e o artigo 6 do decreto, a prestación de servizos de transporte regular temporal a lugares de lecer requirirá un acordo previo de establecemento do servizo, e corresponderalle ao titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditar resolución expresa ao respecto.

En consecuencia, e vista a normativa aplicable, resolvo estimar a solicitude de establecemento do servizo de transporte regular temporal a lugares de lecer para a ruta Vila de Cruces-Touro nos termos establecidos no anexo e, de acordo co establecido no artigo 6.3º do Decreto, habilítase un prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte da publicación desta resolución no DOG, para que os empresarios de transportes poidan presentar solicitude de autorización do servizo. Para estes efectos deberán achegar a documentación que se relaciona no artigo 6.1º do dito Decreto.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2009.

Miguel Rodríguez Bugarín

Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Datos do servizo

Ruta: Vila de Cruces-Touro.

Paradas: praza do concello, campo da festa Carbia, campo da festa Piloño, Señorín-Camanzo, gasolineira-Gres, Don Sancho-Ponte Ledesma, O Nervioso-Camporrapado, estrada Foxás, estrada A Obra, Ribeira-Remesquide, campo da festa Fao, Touro.

Horarios:

-Ida: 23.00 h.

-Volta: 5.00 h.

Quilómetros totais do servizo: 76.

Calendario de prestación do servizo:

-2009: 10/10, 17/10, 24/10, 31/10, 7/11, 14/11, 21/11, 28/11, 5/12, 12/12, 19/12, 26/12, 31/12.

-2010: 2/1, 9/1, 16/1, 23/1, 30/1, 6/2, 13/2, 20/2, 27/2, 6/3, 13/3, 20/3, 27/3, 3/4, 10/4, 17/4, 24/4, 1/5, 8/5, 15/5, 22/5, 29/5, 5/6, 12/6, 19/6, 26/6.

Número mínimo de prazas: 50.